miércoles. 20.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 20.10.2021
El tiempo

Amigos que se me manifestan en soños

Unha amiga está embarazada. Mandareille un wathsapp porque ela non o sabe. Contoume mentres eu estaba durmindo

Cela

A MIÑA AMIGA atópase constrinxida nesa idade nas que as mulleres son rodeadas pola vertixe social da perpetuación, polo mandato cruel da especie.

Unha madrugada veu á cama para anunciarmo. Mireille para o ventre. Gardaba a mesma curvatura lixeira e fértil de sempre. Non podo fiarme porque, nos meus soños, cada persoa ten o mesmo aspecto da última vez que a vin.

A miña cama é unha mesa petitoria de médiums e espíritos.

A Proust visitábano páxinas enteiras de Na procura do tempo perdido polas noites. Ao espertar cada mañá recollía os folios que lle quedaran esparecidos entre as sabas e caídos na alfombra ao adurmentar. Apresurábase a escribir para que non se lle esvaecesen as ideas.

A Baroja visitábano os falanxistas. Cargaban coa ilusión de que así os citaría nas Memorias de un hombre de acción. Pero aqueles anxos exterminadores non acudían aos seus soños, senón á súa vixilia. Unha tarde, un talde uniformado, e condecorado de xugos e frechas, foille á casa. O narrador estaba moribundo e delirante.
—¿Cómo se encuentra, don Pío? —preguntou  o pintor camisa azul Alfonso Ponce de León.
—¿Cómo quiere que me encuentre, amigo Alfonso? Antes, bajaba a pasear al Retiro; ahora no puedo. No me siento seguro con esos cabrones de falangistas sueltos.

Ata que empecei a ter eses soños, hai unha década, nunca pensara que o verbo 'morrer' podía conxugarse en pasado


A min visítanme amigos mortos en vida cando estou durmindo para provocarme espantos e choros. Ás veces, durmindo,  sinto que me tocan no ombro. Ao abrir os ollos atopo unha persoa coñecida xunto á mesa de noite.
—Jaure, morrín —anuncian os aparecidos sen circunloquios funerarios que amolezan a miña sorpresa e a miña dor.

Ata que empecei a ter eses soños, hai unha década, nunca pensara que o verbo morrer podía conxugarse en pasado. "Morrín",din os espectros transparentes.

Levaba meses sen saber de Rulo. Unha noite soñei con que o telefonaba para saber del. Descolgou a muller, unha panadeira asturiana que ten a fortaleza dunha parroquia. Pareceume un mal presaxio que Rulo non me atendese.
—Ah! ¿Pero no lo sabes? Murió hace unos meses.
Rulo ten un humor negro tirando a opaco. Telefonei á súa casa para contarlle o soño. Descolgou a panadeira. Outra vez:
—Ah! ¿Pero no lo sabes? —dixo. O meu corazón quedoume en paro patronal. Engadiu—: Nos divorciamos hace unos meses.

A secuencia de amigos que se me manifestan de madrugada e que me len a súa necrolóxica breve é moi longa. Cando os chamo co susto aínda bailoteando no meu corpo, advírtenme de que non faleceron; de que soamente partiron unha perna ou pagaron unha multa a Facenda. Nunca falla, cando se me aparecen en soños é que lles aconteceu unha desgraza.

Este soño que tiven o outro día da miña amiga como futura nai reorientoume a vida social onírica. Soñei con que a alguén lle acontecía un feito positivo.

A claridade rebaixa o dramatismo dos meus soños. Un día achegueime á Fundación Cela, esa Cidade da Cultura que o escritor se erixiu a si mesmo no Escorial de Padrón. Estaba ilusionado porque me recibiría Marina Castaño. Convidaríame a un té de dragón negro e falaríamos sobre a paixón común polas novelas de Somerset Maugham, pero eu escollera un luns para percorrer a fundación e a marquesa de Iria Flavia estaba como ausente.

Co tempo preferín non ter entrado porque Cela tiña a idea primitiva de que lle desecasen a cabeza e a man dereita para que os seus admiradores visen os seus intrumentos de creación. Alguén, talvez Umbral, convenceuno de que os servizos dun taxidermista son caros.

