Opinión

Convulsións no Oribio

Un dos camiños que levan ao alto do Oribio desde Santa Mariña (Samos)
photo_camera Un dos camiños que levan ao alto do Oribio desde Santa Mariña (Samos)

LEVABA DOCE horas en Santa Mariña sen cobertura cando empecei a notar as primeiras convulsións. Doce horas sen WhatsApp. Doce horas totalmente desconectado. En todo ese tempo fórame convencendo de que, nalgún lugar do mundo, había algún amigo en apuros tratando de comunicarse comigo por un asunto realmente inaprazable. Non o dubidei. Calcei os tenis vellos e lanceime Oribio arriba. Baixo un sol de xustiza. Por un camiño de terra no que a cada paso se levantaba un nubeiro de po seco que case non deixaba respirar. Deixei atrás a Lucencia, o Recachacú e o Bidoal. A duras penas alcancei o cumio*. Foi alí onde recuperei a cobertura. Desbloqueei o teléfono coas mans trémulas e comprobei que efectivamente, como sospeitaba, tiña unha mensaxe: Descubre la nueva tarifa plana de Orange.

* No cumio, ademais da cobertura, agardaba tamén unha enorme e inacabada estrutura de formigón e ferro, mastodóntica testemuña do parque eólico paralizado. Pero esa é outra historia.

Comentarios