Un accidente con tres camións provoca o corte da estrada en Viana

Unha persoa resultou ferida leve

Un accidente de tráfico, ocorrido este xoves á altura do termo municipal de Viana do Bolo, con tres camións implicados, saldouse cun ferido de carácter leve e obrigou a cortar ao tráfico a estrada, ao esparexerse parte da mercancía pola estrada, detallaron a Efe a Garda Civil de Tráfico e o 112.

O accidente rexistrouse sobre as 15:30 horas deste xoves no punto quilométrico 4,500 da estrada comarcal OU-533, ao seu paso polo termo municipal de Viana do Bolo, na provincia de Ourense.

No accidente, unha persoa resultou ferida leve e fontes de Tráfico detallaron que un dos camións "envorcou sobre o seu lateral ocupando todo o ancho da calzada", impedindo o paso en ambos os sentidos, o que obrigou a cortar ao tráfico a estrada.

Actualmente, a DXT estableceu como "paso alternativo" a estrada local OUP-0000, que vai dende A Gudiña a Viana do Bolo. O corte podería demorarse varias horas para proceder á retirada da carga e dos camións.

Segundo detallaron fontes do 112, os vehículos levaban no interior abono, area e cemento. Parece ser que o abono foi a sustancia que caeu á estrada.

Comentarios