viernes. 20.05.2022 |
El tiempo
viernes. 20.05.2022
El tiempo

Artur Galocha vaga no deserto da identidade

Falei unha vez con Anxo Quintana. Algo antes das eleccións do 2009, que desembocaron na derrota colectiva do BNG e na súa. El visitaba en campaña o periódico. Eu fora ao baño. Cruzámonos. As palabras que dixemos poderían contarse cos dedos, pero as persoas que aliñean os ombros cos teus para conversar dan confianza.

Apenas lembro sensacións daquela campaña. Lembro que me desagradaran as afirmacións de José Luis Baltar, o vello dos baltares, que inventara un delicto grave contra o candidato nacionalista. Ben todo quedou aí porque a política é coma o monte galego. Podes incendialo rabiosamente varias veces que os castiñeiros, tarde ou temprano, volven asomarse pola monda da terra.

O problema en Galicia é de dimensións. Poderíamos facer algo absurdo, como xuntarnos a vivir en Chantada. Chantada é unha vila bonita que che cabe na palma das dúas mans. Podes percorrela atándote os zapatos. Ben, pois aínda emigrando todos en enxurrada a Chantada, como fixeron os ourensáns cando decidiron baixar do barco que os levaba a Bos Aires e establecerse no Berbés para crear Vigo, a cidade na que non se pode durmir polas luces. Aínda todos en tropel, dicía, non daríamos armado unha cidade de catro millóns de habitantes, que tampouco é tanto no concerto das nacións do mundo.

O malo do noso país é que, sendo cativo e de confianza, todo o mundo nos parece como da familia. Sabemos todas as rexoubas da familia e falamos delas en público coa soltura de pedir outra rolda e unha tapa de xoubas. Para esas confianzas prefiro as cidades grandes. En Nova York podes montar a un taxi, facer un traxecto a Brooklyn e baixar sen que o condutor saiba a túa profesión ou estado civil. Os taxistas de Nova York divídense entre os que che falan da súa dor de cabeza e os que che falan da súa dor de pés, que eu sospeito que son molestias que somatizan de tanto repetirllas a cada usuario; pero non indagan en ti.

A elegancia, a cultura, a sensibilidade e os libros de Taschen poden adquirirse con cartos

Falo dos taxistas de Nova York como se tivese elaborado un estudo sociolóxico, pero trátase da observación dos catro días que puiden pagarme nun apartamento de Manhattan. Escollémolo porque nos comentarios de anteriores inquilinos aseguraban que non viran cascudas. Mentres non reúno a cantidade para comprar un loft con vistas ao Gugennheim orixinal, resisto en Lugo pensando en que hai cousas que non se poden comprar con cartos, aínda que non me ocorran cales. A elegancia, a cultura, a sensibilidade e os libros de Taschen poden adquirirse con cartos. Vouno argumentar dun xeito concreto. Se tes unha casa na que entra a luz verde de Central Park polas mañás, se podes permitirte cear os xoves no Smith, tes o bo gusto para ironizar cos dourados da Torre Trump e es suficientemente discreto como para pasear sosegadamente por Harlem, o teu corazón dará sobrelevada unha rutura sentimental ou a derrota do teu equipo no último minuto.

Souben dunha persoa que triunfou na capital do mundo. Rufo emigrou de Ribadeo a Nova York con 16 anos. El pensou que non habería moita diferenza, pero había: en Nova York os taxis son amarelos. Unha vez foi visitalo un veciño, Luis, que foi quen mo contou. Deulle o enderezo, que consistía nunha fórmula matemática porque non lles deu a cabeza para chamar as rúas por un nome. Imaxinen: "Vai á Quinta coa 42". O home colleu un taxi, escoitou algo sobre unha dor de cabeza que non comprendeu e chegou ante un edificio impoñente, deses que teñen en nómina unha brigada para limpar as ventás. Foi onda o porteiro, un negro con librea que tiña un tic nun ollo. Preguntou por Mister Rufo porque non se lle acordaba o nome nin o apelido. O bedel dixo algo incomprensible, pero sinalou o último andar. A Rufo fóranlle ben as cousas, dirixía aquela empresa. O visitante chamou ao ascensor. Ao abrirse a porta apareceu Rufo, co seu bonito uniforme gris para pulsar os botóns que se lle indicasen.

