Feridas seis persoas nun accidente múltiple na A-6, á altura de Aranga

No sinistro víronse implicados cinco turismos e un camión cisterna, cando circulaban en dirección A Coruña, no punto quilométrico 554

Un total de seis persoas resultaron feridas na tarde deste luns nun accidente múltiple que tivo lugar na A-6, á altura do concello coruñés de Aranga.

No sinistro víronse implicados cinco turismos e un camión cisterna, cando circulaban en dirección A Coruña, no punto quilométrico 554. Foron varios os particulares que alertaron ao CAE 112 Galicia ao fío das 15:00 horas para informar o accidente.

A partir de aí, informouse o persoal sanitario, os efectivos do GES de Curtis e aos axentes de Tráfico. Ademais, requiriuse a intervención do persoal de limpeza e mantemento da vía do Ministerio de Fomento.

Pola súa banda, os feridos foron evacuados por Urxencias Médicas ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

O CAE 112 Galicia tamén tivo constancia doutra colisión na que se viron implicados un coche e un camión. Neste caso, a condutora do turismo resultou ferida. O accidente tivo lugar en Vigo, na PO-331, á altura da parroquia de Zamáns. Igualmente, tras recibir a alerta ás 16:00 horas, o 112 Galicia informou o persoal sanitario, ás forzas da orde e a Protección Civil da cidade.

Comentarios