El tiempo
domingo. 04.12.2022
El tiempo

O Demo cose a ferida con fío de prata

Sés promete un disco alegre e lucido co nome de Diante un eco. Sae o día 25. Cadra co día no que se denuncia a violencia contra a muller. A cantante reivindica cada día nun do sostido, polo que evita facelo nas datas sinaladas. "Pero cadrou así".
María Xosé Silvar (Sés). EP
María Xosé Silvar (Sés). EP

SÉS CÓNTAME que no seu disco hai unha canción que se chama Para cando eu morra, na que pide que "que non me queira de morta/ que non me quixo de viva". Fala da morte e da vida. Escoito o antropólogo Felipe Senén nunha conferencia afirmar que a cultura da morte en México, tan elocuente e teatral, foi inspirada por un franciscano da Gudiña, Sebastián Aparicio.

Era un relixioso do século XVI afeccionado a pasear sobre ese arame que une o amor e a memoria; quero dicir, a vida e a morte. Sendo neno contaxiouse dunha epidemia. A nai afastouno nunha cova. Unha noite de chuvia, unha loba refuxiouse na caverna e atopouno durmindo. Mordeu ao cativo nun brazo para apartalo das súas crías. Sebastián botouse a sangrar como se non houbese mañá.
O novo álbum de Sés tamén ten a cota mexicana. Ela insiste en que o seu novo álbum é feliz, cuestionador e suramericano.
—O disco é alegre, soa a Colombia, a México; soa a Galicia, claro, todo pasa por aquí.

O primeiro sinxelo foi Cantan as balas. Ten algo de rock dos setenta e moito de himno tráxico, entre o político e o maxestuoso: "O Demo mata/ cose a ferida con fío de prata".

Cantan as balas é escura profética. Escribina en 2020, cando empezara a asustar. Parece que esteamos en 1935, ao borde do abismo.Daquela pensei en que íamos cara a iso e, por desgraza, é certo.

Pero o planeta non camiña a son. Ás veces cambia o paso nun continente.

—En America volve a esquerda, é certo. Vai por ciclos. Hai de todo: Colombia, Brasil,... tamén Chile, pero houbo un non á nova constitución. Foi duro. En Europa hai unha volta do totalitarismo e nos Estados Unidos,  desigualdades de xénero e racismo. Cantan as balas compúxena encerrada na casa, lendo noticias. No tema digo "cantan as balas/ himnos de paces falsificadas" e tamén "chaman cordura/ a conservar a súa censura". Non ten intención de himno. Soamente buscaba que esa canción tivese unha coherencia interna, que non fose un poema musicado. Busco que a música estea integrada no texto, a desnudez, e, cando a canción rompe no retrouso, busco a forza dese ton épico.


William Burroughs sostén nun ensaio que primeiro empezamos a escribir e, despois, a falar

Cantan as balas soan aos anos 70 e tamén  á música española dos anos 60 e 70. Diante un eco os cantautores empezaron a orquestrar, como fixo Cecilia.

—A instrumentación é de himno, Sés –insisto–. Ti es solemne.

—A xente redúcete a un perfil. É difícil que non reduza. Non sei se o fai por estética, pero ti viches a miña biblioteca. Sorprendeuche que sexa tan dispar, que lea a Primo de Rivera e a Krotopkin. Son temas que me interesan. A xente pensa que unha muller non pode cantar rock e ser intelixente, que non pode ter un nivel académico e cantar. Hai unha hipersexualización da muller, parece que unha muller non pode ser respectada intelecualmente. Santiago Auserón é catedrático de Filosofía, nunha muller non cadra. Unha muller pode ser sobria e desenfadada ao tempo. Eu teño ese punto solemne e serio; pero non é impostado, eu son así.

—Estades marcadas pola esixencia de escribir letras que do extremo frívolo ao confesional?

—Neste disco vai o tema Eu non son a que pensas. "Medrei no mundo e nun recanto e aos dous perenzo sen exclusción/ so sei vivir reconsiderando aínda que pareza que non". Eu non son a que pensan vostedes. Teño unha licenciatura en Filoloxía e outra en Antropoloxía, e  un máster de Lingüística. Téñenme falado como se  non tivese o graduado escolar. Non sei se por ser muller ou pola miña lingua. Aínda me pasa que digo que son da Coruña e din que si, pero que de onde son. Nunca contesto a por que cantas en galego?. É humillante. Pregúntanlle a Fermín Muguruza por que canta en vasco? Eu nin contesto. Soamente o fixen unha vez para esixir respecto.

