El tiempo
viernes. 27.01.2023
El tiempo

Os amorodos que nacen no Ártico

Kant daba paseos lonxanos todas as tardes, despois de merendar chocolate con biscoito. As camiñadas, sen embargo, non o levaron tan afastadamente como a París, que quedaba a uns centos de quilómetros de Konïsberg, onde vivía.
Xabier Queipo

Un novo enxeño traballaba cun funcionamento satisfactorio na capital francesa: a guillotina subía e baixaba a velocidade industrial para separar as cabezas que non se modernizaran. Era un invento avanzado, limpo e de elevada produtividade. Respondía ao espirito ilustrado.

Todo o que fixo Hegel pola vida palpable foi pechar libro no que estaba estudando no seu dormitorio de Jena e baixar en zapatillas dar unhas vivas a Napoleón, futuro redactor impecable do Código Civil e impostor da democracia, tras a vitoria francesa contra Prusia. Decidiu que a Historia rematara nese momento e nese lugar.

Ludwig Wingenstein, o filósofo austríaco que estudaba en Cambridge, presentouse voluntariamente nas oficinas do exército alemán na Primeira Guerra Mundial. Esa mañá foi tomar un café cerca do centro de recrutamento e bebeu o seu ardor patriótico. Na trincheira, entre o barro frío, o cuspe dos soldados e o cheiro a gases mortais, deuse concentrado para escribir o Tratactus Logico Philosophicus.

Apollinaire careceu desa precaución. Unha bala alemá levoulle un cacho de cranio mentres lía en Le Monde un artigo sobre o fragor amoroso e bélico de Rimbaud e Verlaine. Gustábanlle os saúdos da artillería inimiga: "Que fermosos eses foguetes que iluminan a noite/ ascenden sobre o seu propio cume e inclínanse para mirar".

Paul B. Preciado conclúe en Dysphoria mundi (Anagrama) que os intelectuais "nunca visitan o lugar do crime e se limitan a comentalo de lonxe". No caso de que acudan "non o contan".

Claude Eartherly non logrou esa comprensión cando pediu ser xulgado como "criminal de guerra". O tribunal que o xulgou era médico e condeouno a ser conducido a un psiquiátrico

Tamén existe a alternativa do Fabrizio del Dongo, o heroe de Stendahl, que se pasea pola avenida central de Waterloo, entre soldados que se raxan os intestinos con baionetas e cabalos que agonizan cos ollos en pánico morrendo contra a lama. O heroe acaba preguntándose se viviu ou non unha batalla. A cartuxa de Parma é unha grande ironía do escritor francés porque era un admirador irrefutable de Napoleón, pero evitou a louvanza esperable e común, e preferiu afastarse con socarronería.

Como exemplo contrario, Preciado enxalza a Claude Eatherly, comandante do avión dotado cun equipo meteorolóxico que asegurou que caese unha bomba cargada de morte e horror sobre a illa de Hiroshima. O filósofo Ghünter Anders, máis coñecido por ser o primeiro marido de Hannah Arendt que polo seu pensamento, adiantou daquela o principio de que "xa non somos solo contemporáneos no tempo, senón tamén no espazo".

En 1959 viaxou ás cidades arrasadas de Xapón para dar un abrazo a aquelas persoas humilladas, contaminadas e inocentes. Anders non era o seu apelido, pero escolleuno porque vén significar "outro". Claude Eartherly non logrou esa comprensión cando pediu ser xulgado como "criminal de guerra". O tribunal que o xulgou era médico e condeouno a ser conducido a un psiquiátrico.

Acordei ao cruzarme coa película de Ingmar Bergman que leva ese nome. O filme fala dun médico sueco que sae de viaxe e se detén na casa de veraneo

Fago un descanso na lectura de Paul B. Preciado. Pecho o libro onde cita a Svetlana Aleixievixh, a periodista que levou o Nobel de Literatura: "O futuro sempre é de segunda man". Abro Algoritmos e leo unha frase de T.H.Adorno. "O futuro é onde todos comezamos a soñar". Algoritmos son uns diarios heterodoxos, sen data de fabricación nin de caducidade, que Xavier Queipo escribiu para Galaxia. Aínda que el non deixa de advertir o salmo que atopa nun xornal francés: "Somos cómplices dunha ilusión colectiva". Métea no libro sen darlle contexto, para provocar a perplexidade e o desacougo ao aplicala cada un de nós ao seu ámbito persoal de desexos e angustias.

