Trasladados ao hospital ao sentirse mareados ao acender unha grellada

Un incendio calcina un coche en Val do Dubra ► Arde unha campá extractora nun piso de Santiago

Unha nai e os seus dous fillos, un bebé de oito meses e un mozo de catorce, foron trasladados este xoves logo de sufrir mareos ao acender unha grellada na súa vivenda de Camariñas. Foi a muller quen informou os feitos ao Cae 112 Galicia ás 22.45 horas. Segundo o seu relato, acenderan a grellada ao non ter calefacción no inmoble. 

Os servizos médicos desprazáronse ata o lugar, na Rúa tras Hortas e a familia foi trasladada ao centro sanitario de referencia. 

Así mesmo, o Centro de Atención ás Emerxencias de Galicia púxose en contacto coa Policía Local e a Garda Civil. 

Incendio en Santiago e Val do Dubra

O Cae 112 Galicia recibiu tamén este xoves, sobre as 21.00 horas da noite a alerta dun particular que informaba de fume nunha vivenda. Explicaba que saía fume pola fiestra do primeiro piso dun edificio de cálea Rosalía de Castro, en Santiago de Compostela. 

Enseguida, se lle pasou aviso aos Bombeiros da cidade de Santiago e informouse á Policía Nacional, Local e a Protección Civil. Urxencias Médicas tamén chamou ao 112 Galicia para informar os feitos. Unha vez no lugar os efectivos de extinción confirmaron que ardera a campá extractora da cociña e o fume afectou o resto da vivenda. 

Por outra banda, case á mesma hora, o 112 Galicia tivo constancia doutro incendio en Val do Dubra. Neste caso ardeu unha furgoneta que, segundo os Bombeiros de Santa Corda, calcinouse na súa totalidade. 

Ata o lugar desprazáronse, ademais, os axentes de Tráfico e os membros de Protección Civil da localidade. Todos eles avisados polo persoal do 112 Galicia.

Comentarios