El tiempo
viernes. 27.01.2023
El tiempo

O burato no ceo que soñou Goethe

Balzac diagonostica que as personas pasamos a vida perseguindo o pracer e o ouro. Engadiría a gloria. Pode encher un corazón dunha euforia máis sofisticada que un acelerón por conducir un Chevrolet ou inaugurar un hotel con encanto. Pero por riba do deleite e da American Express, tamén por riba do prestixio, sitúo os soños. Son esferas perfectas, sen fisuras.

XANTO NO Peculiar cos membros da miña familia que viven en Europa. Na parte da Coruña decimononica e pétrea, nada que ver co skyline do Cantón Grande. O Peculiar é un bristró. O concepto de bistró gústame: unha taberna con ambición de restaurante, pero coa humildade necesaria como para te sentas cómodo. Pido picaña. Non aturo os cítricos coa carne asada. A dona da pensión San Roque de Santiago adornaba as chuletas cunha lasca de laranxa. A picaña vén salferida de lima. Contrasta ben co amargos da brasa. A picaña era apreciada por Borges e por Sábato, que se collían un taxi pagado a medias —Jorge Luis foise volvendo tacaño consonte perdía a vista— en El Pobre Luis. Penso que aínda abre cada mediodía en Belgrano, un pouco máis alá de Palermo.

Xa pasara 1975. Un día dese ano cadroulles asinando obras na librería de Ávila, que está no centro de Bos Aires desde o século XVIII. Botaran vinte anos sen mirarse por rudezas políticas. Sábato ergueuse da súa mesa e foi onda Borges, este respondeu cun abrazo cariñoso. Ese mediodía foron xantar picaña por suxestión do libreiro. Falaron sobre o silencio no que arderan e sobre a gloria que os irmandaba:
—La vida es soportable porque ocurre en tajadas —adiantouse Borges—. Uno se levanta, se afeita, desayuna. Va haciendo las cosas lentamente. Por eso la vida es menos espantosa…
—Claro —contestou Sábato—. Imagínese un hombre que se pasara toda la vida afeitándose. O diciendo Buenos días. Mucha gente supone que los hombres famosos nunca dicen ‘buenos días’ o toman café con leche. Si los ven tomar café con leche ya no creen en su fama.

Tras o xantar despendinme e fun camiñando ata a Fundación Barrié, no skyline coruñés. Hai unha exposición sobre arte budista con atención á influencia grega que lles chegaba polos navegantes. Buda sentou meditar baixo unha árbore. No bosque, ao seu redor, xuntáronse cervos, tigres, serpes e elefantes. Querían ser os primeiros en recibir as indicacións do sendeiro que conducía á felicidade. Buda pechaba os ollos como se estivese durmido e os animais abríanos para non perder a chispa da verdade. Cando o sol se deitaba ao fondo, nas montañas azuis, Buda tusiu para limpar a voz, impostou o ton con gravidade e dogmatismo para falar do Camiño Medio. A seguir, quitou as xoias que levaba nas orellas. Os lóbulos quedaron colgando coma os dos paquidermos. 

Buda foi contarlles aos comerciantes gregos que vendían teas no peirao de Muziris a súa idea brillante do termo medio, de que a serenidade consistía en someter a atracción polo pracer e polo ouro, por cauterizar a sede de recoñecemento. Os mariñeiros contestaron que zarparan do porto de Mileto, onde o mito fora derrocado no século IV antes de Cristo polo imperio da filosofía, que xa escoitaran o do Camiño Medio aos presocráticos.

Goethe era consciente de que soamente hai unha vía cara á "ataraxia"; é o budismo, o "ánimo calmado", de Demócrito. O pensador alemán viaxou a Italia de 1788. Atravesou polos Alpes como Aníbal; pero non para conquistar Roma, senón para evitarse a incomodidade de ser popular nos postos fronteirizos. Na crónica desa viaxe fala sobre a noite que pasou nun hotel de Castel Vetrano: 
—Deitárame canso na cama. A media noite espertei e vín, enriba de min, a aparición máis agradable: unha estrela, tan fermosa como nunca crera ver. Gocei contemplando aquela vista deleitosa e de bo agüero, logo desapareceu a miña luz encantadora e quedei só en tebras. No amencer tiven a explicación da milagre: era un burato no teito e unha das estrelas máis fermosas do ceo pasaba naquel momento polo meu meridiano.

