Opinión

De 'pandoras' e 'vicepandemias'

O FERNANDO Simón madrileño durou o que dura unha améndoa na gorxa do Fernando Simón verdadeiro: unha carraspeira. Bouza aguantou dous días no cargo. O que tardou o microbiólogo vilalbés en comprobar a auténtica dimensión dun dos episodios máis lamentables da pandemia. Goberno e Comunidade de Madrid afánanse en librar unha guerra estúpida, mentres nos barrios e cidades-dormitorio da periferia o virus se espalla, polas veas abertas do suburbano, das fábricas aos pisos angostos nos que malviven os traballadores.

Non sei se Ayuso é a pandora que abriu a caixa de todos os males en España. Sinceramente, dubídoo, por moito que a súa incapacidade pareza algo fóra de toda dúbida. Tampouco creo que o foran no seu día nin Pedro el sepulturero nin o vicepandemias Iglesias, que foi como a dereita máis rastreira alcumou a presidente e vicepresidente nos peores embates do virus.

Necesitamos buscar culpables para aquilo que non logramos comprender. Na nosa soberbia típicamente humana non entendemos que un bechiño minúsculo poida poñer en xaque a todo o planeta. A dereita apunta á esquerda; a esquerda mira á dereita. Vemos conspiracións mundiais, para uns lideradas por Soros e Bill Gates, para outros por malvados científicos chineses. Ayuso é a encarnación mesma do diaño. Ou Fernando Simón, dependendo da cor política coa que vexamos a vida pasar..

Desde logo que fixemos moitas cousas mal como humanos que contribuíron a que este virus se expandira máis do que debera, a maioría delas atribuíbles aos nosos modos de vida obscenamente capitalistas e consumistas. Pedimos a berros que se limite a mobilidade en tal ou cal territorio pero logo mercamos por Amazon unha funda para o teléfono fabricada en Taiwán ou unha aspiradora que aspira soa feita con man de obra barata en Singapur.

Talvez os culpables sexamos todos. Ou talvez non o sexa ninguén. Quizais é que simplemente somos simples humanos, con toda as nosas debilidades. 

Comentarios