Unha colisión entre un bus urbano e un turismo sáldase cunha muller ferida en Cambre

Tivo lugar na DP-1706 á altura do lugar da Barcala. No transporte público só viaxaba o condutor, que non sufriu ningún dano

Unha muller foi trasladada en ambulancia polos servizos sanitarios de urxencia tras resultar ferida nun accidente de tráfico rexistrado este mércores ao mediodía no concello coruñés de Cambre, informou a central que coordina as urxencias en Galicia. 

No sinistro, chocaron un autobús urbano e un turismo, no que unicamente viaxaba a muller que se lesionou e, por fortuna, o transporte público ía baleiro e ninguén máis se viu prexudicado por este episodio.

O accidente sucedeu ao fío das dúas e media da tarde na DP-1706, a estrada que une Cambre e O Burgo, á altura do lugar da Barcala.

O persoal do 112, tras recibir o aviso dun particular, informou a Urxencias Médicas, aos efectivos de Protección Civil de Cambre  e a axentes da Policía Local.

Ademais, foi requirida a intervención do persoal de limpeza e o mantemento da estrada da Deputación da Coruña. 

Comentarios