Trasladada ao hospital tras un incendio na cociña da súa casa de Ortigueira

Arde unha casa que funcionaba como albergue en Xunqueira de Ambía

Unha muller intoxicouse polo fume nun incendio na súa casa de Ortigueira. O lume, que se orixinou nunha cociña de butano, provocou importantes danos materiais no piso superior da vivenda. A dona da casa foi trasladada polos servizos sanitarios á PAC de Santiago de Compostela. 

Foi unha veciña quen alertaba do lume ao Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia ás 22.00 horas deste xoves. Os Feitos tiveron lugar na estrada de Leixa, concretamente na Parroquia da Veiga. Os Bombeiros do Eume foron avisados. Con todo non foi necesaria a súa actuación xa que o GES de Ortigueira xa controlara o lume. Desde o CAE 112 Galicia pasouse aviso, tamén, á Garda Civil. 

Arde un albergue en Xunqueira de Ambía 

Unha casa que funcionaba como albergue ardeu en Xunqueira de Ambía, na provincia de Ourense. Os feitos tiveron lugar este xoves, na rúa San Rosendo. Un particular alertaba do incendio ao Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia ao fío das 03.30 horas. 

O lume deixou importantes danos na vivenda e afectou, parcialmente, a outras casas lindeiras. No interior do inmoble estaban dúas persoas. Non resultaron afectadas. 

Ata o punto desprazáronse os Bombeiros de Xinzo de Limia e os Bombeiros de San Cibrao. O lume foi controlado e aseguraron que non se propagou. O CAE 112 Galicia informou do sucedido, tamén, a Protección Civil da Xunqueira, Allariz, Vilar de Barrio e Maceda. Ademais, pasouse aviso á Garda Civil.

Comentarios