lunes. 23.05.2022 |
El tiempo
lunes. 23.05.2022
El tiempo

A cautelosa madeira de Álvaro de la Vega

Un amigo ten un cabalo de madeira pastando no salón. Acaríñao cada amencer. É unha besta parda, pero polas tardes, as luces esmorecen na auga da piscina e o iluminan, parece laranxa. O cabalo aturou golpes de machado e está suxeito por cables.

ÁLVARO de la Vega é un artista románico, seguidor do canon curto: cabeza grande, ombros anchos, estreitamento no torso, perna curta e pés pequenos. As figuras parecen miradas dende arriba. Houbo unha exposición da pintora Alice Neel no Guggenheim este outono que lle pareceu suxestiva.
—Poida que Alice Neel non saiba de románico nin lle interese pero pintaba xente en directo, non por fotografía como se fai agora, e pintábaa cos pés pequenos.

A escultura grega ou romana resúltalle menos interesante, pretenciosa. "O pano mollado de Fidias non me chama". Prefire a arte dos aqueos, os xonios, os etruscos. "A miña filla traballa en Londres. O elemento do British Museum que máis me impresiona é un león que atoparon enriba dunha pirámide en Turquía. O románico foi volver empezar porque a Igrexa quería naturalismo porque era erótico. Parece que esqueceron o debuxo e a perspectiva".
O escultor está facendo encargas. Acéptaas porque lle permiten repensar a súa obra, saír dos seus marcos.
—A encarga axúdache a disciplinarte, a facer unha rutura de liberdade. As limitacións fanche ser máis versátil. Interésanme os artistas do Renacemento, que non eran sagrados como os de agora; que tiñan unha parte de artesán ou de albanel. Velázquez estaba máis preocupado por ser cabaleiro de Santiago que nas xenialidades que nos deixou. O concepto de artista plástico é do Romanticismo.

A cruz de Santiago brilla coma unha estrela vermella no peito de Velázquez en Las meninas, pero cuando se retratou pintando a infanta Margarita, as meniñas María Agustina Sarmiento e Isabel de Velasco, e os ananos Mari Bárbola e Nicolasito Pertusato, a súa camisa era negra. Daquela se empezara a xestionar o ingreso, pero non o lograría ata tres anos máis tarde. Non foi el quen puxo a cruz, senón alguén ignorado uns anos máis tarde.

O escultor de Paradela gusta de "mirar para os lados", como chama a invadir temas que están lonxe de ser os seus, como podería ser un cristo, "que para min é un home sufrindo". Non aborda o sentimento de trascendencia, pero evita volver hermética a obra para que poidan disfrutala os crentes.

Vélázquez procedía dunha familia de portugueses conversos. Carecía da limpeza de sangue que precisaba para ser cabaleiro de Santiago. A maiores, non podía ter exercido "un oficio vil", como pintar. Tivo que reunir cen testigos, entre eles Zurbarán, Alonso Cano e Juan Carreño de Miranda, para demostrar que non pintara por cartos, "senón polo gusto do Rei".
—Cando acabe estes traballos que me pediron vou investigar con outros materiais. Eu son de curto prazo, non de planificar.

A confusión fai xirar as emocións ata que centrifugan. Marchou á mili "para facer tempo", pero aínda dubidaba sobre se cursar Belas Artes e saíu disparado cara a Barcelona

Non sempre  triunfa cos experimentos. Os cables que tensaban e dramatizaban as figuras. "Gustaban, pero non eran unha revelación" para os contempladores da súa traxectoria.
Fai retratos en madeira. Comenta que son complicados "porque é un material irreversible". 
—Na madeira hai que ir con cautela. Estás cerca de rematar e, de repente, marcha. Non vale o que fixeches. Tes que tirar a peza e volver empezar. Os retratos teñen outro perigo. Quero que teñan alma, porque, senón, quédame a sensación de baleiro. O retrato resístese. Ten que parecerse ao retratado porque poden ter un acabado parecido ás figuras de cera, que son horrorosas. Facer retrato en madeira é masoquismo. É esgotador psicoloxicamente.
O primeiro retrato que tallou foi do músico Ringo Star. Uns fanáticos dos Beatles encargáronllo como medio para entregarllo en persoa e facerse unha foto con el. Despois, parou. Agora traballa cunha parella: "Debo deixar contentos a dous", apunta con resignación.

