jueves. 28.10.2021 |
El tiempo
jueves. 28.10.2021
El tiempo

Abbott Joseph Liebling, corazón de boi

Abbott Joseph Liebling (1904-1963) iniciou toda unha estirpe do periodismo moderno. O seu xeito de contar, sendo periodista como se fose espectador, creou escola. Escribiu sobre a Segunda Guerra Mundial, boxeo, carreiras de cabalos e xantares, pero tamén asinou centos de piezas en The New Yorker sobre persoas anónimas e singulares, como un cobrador de recibos ou o derradeiro saltador de elefantes

Abbott Joseph Liebling

ABOTT JOSEPH Liebling morreu en 1963, hai 75 anos. Confiara en chegar aos 60, pero sabía que regalara ao seu corpo toda canta comida e bebida lle requerira, e que non chegaría ao vindeiro 18 de outubro. Mesmo aceptou que non chegaría ao hospital onde o trasladaba unha ambulancia aquel 28 de decembro. A nevada era tan densa e negra como o sangue que se lle remansaba nas arterias. O xornalista fixo un testamento oral, pronunciou a frase pola que pretendía ser lembrado como o grande do periodismo que era. Vocalizou detidamente, entre afogo e tusido, para que os sanitarios puidesen memorizar a súa sentenza, pero eles demostraron ser tan vulgares como o resto dos norteamericanos. Liebling falou en francés e non comprenderon nada.

O seu amor por Europa era anterior ao seu desprezo cara aos Estados Unidos. Nacera nunha familia de Manhattan, fillo dun peleteiro de orixe alemá e xudea. Os pais visitaban con relativa frecuencia á familia xermana. Nunha viaxe, cando tiña tres anos, Abbott Joseph viu desfilar o exército alemán. A través desa lembranza intuíu o quería ser: un guerreiro, un heroe. Nunca pensou que a súa gloria acabaría difuminada pola ignorancia do persoal dunha ambulancia.

Tras estudar en varios colexios demasiado solemnes para os seus intereses, empezou a traballar en prensa. Foille ben, pasou dun pequeno periódico ao The New York Times nuns meses. Para entrar no xornal máis notorio do mundo, contratou un home anuncio. O seu empregado paseábase por dous dólares ao día por diante da sede da Dama Gris, de norte a sur e de sur a norte, cun cartel no peito e outro nas costas nos que se lía: Señor Director: Contrate a Joe Liebling. Tivo que investir capital paterno durante unhas semanas, pero acabou logrando o obxectivo.

Entrou na sección de Deportes, algo que lle permitiu acceder aos combates de boxeo, a disciplinaba que tanto o fascinaba. "É toda unha emoción sentir que o único que te separa dos primeiros vitorianos é unha sucesión de puñadas no nariz". Unha noite na que foi entregar a súa crónica, presumiu da astucia que ideara para ser contratado. O seu xefe directo, un periodista da vella garda, un italiano inmisericorde, advertiulle coa súa voz rouca que de nada servira contratar publicidade: 
—Non che valeu de nada, Abott, o señor director entra e sae da sede do periódico por unha porta traseira.

Polas mañás, antes de empezar a traballar, acudía a un ximnasio para boxear. A loita regrada entre dous homes nun espazo delimitado era unha guerra a escala. Conservaba os valores das novelas de cabalería.

Cando coñeceu os combates de verdade, con nazis e aliados sacándose os ollos en Omaha, escribiu que "a guerra é repetitiva e desigual". Pero aínda no cumprira os 22 e ignoraba que os soldados non atenden ás normas, senón á supervivencia. O boxeo permitiulle soñar coa gloria ata que botou contas e calculou que recibía máis ganchos e uppercuts dos que daba. Daquela, preferiu contar os combates que verse golpeado polo seu fragor.

As súas informacións  eran orixinais. Falaban máis do ambiente que das estratexias dos combatentes

The New York Times proporcionoulle unha acreditación para sentar no palco da prensa, pero Liebling deixábaa na casa para ver os asaltos no medio do público. Quería sentir a excitación, cheirar o suor, escoitar os berros do afeccionados aos púxiles e sorrir co enxeño dos insultos ao árbitro. As súas informacións, xa daquela, eran orixinais. Falaban máis do accesorio que do nuclear, máis do ambiente que das estratexias dos combatentes; cada argumento quedaba apuntalado pola opinión de Colonel John R. Stingo. O sagaz xefe italiano de Deportes tardou menos que máis en fixarse no detalle de que o árbitro que figuraba en todas as informacións de Liebling se apelidaba Ignoto. Desconfiou da febril actividade deportiva daquel home, polo que pediu un diccionario de italiano e confirmou que ignoto significa descoñecido. Abott Joseph Liebling perdeu o traballo, pero inventou un xornalismo despectivo co dato e preocupado por situar o lector na zona cero da noticia.

Pasarían décadas para que Tom Wolfe se apropiase das súas técnicas baixo o nome de Novo Xornalismo. O periodismo empezaba a mesturarse coa literatura e, acabou tamén por saberse que o rapaz que cubría o boxeo xa se pasara ao bando da literatura. Inventaba as sólidas opinións de Colonel John R. Stingo sobre as veladas ás que non acudira.