O xornalista Nicolás Carreira mándame unha foto vacacional. Vexo sol, paredes unha casa branca e un parrado de illa grega; ao fondo, contra as montañas azuis, paréceme escoitar un acordeón no que soa a canción Os cativos do Pireo, que Manos Jatzidakis ambientou no peirao de Atenas. Nicolás contárame que ía a Lanzarote. Non coñezo Lanzarote. Nunca viaxo a lugares solleiros porque os turistas visten traxe de baño sen petos. Non sabería qué facer coas mans. Todo o que me interesa de Lanzarote é a novela homónima de Michel Houllebecq.

Teño outro amigo, Mediante, que pretende que nos xubilemos na Habana. Prométeme que estermos alentados polas garotas de Ipanema candongeuando no Malecón e polo recendo dos atúns que Hemingway colgaba de guindantres. A súa ambición é vivir de reparar Chevrolets e Buicks americanos dos anos 50. Pensa, con Giusseppe Verdi, que "volver ao pasado será un progreso". Mediante mantén a fé no motor de explosión e no perfume agrio da gasolina.

Vou aos cines Códex de Lugo ver Aftersun, de Charlotte Wells. Un pai escoces de trinta e pico anos e a súa filla de nove comenzan unhas vacacións de pulseira e tumbona nun hotel de Turquía. Na cinta falase do traslado do turismo dende Torremolinos á costa de Anatolia; a guía  que os leva nun rodeo turístico revela que antes traballaba na Costa do Sol. A cativa fai uns amigos maiores, de 15 anos, que están descubrindo o sexo, o alcohol, e as traizóns da vida adulta. O seu pai baila e bebe. Quedou atrapado nesa descuberta, sen madurar; divorciouse e marchou do seu país buscando o brillo azul das praias e as piscinas. 
—Nunca vas volver a Escocia, papá?
—Non, non teño nada alí. Quero vivir sempre nun hotel.

O barón Giuseppe di Stefano andaba cazando lebres polo seu latifundio de Castel Vetrano no verán de 1946 acompañado polo seu capataz. Descubriu un mozo subido a unha das súas cerdeiras. Cometeu a frivolidade de dispararlle. O rapaz, de 15 anos, morreu. Era fillo dun mafioso, outro amplo propietario rural. O capataz do barón ofréceuse a inculparse, dixo que os catruchos mortais eran seus e pagou a fidelidade con trinta anos de cárcere. O mafioso sabía quen disparara. Como Di Stefano era propietario do Hotel Et des Palmes, en Palermo, impúxolle a omertá e a pena de que vivise encerrado na suite 204. O mafioso tivo a misericordia de permitirlle saír unha vez: para que enterrase o fillo. Durante aqueles cincuenta longuísimos anos, o barón vestía cada día o seu smoking co pano vermello e tomaba un cóctel Tom Collins, cunha cereixa en vez de guinda.

Xanto en Ourense, no Lagarza. Pido ceviche de robaliza. Podería afirmar que estaba exquisita se limitasen a cebola; que non me molesta, pero me carga. A obsesión co produto e as cociñas abertas están acabando cos cociñeiros. Non é unicamente que volvamos ao cru, o peor é que os cociñeros defenden "o produto", eliminar pasos, toquetear o menos posible a robaliza e a carne. O produto está ben para que os cociñeiros de Madrid se ergan ás cinco da mañá e corran aos megamercados; pero en Galicia o produto é o punto de partida que damos por suposto. A cociña de Lagarza está pechada, é un cuarto de demiurgo, a caixa negra do mago. Non quero saber cómo me preparan unha cechina de robaliza, quero que ma presente na mesa sen explicarme o truco.


Manuel de Lorenzo e máis eu falamos de anarcoprimitivismo, ese movemento que prendeu Unabomber. O eremita e matemático quería volver ao Paleolítico a bombazos. Sobrábanlle a  présa, a ansiedade.
Eu coñecía os devotos de acelerar a máquina do tempo, marcha atrás; pero souben que era unha corrente de pensamento organizada por Aniquilación (Anagrama), a última novela de Michel Houellebecq.
Non canso de ver vídeos de supervivencia no bosque polo Tik Tok. Hai unha volta á infancia, ás cabanas que faciamos, de subir polas noites ao punto máis perigoso dos carballos para mirar as estrelas sobre Palermo; pero prefiro sentir melodía do motor de explosión cando prendo o coche.

O burato no ceo que soñou Goethe
Comentarios