William Burroughs escribiu un libro, A revolución electrónica (1970),  que ten relación coas letras. Sostén nese ensaio que primeiro empezamos a escribir e, despois, a falar. O razoamento é que todos os animais falan, por moito que a inmensa maioría das especies non poidan facelo dun xeito articulado: "Uns falan con sons guturais; outros, con belos cantos".

Burroguhs teoriza que a linguaxe é un elemento externo ao noso corpo, "un virus que nos contaxia", polo que "escribir ou falar non consiste en transmitir información, senón en contaxiar". A súa proposta para rematar con esa infección é tan disparatada, orixinal e divertida como todas as propostas que lanzaba. A revolución electrónica contén un manual de sabotaxe con instruccións no que animaba aos cidadáns a usar as gravadoras e as cámaras de vídeo –a tecnoloxía máis avanzada para rexistrar o discurso público nese momento– para viralas contra os poderes políticos, militares e culturais.

O disco de Sés non está libre da confesión. O medo dunha nena: "O meu penar é tanto/ que nada me serena/ Gardo na miña alma o medo dunha nena". A canción é desesperada, nostálxica da infancia como espazo idealizado e acolledor.

—Si que é confesional. Escribina nun momento moi triste. Levo as cancions no móbil para non esquecelas. Cando fun gravar, un tempo despois de compoñela, sentíame tan triste que choraba ao cantala. Pero houbo un punto de inflexión porque antes a miña tristura era desesperada, agora é serena.

As dúas veces nas que foi desenterrado o seu cadáver apareceu incorruto. A súa cara pareceía alegre

Sebastián Aparicio pastoreou ovellas ata os 20 anos. A dona da finca namorou del. Para evitarse "o Mundo, o Demo e a Carne", marchou a México. Non lle chegaba emigrar a Vigo, como todos os de Ourense. Cando levaba  uns anos en México ingresou na orde franciscana despois de que Satanás lle provocase unha gravísima enfermedade a mala idea, para que deixase de crer. Pero a xeira non era fácil porque unha noite, esgotado, deitouse sobre un formigueiro. Espertou rodeado por  un círculo de formigas que estaban protexéndoa sen que a ameaza conste no expedente de beatifiación,do século XVIII.

Cando tiña 95 anos rebentoulle unha hernia e morreu. Toda Puebla foille ao enterro. As dúas veces nas que foi desenterrado o seu cadáver apareceu incorruto. A súa cara pareceía alegre, o que animou aos mexicanos a divertirse coa morte e a min a pensar que o único certo desta historia foi o círculo de formigas.

O folklore americano volve ser patente nun traballo de Sés. Hai dous tema do folk norteamericano. "O rock é un blues subido de tempo". A función desas cancións é reparadora, un movemento de consolación, de cerciorarse de que pode soar fresca e mordaz como nos primeiros discos, que o xistral continúa soprando a todo pulmón.

—Quixen comprobar que non perdín o desenfado. Ás veces a perda da frescura é un problema para o artista. Non quero perder a frescura. Quero ser unha señora, non unha carca. Gústame ser unha tía que vai cumprir corenta anos. Quero ser unha señora orgullosa. Non creo que a lucidez e a crítica deben ser sempre serias. Rubén Blades introduce a crítica social un xénero como a salsa, Juan Luis Guerra introduce cuestións económicas no merengue, fan a unión do alegre co lúcido.

Sés logra recobrar Admirando a condición. A súa valía fundamental é a inocencia coa que mira a música. "Son inocente coa música porque lle teño un respecto". Esa actitude indica que escoita a radio da súa cabeza, a corrente de diálogo con nós mesmos que non damos apagado máis que nas horas de sono. William Burroughs sospeitaba que levamos "un teclado bioquímico na cabeza" que nunca se detén.

O Demo cose a ferida con fío de prata
Comentarios