Tres persoas feridas por mor dunha colisión frontal na N-VI, en Sada

Dous vehículos chocaron á altura do Polígono Espirito Santo e os seus ocupantes puideron saír polos seus propios medios, pero foron evacuados en ambulancia a un centro hospitalario

Unha colisión frontal entre dous vehículos na N-VIN, á altura do Polígono Espirito Santo, en Sada, saldouse na tarde deste martes con tres persoas feridas.

Ata o lugar do accidente desprazáronse os Bombeiros de Betanzos alertados polo persoal do 112 Galicia, pois as primeiras informacións apuntaban a que había unha persoa atrapada. Finalmente, os ocupantes puideron saír dos vehículos polos seus propios medios e, a continuación, foron evacuados en ambulancia ao centro hospitalario de referencia.

Pouco antes das seis desta tarde, un particular contactou co 112 para pedir axuda. Á parte dos efectivos do parque comarcal, os xestores do Cae 112 Galicia avisaron a Urxencias Médicas, aos axentes da Garda Civil de Tráfico e aos membros do Servizo Municipal de Protección Civil.

CAMBRE
. Na área da Coruña producíronse, ademais, outros dous accidentes. Ambos na localidade de Cambre. O primeiro ocorreu sobre as catro e media da tarde cando un turismo se saíu da vía e caeu por un terraplén. Pese ao golpe, a condutora saíu polos seus propios medios e resultou ilesa. Aínda así, por precaución, foi trasladada en ambulancia ao Centro de Saúde.

Media hora máis tarde, dous coches chocaron na estrada que une Cambre con Sigrás e o persoal do 112 Galicia solicitou a intervención dos técnicos sanitarios.

Comentarios