O pai de Abbott Joseph empezou a temer o futuro daquel rapaz que non deixara de frecuentar rings nin restaurantes, pero que, dende que estaba no paro, o facía a súa costa. Xa coñecía o terror que lle producían ao seu fillo as organizacións, os horarios e o sacrificio, polo que decidiu afastalo daquel ambiente embrutecido e vulgar que el sospeitaba que se vivía nos ximnasios e nos clubs de boxeo.

"Unha mañá de primavera de 1926 o meu pai díxome: 'Vives dicindo que che gostaría pasar un ano en Europa. Estás tan interesado no teu traballo que, se non vas agora, non irás nunca'", conta en Between Meals (Entre comidas), as memorias do ano en París. Engade que "temendo que mudase de idea, díxenlle que non debía ir: 'Estou pensando en casar. A miña noiva é dez anos maior ca min. A súa nai talvez considere demasiada ousada a idea  porque a miña moza está sendo mantida por un comerciante de algodón de Tennessee'". Diante do temor da reacción do algodoeiro, o pai comproulle unha pasaxe trasatlántica.

Liebling escolleu París, fascinado polo hedonismo e a cultura da cidade. Na maleta metera libros dos seus favoritos. Os ingleses Charles Dickens,  mestre de Shakespeare e Christopher Marlowe; os franceses Rabelais e Céline. A maleta non pechaba ben; non pola roupa, senón polos guantes negros de boxeo. Matriculouse na mellor universidade do mundo, A Sorbona, na súa carreira favorita, Literatura Medieval. En todo o curso non chegou a coñecer un profesor, nin un compañeiro, nin un aula; nin sequera a facultade.

Pode confiar en que é bo un restaurante no que vexa con frecuencia curas e  prostitutas comendo

O seu pai entregáralle 50.000 dólares. Cada dólar eran 26 francos, polo que disporía de 1.300.000 francos para gastar en dez meses.
Na primeira mañá paséase polos restaurantes do Barrio do Latín. Toma nota dos menús. Na pensión, bota contas e calcula que "un connaisseur (larpeiro) que dispoña de seis francos logo se decataba de que media botella de Tavel superieur, a tres francos e medio, e un corazón de boi asado na grella, con nabos amarelos, a dous francos e medio, proporcionábanlle o mesmo pracer que un faux fillet (contrafilete, lombo), a cinco francos, e media botella de ordinaire, a un franco. El podería descubrir que o corazón, co seu sabor forte e intenso, e a súa estrana textura, lle agradaba tanto como un bistec". A maiores de saberse rico porque podería almorzar, xantar e cear gloriosamente cada día daquel curso, queda extasiado por unha segunda revelación. "Se vostede tropeza cun restaurante no que vexa con frecuencia curas xantando en compañía de curas, ou prostitutas comendo con prostitutas, pode confiar en que é bo. Son o tipo de persoas ás que lles gusta comer ben e facer rendir os seus cartos", anota en Between Meals, onde advirte que non se pode un fiar dun restaurante no que un sacerdote xante cun fregués ou no que unha prostituta estea cun cliente "porque non se preocuparán da conta".

Por ese tempo vai medrando nel o seu desprezo por Proust. "Á luz do que Proust escribiu con tan leve estímulo como foi unha madalena, non ter un apetito maior foi un amolo para os seus lectores e unha perda para o mundo. Cunha boa ducia de ostras, unha sopa de peixe, algunhas vieiras, tres cangrexos de caparazón brando salteados, algunha que outra mazorca de millo recentemente cultivada, un xeneroso filete de peixe espada, un par de langostas e un pato de Long Island, podería lograr algo infinitamente superior, incluso unha obra mestra", sinalou en relación a Na procura do tempo perdido.

A pesar da felicidade que atopa nos restaurantes de Monmatre e na Guide Rose —guía de prostíbulos, "infinitamente superior á Guía Michelin"— non supera a frustración de non ser boxeador. Polas noites, no cuarto, contempla os seus guantes negros e resígnase a non poder pelexar cos artistas cos que se relaciona, entre viño barato e derramado, e entre prostitutas cansas e maternais. Sabe do American Club, "onde figuras literarias, como Hemingway ou Morlley Callaghan, intercambian golpes". O afervoado Liebling desiste de acudir ao club, porque teme que "non van querer boxear contra alguén que non ten libros publicados".

Abbott Joseph Liebling botou a vida regresando a París. Francia agradeceu o seu cariño cunha condecoración en 1952. "Fun condecorado pola máis decepcionante das razóns: por ser escritor. Ás veces, quito segredamente a medalla do seu estoxo e miro para ela finxindo que a recibín saltando a cabalo sobre as baionetas dun escuadrón británico en Waterloo e que, despois de entrar no cuartel inimigo, decapitei un coronel, un inexpresivo parlamentario conservador da Cámara dos Comúns".

La dulce ciencia
Nomeado como o mellor libro de deportes de todos os tempos pola revista Sports Illustrated en 2002, La dulce ciencia recompila as clásicas pezas de Liebling sobre boxeo, esa "doce ciencia dos negróns". A través das súas páxinas, Liebling ofrece un retrato animado e diosincrásico do universo puxilístico de principios da década de 1950 —época dourada do boxeo estadounidense—, un mundo que inclúe a personaxes de todo tipo: representantes bocapodres, adestradores veteranos e loitadores como Joe Louis, Rocky Marciano, Sugar Ray Robinson ou Archie Moore.

Abbott Joseph Liebling, corazón de boi
Comentarios