Xa en Paradela, onde naceu en 1957, atendía peticións. Os xoguetes das tendas escasean e perecían na primeira fazaña bélica, así que Álvaro elaboraba os seus brinquedos en madeira, que parece eterna cando levas poucos anos no mundo. Había unha conduta imitativa dos xoguetes que usaban os maiores nos seus oficios, polo que xogaban con arados romanos e camións en miniatura, e tamén con coches para lanzarse desaforadamente polas ladeiras.

A familia levouno vivir a Luarca, en Asturias; onde descubriu unhas monografías de Van Gogh, que lle voaron a cabeza porque quería dedicarse á arte, pero parecíalle inalcanzable porque non sabía por onde empezar. Iniciouse coma tantos outros, pintando retratos dos compañeiros de clase nos brancos dos libros escolares. Os mellores son os de matemáticas porque teñen números e deixan máis espazo libre.

A confusión fai xirar as emocións ata que centrifugan. Marchou á mili "para facer tempo", pero aínda dubidaba sobre se cursar Belas Artes e saíu disparado cara a Barcelona. A vida era barata e puido sostela nas mans aceptando encargas de deseño gráfico para unha imprenta. A súa irmá Rosa dáballe acollida no seu piso na cidade se andaba a dúas velas e, nas catástrofes, regresaba a Paradela para poñerse o salvavidas de amasar pan no negocio familiar.
—No ano 1977 había unha explosión de iniciativas en Barcelona, Había cómics, teatro, música,... era todo a estrear. Había moitas galerías de arte contemporánea, que eran máis activas que en Madrid. Era unha metrópole, pero chegou Convergencia i Unió e perdeu protagonismo. Achicouse moito nos anos 80 e 90. Vivín trece anos en Barcelona. Agora está todo mercantilizado, copado polas multinacionais. Pero teño que ir botarlle un vistazo.

O motivo premium para cambiar a nosa vida, o amor, levouno a Corcubión; onde residiu durante 25 anos ata que marchou a Rianxo

Rematadas as memorias catalanas estivo dando clases en varios centros. "A docencia era un xogo". Cambiou a pintura pola escultura para facer xoguetes para os seus alumnos, coma un zóotropo que montou con dúas rodas de bicicleta e unha pantalla que xira con 24 debuxos dunha muller que camiña.
—É unha vía paralela ao meu primitivismo. é o momento primitivo do cine. Hoxe calquera móbil faiche animación, por iso me fun ás orixes. Hai que explicar de onde vén a imaxe do móbil. Os rapaces non teñen sentido da Historia. Cando era novo eu escoitaba música do meu tempo e blues dos anos 30. Agora están no inmediato. Eu traballo igual que un escultor de Mesopotamia.

O motivo premium para cambiar a nosa vida, o amor, levouno a Corcubión; onde residiu durante 25 anos ata que marchou a Rianxo, pero deixou obradoiro aberto. Leva unha trintena de anos na beira do mar e, sen embargo, o mar apenas molla a súa obra. Presenta un recurso para este comentario meu sobre a sequidade verde das súas esculturas para sinalarme que usa "madeira de batea reciclada" nos últimos anos.
—O mar gústame moito, é unha fonte de acontecementos sensibles. Somos seres creados polos mesmos elementos que unha árbore ou unha espiga. O mar é un lugar circunstancial. Levo nas venas a paisaxe de Lugo. Gustaríamevolver, pero un escultor non pode coller as cousas de traballo e marchar a outro sitio; non é coma un novelista. Non atopei un tema no mar, non me metín na cultura do mar.

Sinala o contraste de que lle gusten as mariñas de Tino Grandío, o seu pintor preferido "polos grises". Despois de triunfar en Madrid, o pintor lucense comprou unha casa sobre o encoro de Buendía, en Cuenca. Cando contemplaba esas augas forzábaas para imaxinalas coma mariñas.
O tema deste escultor continúa sendo a vella escultura mediterránea: cabalos, persoas.

Álvaro de la Vega abandonou a pintura hai décadas, pero o debuxo seguiu presente nel. "Debuxo constatemente para desintoxicarme de ter sempre os problemas na escultura". Os motivos non son os seus cabalos nin as súas persoas, son paisaxes a lapis. Traballa con atmoferas, "que escapan da materia, do peso, de ocupar o espazo". Pensa nesa disciplina como alternativa para cando perda a forza e a axilidade.

A cautelosa madeira de Álvaro de la Vega
Comentarios