Umbral trata de argumentar por que a Real Academia Española non o facía membro. Non a Cela, que xa era; senón ao propio Umbral

O sábado anterior tocoume estar desterrado de Lugo. Aproveitei  os partidos para ler un libro funerario: Cela, un cadáver exquisto. Nese ensaio, Francisco Umbral recorda o personaxe en toda a súa vitalidade, con cariño; pero, sobre todo, trata de argumentar por que a Real Academia Española non o facía membro. Non a Cela, que xa era; senón ao propio Umbral.

Desconcértame ese empeño ingresar en academias literarias. Pode que, ao ser dignidades vitalicias, os aspirantes soñen cunha trasfusión de inmortalidade por ósmose.

Os escritores en español devecen por entrar nese ximnasio onde os académicos intrigan entre consoantes oclusivas palatais e velares fricativas, nese contubernio bucodental. Algunha vez que me tocou rozar con editores de Madrid, escoitei a leria rabiosa de que Juan Manuel de Prada concorre ás Lentejas de los Viernes, que é unha quedada académica para lembrar a Don Quijote. O obsoleto escritor provinciano confiaba en que un chourizo e unha freba compartidos cos inmortais lle garantirán o compromiso dos tres presentadores que precisa para entrar no sanedrín diccionarial.

Os escritores en galego témolo peor porque a nosa Real Academia está collendo unha aceleración vertixinosa na súa viaxe á socialización. Hai un par de semanas, o presidente da RAG recibiu oficialamente uns bonecos —con persoas suorosas dentro— que se fan chamar Os Bolechas. Despois de que Freixanes presentase un libro protagonizado por eses personaxes infantís, houbo un restaurador que me chamoi para consultarme se lle alugarían un salón das Tabernas para un convite nupcial. Tranquilos, xa lles dixen eu que non. No fondo, son ortodoxo e teño un respecto sentimental polas institucións.

Ese premio da Crítica déronllo a Xabier Alcalá pola súa peritaxe sobre as testemuñas de Xehová en Galicia

Non debería escribir estas cousas. A consecuencia é que alguén se me chiva a Freixanes e  Freixanes elude darme galardóns xornalísticos. Xa me aconteceu algo semellante nuns premios da Crítica de Galicia. Xosé Carlos Caneiro advertiu ao resto do xurado de que un libro meu non ía gañar:
—Non che gustou a novela, Xosé Carlos?
—Non, non é iso;é polo que escribe no periódico sobre min.
Ese premio da Crítica déronllo a Xabier Alcalá pola súa peritaxe sobre as testemuñas de Xehová en Galicia, así que a miña novela tampouco debía de ser para tanto.

Gústame fantasiar co que medraría a literatura galega se Valle Inclán, Torrente Ballester e Cela escribiran na lingua do país. Este ano cúmprese o cuarto de século de Mazurca para dos muertos, de Cela. Conta Umbral que "con la Mazurca vuelve el Cela total, que conoce a Marina en Vigo, que vive en el chalet de su paisano Otero Besteiro, escondido de la prensa y los jueces, y que Otero le cede, yéndose a un hotel de Madrid, hasta que el maestro regulariza su situación". A Umbral ese xeito galego de vivir a amizade fascínao: "Otero no había leído una palabra de Cela, pero adoraba al amigo, en la medida en que puede adorarte un gallego, joder con la raza".

Lin Mazurca para dos muertos cando saíu, en 1983. Contén imaxes poderosas. Aínda lembro algunhas, coma ese regato que transita baixo un cemiterio limpando os ósos dos mortos. En Ribadeo asentamos un parador nacional sobre o cemiterio municipal. Fixemos un novo nun outeiro que asegura unha contemplación ancha da ría para a vida eterna. Un detalle.

Un tío meu, que é rico, durmiu no parador nacional cando o funeral do meu pai. Aseguraba que se lle aparecera Franco en alma viva —"suponiendo que la tuviese", matizou—. "Se vestía para pescar en el Eo", detallou. Deben ter en conta que o meu tío é de Bilbao. Hai que crerlle a metade da misa que reza.

Amigos que se me manifestan en soños
Comentarios