lunes. 29.11.2021 |
El tiempo
lunes. 29.11.2021
El tiempo

Aníbal Malvar báñase nun bote salvavidas

Aníbal Malvar facía Novo Periodismo nos anos 90, imitando a Chandler e Hammet, os cronistas do colapso capitalista dos 30. O capitalismo colapsa cada década sen remedio marxista

Aníbal Malvar

TOM WOLFE inventou o Novo Periodismo collendo as técnicas de Abott Joseph Liebling, meténdoas nun paquete e poñéndolles un remite á gloria da Teoría da Comunicación.

Liebling cubría o boxeo para The New Yorker nos anos 40. Contaba cada detalle tanxente ao combate sen falar de boxeo: recomendaba unha estrada para abandonar o estadio sen atascos e o bar co sandwich de salmón máis saboroso. É descoñecido en Galicia porque os seus libros están en inglés e en portugués. Custoume un imperio facerme con Fome de París. Vendo o meu desespero, regaloumo Manu Barreiro tras rastrealo en Brasil. Manu é o gentleman máis sensato da esquerda polarizada do país. Nalgunha destas páxinas dalgún día lles falarei de Liebling. Pode que nesta mesma, contra o final; se estou de humor, que nunca estou.

Aníbal ten o pelo alto, gris e rizo; un pelo que asoma como un xardín pintado por Fragonard sobre un corpo delgado e irónico. A única textura dese corpo é a man dereita. Camiña con ela erguida á altura do estómago; non para aliviar unha úlcera, senón para fumar con ansia incosolable.

Unha vez durmín no seu ático de Compostela. Ao erguerme na amanecida, atopeino na terraza. Dende aquel outeiro podían contemplarse mareas atlánticas de estudantes que ían de porto seco en porto seco para beberen xenebra e pipermint. O verán estaba nocturno e calorosamente denso. Aquel amencer Aníbal estaba dándose un baño na lancha de salvamento que colocara na terraza. Nove metros de eslora, dous e medio de manga e arqueo dunha tonelada moorson. No folio líase RSM Titanic, pero sospeito que o pintou el. Aníbal enchíaa de auga cunha mangueira para refrescarse ao rematar a xornada de escrita.

Aquela noite a súa futura muller durmía, espida e constante, ventás adentro.
—Vou casar con esa tipa, Jaure; é estupenda —dixo sinalándoa co seu cigarro a través da parede como se fumase superpoderes—. Virás á voda, ou?
—Non me gustan as despedidas. Nunca vou a vodas nin a enterros.

Mirando a inmensa barca, que anulaba a terraza para calquera outro uso, pensei en como a subiría ata aquel sétimo sen ascensor

Antes de que o coñecese, Malvar escribira unha novela que se chamaba Moto. Aquel verán o seu pai, que era un señor ríxido e falanxista, morrera. El aireou a orfandade percorrendo España en moto.
—Catorce mil quilómetros en quince días. ‘Moto’ é unha crónica desa viaxe —contábame dende a lancha mentres fumaba e daba grolos de cor ámbar. Mentira na quilometraxe.
—E tiñas carnet de moto?
—Non, claro. Pero que merda de pregunta é esa? Es un legalista.
Mirando a inmensa barca, que anulaba a terraza para calquera outro uso, pensei en como a subiría ata aquel sétimo sen ascensor. Preguntábame se usaría a estreita e inmoral escaleira común.

Lembrei outra vez que o visitara. Atopárao no portal, termando dun grande espello.
—Para que queres un espello tan grande?
—Para verme de corpo enteiro! Que pregunta! —reprochoume pegando o cigarro aos beizos para cargar o espello—. Axuda, anda. Son cousas da miña noiva.
Xa se divorciara por vez primeira. A nova moza era unha rapaza nacida demasiado tarde para guiarlle a vida e demasiado cedo para salvarlla.

Os heroes do Novo Xornalismo son elegantes porque se exhiben no paseo da actualidade: Tom Wolfe, Gay Talese, Aníbal Malvar,... "A chaqueta é tan importante como a libreta", resumía o meu amigo.

Na noite espesa e calorosa na que se bañaba no bote, levaba xa quince días pechado na casa. Debía tres meses de alugueiro. Se fose propietario nunca tería escrito. No fondo, adoraba a propiedade privada e allea porque o obrigaba a traballar.

