Os montes ourensáns seguen en alerta pese ao control dos incendios da Veiga

Este novo foco, declarado na tarde deste xoves na parroquia de Riomao, supera xa as 50 hectáreas queimadas ► Súmase ao que castiga o núcleo e Meixide desde o martes e que arrasou unhas 150

O municipio ourensán da Veiga continúa este venres loitando contra o lume. Ao incendio forestal declarado o martes na parroquia de Meixide sumouse na tarde deste xoves outro na de Riomao, que de momento supera xa as 50 hectáreas de afectación. Segundo informa a Consellería de Medio Rural, no resto da comunidade non hai ningún outro foco activo que queimen máis desa superficie.

O primeiro dos lumes da Veiga iniciouse na tarde do martes e está controlado desde as 19.15 horas do mércores, tras arrasar unhas 150 hectáreas. O segundo comezou ás 16.00 horas deste xoves. Nos traballos de control, participaron ata o momento dous técnicos, 13 axentes, 32 brigadas, 15 motobombas, dúas pas, cinco helicópteros e catro avións, varios deles, desprazados polo Ministerio de Medio Ambiente.

En declaracións, o alcalde da localidade sinalou, desde a prudencia, que os lumes están agora mesmo "practicamente controlados" logo do que cualificou como uns días nefastos para esta zona oriental da provincia.

No entanto, destacou a "inmediatez" da chegada dos servizos de loita contra os incendios e "o bo estado das pistas" que impediron males maiores derivados dunha maior propagación do lume a outras zonas. A pesar do balance "negativo", comentou que agora o máis importante é empezar a traballar para ter "os montes limpos" e replantar as zonas afectadas.

Os incendios, ocorridos en zonas consideradas de alto valor ecolóxico, afectan a un importante bosque de piñeirais, polo que advertiu aos que prenden de "que non é só o dano que exercen ao territorio", senón todo o traballo que supón a súa recuperación


Efectivos das Brigadas de Reforzo de Incendios Forestais (Brif) de Laza traballan no lugar e colgaron en Twitter vídeos do seu traballo en Riomao.

Comentarios