Incendiario superstar

Efectivos na loita contra os incendio en Lourical do Campo, Castelo Branco, Portugal. PAULO NOVAIS (EFE)
Efectivos na loita contra os incendio en Lourical do Campo, Castelo Branco, Portugal. PAULO NOVAIS (EFE)
A nai antes de morrer deulle un consello: non teñas fillos e mira só polo teu

Despois sen gran remorso pasou do tema; e igual por medo a acabar como a vella, toda consumida de tanta inimizade co mundo, tirou máis polo desinterese e a filantropía. Sería por iso que tivo un fillo, por non querer dicir que non, por encaixar. Comprar tampouco o comprou (como Chimamanda ou o disfrace daquel neno do Galicia Noticias), pero que traballo lle foi dar. Agora, iso si, andaban na casa preocupados por velo tristeiro e metido na habitación. Entón, trouxéronlle un quad, por iso de facer deporte e que lle dese o aire. Unha bicicleta saía máis barata, pero tal como conduce a xente e o torpón e pouco espelido que é o coitado, quedaban máis tranquilos co quad. E parece que lle gusta o invento: cólleo pola mañá e non aparece ata case a noite. Con el sube ata o castro e alí arriba mira para o val, prende un cigarro e derrúbase sobre o manubrio. Despois dálle unha patada ao acelerador e fai ceros con furia por riba das pedras; levanta unha poeira que se ve de lonxe, as bágoas non tocan o chan reseco e os seus berros non os escoita ninguén.

Se o neno tivese traballo, pensa el, andaría máis contento e ilusionado ca vida. Anunciaron moi sorrintes na tele que ían montar unha fábrica enorme: alí precisarían xente a esgalla e ata ao fillo, que diciamos non é moi espelido pero ten dúas mans, poderían metelo dentro. Logo resulta que os políticos botaron o asunto para atrás e xa presentiu moitos días iguais, cunha pantasma baixando da cama ao quad e do quad á cama.

Foi buscando facer algo, porque se non quedas como estás, que prendeu lume ao monte: nel non hai nada de valor, estorba tanto como incomoda e baixo a cativa sombra da toxeira nunca agroma a semente do futuro. Quen sabe! Se cadra recalifican o ermo, fan algo útil e non montan xa unha fábrica, que acabaría explotando aos traballadores; senón un campo de golf ou mellor, urbanización de luxo. Estas cousas si darían vida ao lugar. Pero xa estamos a poñer o carro diante dos bois: este lume xa está a crear riqueza. Bombeiros e brigadistas cobrarán o xornal, mellor o pouco que lles paguen a estar na casa; e, cando exhaustos rematen o choio, irán facerlle gasto ao bar. Os helicópteros de extinción meterán gasolina e de paso comprarán o xornal e ata uns caramelos, que os pilotos si gañan ben e non miran o carto. Ademais que mentres están aquí a traballar non os chaman de destinos máis perigosos, que mira a de guerras que hai polo mundo adiante.

Facendo isto adiántase ás manobras de políticos e empresarios. Estes sempre están ca cabeza a traballar nos seus intereses e proveitos. Ou mándanche limpar as fincas para que gastes os cartos ou prohiben facelo para pórlle lume eles mesmos: ben viu o helicóptero voando baixo, aos mandos un estirado de traxe, garavata e chisteira e fumar un puro mentres ría xunto unha asesora en bikini, tirar un cóctel molotov pola ventá. Debe ser o mesmo aparato que guinda o lobo, o xabaril, a raposa, a couza guatemalteca, e reparte inmigrantes polos hoteis.

O certo é que dá gusto facer algo polos demais. Especialmente cando ves os resultados. Ao principio daba así como pudor, logo nervios e unha certa incomodidade; pican os ollos e mais a gorxa, custa respirar, o aire faise denso, persistente e ata afunde o peito por dentro. Logo, iso si, cólleslle o gusto. Ai, ese aire irreal que colle o ceo! O barullo das sereas, os helicópteros, os hidroavións (que espectáculo os hidroavións) e hai que confesalo porque quen diga que non mente, o crepitar das chamas. O abanear preñado das árbores. E o tempo, que se detén na espera e logo estoupa nun frenesí veloz e imprevisible.

Disque hai artistas que cando van tocar saen horas antes polo recinto disfrazados con perrucas, lentes de sol e batas longas (como Karen Black en A trama, a derradeira película de Hitchcock) para meterse entre os fans e ver como respiran. Parece ser que se non escoitan xirar a conversa sobre eles deprímense e desa tristura sacan a rabia para o show.

Coa cinza movida polo vento a caerlle sobre a perruca, os lentes e a bata longa, o noso incendiario superstar vai contando as cousas que arderon e agora ve renegridas e en esqueleto: tres vellos Land Rover;  unha Toyota Hilux noviña, case do trinque; varias toneladas de herba seca (así a ollo); dez mil quilos de soños e recordos; unha boa parte do futuro, e mais un quad.

Comentarios