Camiño de costas unhas páxinas nese dietario. Atopo unha entrada que me confunde. Parece que o apuntamento está feito en Israel ou en Palestina, eses dous países entre os que se moven polos marcos, pero quen os move é sempre o primeiro. "Soa Radio Xudaica, que transmite música clásica mentres Hamás envía mísiles terra-terra sobre os asentamentos xudeus e o goberno israelí responde irado, con razzias de avións de combate". A palabra razzia parece posmoderna, mesmo bonita. Procede do árabe arxelino. Eu aprendina no instituto cando nos explicaron que Almanzor asaltou Santiago procedente de Braga nun ataque sorpresa que os nazis denominarían blitzkrieg.

Cando era rapaz os meus irmáns e máis eu botábamos a tardes dos sábados a un xogo de mesa con ese nome. Despregábamolo na mesa braseiro. Fóra, poida que chovese, pero o meu pai distraíase plantando morangos silvestres. Acordei ao cruzarme coa película de Ingmar Bergman que leva ese nome. O filme fala dun médico sueco que sae de viaxe e se detén na casa de veraneo. Lembra a terra onde medraban os amorodos salvaxes.

Xavier Queipo, que traballa en Bruxelas, conta en Algoritmos dun "colega de traballo que se dedica ao cultivo de amorodos —dito por outros morangos— máis aló do Círculo Polar, no norte de Finlandia".

Xavier Queipo asegura que se cruzou con Allen Gingsberg nun pub gay de Londres cando el saía da oficina que compartía co recolector de morangos árticos

Cada ano, o compañeiro laboral do escritor volve á terra na que a súa familia tiña por costume vivir e onde el apaña agora ese froito liberto. Lévao á oficina para desmostrar que os amorodos poden prosperar no norte máis desabrigado.

A vida ábrese paso en calquera sitio. Armand D'Angour, profesor de Estudos Clásicos en Oxford, fai a introdución a El arte de innovar de Aristóteles na nova edición de Koan. Cita a Suetonio para describir os barcos de recreo do emperador Calígula. "As xoias brillaban nos castelos de popa e tiñan velas multicolores, luxosas termas, galerías e salas de banquetes e medraban neles vides e todo tipo de árbores frutais". Tanta fantasía puido confirmarse cando en 1929 apareceron no lago Nemi restos de dúas embarcacións do home que puxo unha coroa lorentina de cónsul —xefe do Estado— ao seu cabalo Incitatus.

Non soamente a natureza é unha excepción que confirma as súas regras. Xavier Queipo asegura que se cruzou con Allen Gingsberg nun pub gay de Londres cando el saía da oficina que compartía co recolector de morangos árticos.

Os terraplanistas saben, con ese saber que excusa de ser comprobado, que ao norte de Finlandia non hai nada. Ignoro como o imaxinan eles, tan fantasisos como para concebir a Terra coma un mapa escolar; pero supoño que se representarán abismo ao infinito escuro e frío coma un acantilado en inverno.

"Bajo las águilas silenciosas, la inmensidad carece de significado". Collo agora o Libro del frío de Antonio Gamoneda, que recupera Galaxia Gutenberg. Hai unha parte dese poemario que se chama Geórgicas. As súas xéórxicas son desabridas: "Unha vecina lava la ropa fúnebre y sus brazos son blancos entre la noche y el agua".

A xeografía é máis luminosa nas xeórxicas orixinais, nas que compuxo Virxilio trinta anos antes de que nacese Cristo. É unha xeografía de sublimación agrícola. Xavier Queipo establece unha diferenza entre a xeografía que describe a paisaxe e a xeografía que se percorre para facer negocios, a económica. Esta podería ter a súa orixe na viaxe de Marco Polo, desde o mar Negro ata a corte do Gran Khan. Un novelista popular de Pisa, Rusta, tería anotado as lembranzas desa aventura contada por Marco Polo sobre as cidades, as relixións, os costumes hixiénicos e as moedas que coñecera. Como estaban xuntos no cárcere como prisioneiros da guerra de Venecia contra Xénova, tiña tempo abondo.

O explorador non coñecía o francés, lingua de cultura na Italia do século XIII. As crónicas foron publicadas como Le  dévisement du monde en 1298. Atrévome a traducirlles o título como Descrición do mundo arriscándome a de que Xavier Queipo me corrixa porque Marco Polo non parecen estar polo labor. Ao cabo, el tamén chamou unicornios a uns animais toscos e sucios, unha especie de elefantes con cornos  que eran simplemente rinocerontes.

Os amorodos que nacen no Ártico
Comentarios