O seu método para ser irresponsable era gastar os cartos nunhas vacacións nalgunha vila costeira da Francia. Deixaba pasar un tempo sen pagar ao caseiro. O preciso para asustarse cun desafiuzamento: tres ou catro meses. Daquela, compraba ducias de paquetes de espaguetis, pan Bimbo a esgalla, café como para unha voda e máis botellas de bourbon que as que podía pousar na mesa da cociña. Escribía e escribía durante unhas semanas cunha fe supremacista no seu talento.

Como facía novela negra, ás veces chamaba a un amigo forense para preguntarlle por detalles que impactan aos xurados literarios.
—Federico, canto tardan os restos de seme en desaparcer dunha saba?
—Aníbal,carallo! Son as tres e media da madrugada! Vaia susto me deches!
Non pretendía amolar, pero nunha se decataba de que el daba corda ao mundo ao revés, pola noite, e imaxinaba de día, mentres durmía.

Un ano no que gañou dous galardóns, soubo que era un xenio, soubo que tería a súa páxina no edén da Wikipedia

O propietario do seu ático miraba o xornal todos os días a partir do terceiro mes sen ingresar. Pasado un tempo, aparecía a noticia de que o seu inquilino gañara un premio. Cobraría.

Malvar traballaba no xornal local. Un ano no que gañou dous galardóns, soubo que era un xenio, soubo que tería a súa páxina no edén da Wikipedia, soubo que lle dedicarían unhas Letras Galegas e que os lectores lle deixarían flores e bourbon na súa tumba do cemiterio de Pére Lachaise, como se fose Jim Morrison. Prendeu un cigarro e entrou no despacho do director.
—Mire, señor director —advertiu soprando o fume—. É un prestixio para este xornal que eu traballe nel. Non paro de gañar premios. Este verán, en vez dun mes de vacacións, quero dous. Preciso de tempo para escribir unha novela.
O director empezara traballando como mancebo de farmacia aos 16 anos. Estaba tan vivido que nada o sorprendía.
—Claro, Aníbal. O periódico superará o bache de botar un par de meses sen os teus artigos, pero non superará aparecer sen o teu nome na mancheta de periodistas.

Aníbal marchou feliz e adulado a Menton, a derradeira vila da Costa Azul, entre os Alpes Marítimos e a Provenza. Fica a uns quilómetros da italiana Ventimiglia. Jean Cocteau veraneaba na praia de Menton. Adoraba cruzar a fronteira nadando sen que o descobrisen os carabineri de Musollini. Malvar chegou durante o Festival do Limón, cando a vila se adorna de amarelo soberanista. Entrou nun bar no que un acordeonista cantaba cousas de Brassens. Aníbal fíxolle as segundas voces. No extremo final da noite, alugou unha habitación enriba.

Ao cabo de dous meses mellorara o francés, rematara a novela e quedara sen traballo. Daquela, cunha paga por desemprego inadecuada para o seus gustos, empezou a comer na casa da nai.

Naqueles anos de chumbo etarra, algúns españois sabían que usabamos pasamontañas como traxe rexional

Invitoume nunha ocasión. Logo de sentar, o seu fillo deixou caer sobre o mantel de liño que eramos de grupos étnicos distantes. Eu son vasco; a señora, filla de garda civil. A muller lembroume o malditismo da miña raza non sen servirme un asado de cordeiro delicioso.

Ao saír atopamos un conselleiro, que entraba na casa acompañado dunha muller altiva e cadenciosa.
—É a agregada cultural de Brasil —indicou o meu amigo—. A Xunta anda montando algo para promocionar o Camiño.

Aníbal marchou a Madrid. Afastouse da miña vida, non das miñas emocións. Anda convertido nun cadáver exquisito que malgasta a xenialidade en periódicos dixitais. Seica volveu casar, disque cunha bailarina bolshoizante que achegaba arte á escuma dos seus días. A arte é a mentira que nos distrae da traxedia de vida, pero el nunca cambiará. Aníbal prefire ignorar a verdade dos espellos porque é escura e vulgar coma unha escaleira comunitaria. Divorciouse de novo, como se fose un hábito. Para seguir xunto á mesma muller, cambia de muller cada década.

Malvar continúa escribindo vello novo periodismo. Despreza a Tom Wolfe e non lle interesa Liebing. Algún día falareilles de Liebling. Hoxe non me apetece, prefiro festexar un amigo o que non matou o accidente do Alvia, o Frankenstein 04155. Vino na televisión. Deambulaba noqueado xunto ao tren retorto, agarrado a unha maleta inerte. A vida no se atreve a matalo porque non se reflicte nos espellos.

Aníbal Malvar báñase nun bote salvavidas
Comentarios