Suspenden por segunda vez un xuízo contra cinco acusados de tráfico de droga

Impútaselles formar parte dunha organización que actuaba en Ourense, Madrid e Venezuela

A Audiencia Provincial de Ourense aprazou novamente o xuízo que estaba previsto que se celebrase este martes contra cinco acusados por traficar sustancias estupefacientes en botes de xel.

A todos eles impútaselles formar parte dunha organización dedicada ao tráfico de droga con actuacións en Ourense, Madrid e Venezuela.

Segundo puido saber Efe, o xuízo foi aprazado por segunda vez, tras alegar o xuíz motivos persoais. A vez anterior, a sesión foi suspendida por enfermidade dunha das letradas.

A investigación comezou por mor dun servizo rutineiro da brigada de Seguridade Cidadá da Policía Nacional con motivo das festas do Couto en maio de 2011, cando os axentes localizaron no interior dun vehículo catro botes de champú con sustancias estupefacientes.

No marco das investigacións, tres familiares o marido, a súa esposa e o irmán dela, sen antecedentes, foron acusados de suposto tráfico de drogas.

A policía cre que J.L.C.P. e a súa muller, dedicábanse ao tráfico de sustancias, mentres que outro exercía de recadero, actividade pola que supostamente recibía unha porcentaxe. O resto serían colaboradores e tamén axudaban a mover a mercancía.

Por estes feitos, a Fiscalía solicita penas que oscilan entre os catro anos e medio e os sete e medio de prisión para os cinco acusados e multas que se moven entre os 46.531 e os 128.784 euros.

Comentarios