Opinión

Bailemos por se rompe Espagna

Alejandro Cao de Benós y Pérez chámase tamén Cho Son Il. Descende dos baróns de Les, dos marqueses de Rosalmonte e dos condes de Arjelejo, con categoría de Grandes de España. Alejandro ten un nome de declasado, que significa Corea É Unha. Escapou pola ventá do pazo dunha familia extrema de militares carlistas para viaxar ao outro confín.

CON 15 ANOS era dirixente dos Colectivos de Jóvenes Comunistas, organización postadolescente do Partido Comunista dos Pueblos de España. Con 20 funda a Asociación de Amizade con Corea do Norte, que é unha ditadura oculta nunha selva de opacidade, poboación uniformada e sorriso xelador do líder cos cortes de pelo máis fascinantes de Oriente. A sociedade fundada por Alejandro de Benós esténdese por 120 países. A el andaba buscándoo o FBI porque o viran xogando a favor de Kim Jong Un nese casino internacional que son as criptomoedas.

O activista é socio do Partido dos Traballadores de Corea, membro do Exército Popular de Corea e xornalista oficial de Corea do Norte. Honorario nos tres casos, pero a certas idades xa non se aspira máis a dormir seis horas seguidas, comprar cereixas a bo prezo e sentirse recoñecido.

Familia Caamagno tamén ten dous nomes, como Alejandro de Benós ou Cho Son Il. Case sempre actúan como Familia Caamagno, pero ás veces tócalles ser Muebles Mendoza. Manuele Caamagno, o cantante, explica:

—Cando empezamos, hai doce anos, cada un de nós vestía como vestía. Con vaqueiros, suadeiras, camisetas,... Pensamos en que deberíamos ter un código por respecto ao público e ir elegantes. Como andabamos coa broma de ser unha familia da mafia galaico-italiano-norteamericana empezamos vestíndonos imitando os mafiosos dos anos 30, cos bigotiños e chaleques. Caamagno vén de buscarlle un apelido galego que puidese italianizarse.

Pero despois veu Muebles Mendoza, a marca branca do grupo de Sigüeiro, en Oroso, a catorce minutos mal contados de Santiago pola Estrada Vella.

—Muebles Mendoza é un grupo para divertirnos. Había un momento en que tocabamos moito con Familia Caamagno e nos chamaban para concertos que non era conveniente coller porque xa estiveramos actuando nese sitio hai pouco ou por outro motivo. É unha célula durminte. Somos os mesmos integrantes que en Familia Caamagno, pero, se cansamos, facemos ese repertorio.

En Muebles Mendoza desatan a devoción polos Ramones, así como polo resto do "punk do 77". É unha banda de versións de bandas internacionais, como Dead Kennedys ou The Clash, ou galegas, como Sambesugas e Terbutalina.

—Somos bastante amigos dos Terbutalina. Cando íamos dar o primeiro concerto queríamos alguén que tocase con nós. Sentíramos falar dunha banda de Muros que estaban facendo música interesante, así que os chamamos. 

Os Caamagno teñen profesións variadas. Hai avogados, dous empregados en tendas e un mécánico. Como consecuencia, ensaian durante a semana  a partir das dez da noite ata a unha da madrugada. Por animarse, meteron os Terbutalina no local de ensaio.

—Eles estaban en Santiago, así que lles propuxemos compartir local de ensaio. Eles viñan a Sigüeiro. É unha festa cando nos atopamos. Aínda nos cadrou en Surfin The Lérez.

A primeira canción que expandiron Familia Caamagno foi Surfistas nazis. É un drama sobre deportistas musculados no nacionalsocialismo que invaden A Lanzada.

—No verán do 2013 alugamos unha casa perto desa praia. Había uns surfistas loiros e arrogantes, e relacionamos esa imaxe cunha película de serie B, Os surfistas nazis deben morrer.

Nikolái Popov era capitán do equipo de esquí da Universidade Estatal de Moscú Lomonósov da URSS.  Nunha concentración, entre a neve do ano 1961, estivo lendo unha novela de Jack London na que conta unha viaxe á Hawai e á Polinesia, onde viu os lugareños deslizándose nunha táboa sobre as ondas. Como era periodista logrou un permiso para viaxar da Unión Soviética a Estados Unidos, onde comprou revistas. Valéndose desa patronaxe, Nikolái fabricou unha táboa de surf. As ondas de Crimea foron as primeiras surfeadas por un soviético.