Vai medio artigo consumido e aínda non lles contei que Luis era poeta e louco. Emigrara a Estados Unidos despois de recibir unha carta na que Rufo lle contaba que no país os tolos recibían unha paga estatal de 200 dólares, abondo para sobrevivir.

–En Ribadeo teño que ser tolo gratis, así que marcho para alá.

Emigrou. Os galegos empezaron a pechar a porta da casa por fame e seguiron facéndoo para non amencer cun fío de sangue na boca; agora faise para ter unha dignidade. Isidro e Brea tamén van emigrar a Washington. En boas condicións, á casa dun deseñador e infografista de xornais. Isidro é madrileño, gato en todos os sentidos. Brea é galega. Brea pareceu ser macho cando era unha crianza, por iso Artur Galocha o chamou Breogán. Galocha traballa para o Washington Post dende 2020 e agarda a marchar á capital norteamericana cos seus dous michos. Estaba traballando en El País cando se postulou ao diario norteamericano. En Madrid facía «un pouco de todo», mentres que as tarefas no novo traballo son especializadas en deportes.

–Alí chámanlle fútbol é unha cousa distinta que en Europa –bromea.

Así que comprou libros de béisbol e fútbol americano para poñerse ao día. O baloncesto xa lle gustaba, "pero non tanto como agora".

–Artur, desconfío da información deportiva porque é emocional cando non furiosamente subxectiva.

Galocha cóntame que a emotividade do deporte é un regalo porque alivia a rixidez.

Galocha cóntame que a emotividade do deporte é un regalo porque alivia a rixidez. Entre as súas ocupacións figuran as infografías nas que se analizan os movementos en cada xogada dos equipos de fútbol americano. O deporte xógase con casco coma na fórmula 1 e cunhas ombreiras como as que enxalzaban a Tino Casal nos anos 80. Cóntame que «o fútbol americano é moi cerebral, hai varios adestradores: por exemplo, un de defensa e outro de ataque.

–Ten o seu punto de xadrez e o seu punto de beleza.

–Xogas ao xadrez, Artur?

–Non se dá moi ben, pero gústame.

Eu eludo o deporte para non sufrir. O deseñador lucense recoñece que ser do Dépor é unha desgrazas que podes ser quen de aceptar.

–Empezo vendo os primeiros partidos da temporada e logo me desencanto –cóntame o cofundador da revista Líbero, que propoñía unha visión global e reflexiva sobre o fútbol–. É un rollo identitario, vagamos por un deserto identitario.

Estar nun goberno e perdelo debe de ser como que o teu equipo baixe a segunda división ou como verte na obriga de pechar a porta e emigrar. Supoño, porque nunca me pasou nada diso. Lembro a véspera da votación das galegas que perderon Touriño e Anxo Quintana. Lembro estar no parque de Ribadeo co alcalde, Fernando Suárez, confesando que no seu partido, no partido de Quintana, empezaran a asumir a derrota. Falaba da foto no iate do construtor. Era vella, pero non perdera forza simbólica. Lembro acusacións voluminosas contra o candidato do Bloque. Lembro o candidato do Bloque amosando un minibar que se comprara nos chineses para desmentir que montara un club de golf con fondos públicos no maleteiro do coche oficial. Lembro que os crimes contra a humanidade que o cercaron quedaron en torpezas, a soberbida de dar por suposto de que o ciclo político en asociación cos socialistas sería longo e a inocencia de ignorar a forza telúrica que é o Partido Popular de Galicia.

Pero de todas as culpas que se lle botaron a Anxo Quintana a única certamente grave contouna unha vez Artur Galocha:

–Cando empecei a estudar xornalismo fixen prácticas, pero houbo un momento, acordo perfectamente, no Senado entrevistando a Anxo Quintana, nos corrillos de despois, nese momento vin o tema e dixen 'eu non quero facer isto'. E aí deixei de escribir.

Artur Galocha vaga no deserto da identidade
Comentarios