Alejandro de Benós é prosoviético, pero ignoro se é afeccionado ao surf. Unha vez viaxou a Sigüeiro, onde estou seguro de que non surfeou. Estivo dando unha conferencia sobre Corea do Norte tras ser convidado polo equipo de fútbol sala local Unión Soviética. Hai uns meses regresou despois de recibir un convite de Familia Caamagno para acompañalos no videoclip da canción Xuntos.
Manuele Caamagno fala de novo:

Xuntos é o primeiro sinxelo do próximo disco, que sairá en outono. Fixemos unha versión dese tema de Juan Pardo porque nos parecía que ten unha letra ambigua á que se lle pode dar outro significado.

"Xuntos non habrá quen poda, miña nai querida/ Xa o sabemos ben./ Xuntos, mais fortes, mais craros, xuntos mais ben/ Xuntos nos trunfos e xuntos nos fallos tamén".

Manuele Caamagno argumenta:

—Pode ser o himno oficioso do Partido Popular, pero tamén podería ser o himno dunha república soviética imaxinaria. Facíanos gracia. Alejandro de Benós entendeu que era divertido. Veu gravar sen cobrar un peso.

No vídeoclip aparecen os xogadores do Unión Soviética, que atenden ás ordes do seu adestrador, Alejandro de Benós, con chándals nos que resaltan as letras CCCP. Aparecen tamén Xiana Arias e Berio Molina, os músicos fonsagradinos de Clo Plas.

Familia Caamagno reivindica os perdedores da Historia, ou cando menos os que quedaron nun segundo plano. Teñen unha canción na que chaman parvo a Ringo Starr "para reivindicar a Charlie Watts. É unha letra naïf, das que faciamos ao principio".

Aínda tocan cancións dos inicios, como O ritmo da caverna; son pezas de cando se xuntaron catro vinteaneiros de Sigüeiro e un de Santiago para tocar xuntos. Aínda seguen compoñendo xuntos, á partir da idea musical que leva un deles ao local de ensaio. Xuntos, máis fortes. Francesco, Jess e Manuele Caamagno proceden do grupo Whoqsvarna, nunha dobre homenaxe a The Who e á marca de maquinaria agrícola. Despois veu Plan 9, "porque a idea era dar nove concertos e quedamos en sete". Adoitaban maquillarse para interpretar cancións de Siniestro Total, The Pixies ou Alaska. "Ben, o dos nove concertos inventámolo despois, puxémonos Plan 9 porque era o nome da peor película de terror de todos os tempos".

Esas bandas son a protohistoria de Familia Caamagno, onde cadran cinco amantes do rock and roll dos anos 60 e do punk de finais dos 70. Os inicios foron con temas de bandas como The Standells ou dos Kinks, que proban coa sonoridade do galego. Dese xeito, converten Dirty water dos Standells en Fodín no río.

—A letra está baseada nunha anécdota dun paisano de Sigüeiro. Contábaa moitas veces. Era unha historia de sexo no río cun xelado.

Nin Manuele Caamagno desenvolve a historia nin eu me atrevo a indagar.

Familia Caamagno volveu á agura para gravar o novo vídeoclip, que pon imaxes á canción Romper Espagna. "Eu non vou cambiar o mundo/ eu non vou salvar Europa/ aínda que poda./ Eu non vou cambiar a Historia./ Eu non vou romper Espagna/ aínda que rompa". A letra dese tema fala de que hai que bailar por se acaso acontece algo inesperado, violento ou desagradable. "Aproveita ben o tempo/ e veña, vén bailar".

A filmación foi no porto de Rianxo. "É un meme efectista de amor, con estética televisiva", apunta Manuele Caamagno. Romper Espagna é o terceiro sinxelo do álbum que presentarán o 29 de outubro. Adoitaban gravar con Jorge Explosión nos estudos Circo Perroti, pero desta volta foron a El Castillo Alemán, de Carlos Hernández, "para ter un son diferente". Cada instrumento foi rexistrado por unha pista. Antes tocaban de vez. Será a primeira vez que os Caamagno non fagan todo xuntos.

Comentarios