sábado. 16.10.2021 |
El tiempo
sábado. 16.10.2021
El tiempo

O demo que entra pola boca, tras o pan

Sabemos que o Demo entrou en Xudas polo alimento. San Xoán detalla que "untado pan, deullo a Xudas, fillo de Santiago o Iscariote. Detrás do pan entrou nel Satanás". Os propios evanxelistas exculpan ao traidor. Falan de que o Deaño anulou a súa vontade para usalo como un instrumento do mal
Yolanda Díaz
Yolanda Díaz

O MARXISMO É, para moitos, un Xudas que  traizoou ás leis  de Deus. O comunismo xa non existe en ningunha sociedade do mundo. Todos os palacios de inverno foron vendidos a cadeas hoteleiras. O comunismo está de corpo presente en Cuba ou en China nunha taxidermia, como a momia pálida de Lenin. Os turistas fanse fotos abrazados ás ruínas do Muro de Berlín. Citan a Quevedo: "Miré los muros de la patria mía,/ si un tiempo fuertes, ya desmoronados,/ de la carrera de la edad cansados,/ por quien caduca ya su valentía".

San Pedro explica o motivo de Xudas para ser desleal a Xesús como unha misteriosa profecía. "Tiña que cumprirse o que o Espírito Santo predecira na Escritura por boca de David, que fixo de guía dos que arrestaron a Xesús".

Un sacerdote estivo explicándome de onde procede a tradición anglosaxoa de que o home é egoísta e feroz por natureza. Sitoume a orixe na separación da Igrexa de Inglaterra da matriz romana que executa Henrique VIII. "Ao reunir o poder terrenal e divino no rei os filósofos políticos ingleses empezaron a traballar para xustificar que as leis temporais e eternas procedesen do mesmo lexislador, o seu monarca. Por iso Hobbes idea o Leviatán, que é unha figura que impón a orde nun mundo no que o home é un lobo para o home. O seu lema é Son un Deus temporal, o que quere dicir que ten a natureza humana, pero tamén a divina mentres viva".

Gústame falar con curas. Como viven de cara á eternidade, todo lles parece mundano e fugaz. Preguntáronllo a don Ricardo, o párroco de Ribadeo dos anos 70:

−Que lle parece a Revolución Francesa?
−Temos que esperar a coñecer as consecuencia. Aínda é cedo.

Don Ricardo predicaba pegado aos evanxeos e cría, con Ortega i Gasset, que as revolucións eran un desastre sanguento. Sen embargo, ambos comprendían que era un xeito de que "as clases pudentes cedan nos seus privilexios".

Karl Marx escríbeo con Friedrich Engels, o burgués que o mantiña, en El manifesto comunista. "A burguesía afogou o sagrado calafrío do fervor relixioso, do ardor cabaleiresco e da malencolía pequenoburguesa nas xeladas augas do cálculo eogísta". Poderá estarse en desacordo coa Teoría da Plusvalía do barbudo filósofo prusiano, pero non se lle pode negar a vontade de estilo.

José Ovejero acaba de preparar unha nova edición dese ensaio para Galaxia Gutenberg. Está facéndose sonada porque vai resgardada por un prólogo de Yolanda Díaz. Hai unha sorpresa ampla e pasmada de que unha ministra comunista escriba un texto sobre comunismo.

Os reais decretos que promove Yolanda Díaz teñen un perfume socialdemócrata necesariamente feliz agora que vivir se converteu en agardar que a seguinte crise nos pase por riba

Atacan á ministra como se na España do século XXI puidese adoptar medidas comunistas. Os reais decretos que promove teñen un perfume socialdemócrata necesariamente feliz agora que vivir se converteu en agardar que a seguinte crise nos pase por riba e nos afogue na eternidade dunha onda de Valdoviño. O texto de Yolanda Díaz explica ben a prudencia coa que traslada o seu programa político á mesa do seu despacho: "El manifiesto comunista no es un principio estático, imperturbable, monocolor, anclado en su propio razón, sino como una clave interpretativa". Con esa clave, con esa chave inglesa, a ministra axusta os excesos do mercado liberal durante o día.

Pola noite déitase para soñar cuns asteleiros en Ferrol e Narón que aseguren unha vida equilibrada e perdurable a uns centos de traballadores. Yolanda Díaz confesa a súa intuición de que "Marx e Engels eran conscientes de la naturaleza procesual de su obra, o, por lo menos, de la impredecible variedad de una ecuación". Todo o que está en proceso ten a vantaxe de que non acaba de ser un fraude porque non chega a realizarse e, polo tanto, a fracasar. Os acaudalados temen aos exaltados, pero non aos poetas. Saben que non lles van roubar porque abonda con sentalos na súa mesa para reconfotar o seu corazóns sinxelos. Os ricos apiádanse dos compositores de sonetos, eses enxeñeiros dos camiños, canales e portos da poesía. Divírtelles a súa mestura de inocencia e loucura, tan afastada da lóxica aritmética de xerar e conservar unha fortuna.

Carlos Oroza facía moito chiste aos señores que se enriqueceron nos anos 90. Eles manexaban as ruletas con pedal que contaminaban o xiro libérrimo da roda da fortuna. O poeta de Vigo quería asaltar o Banco de España. Non buscaba saír cos sacos de billetes. Posiblemente, non tería nin colchón da súa propiedade baixo o que gardalos. Soñara que as caixas fortes dos clientes estaban cheas dos mellores viños do mundo. No seu delirio había depositos que eran parras cargadas de mondeuse, pinot noir, gamay, persan e chardonnay.

Soñouno con ímpetu, como Voltaire soñaba os números da lotería en 1727. O pensador francés rebentou a banca e se fixo rico. Oroza fantasiaba con estrellar un Mercedes seu contra a porta do Banco de España e levar unhas ducias das botellas de viño que se gardaban nas caixas fortes. Contoullo ao xornalista vigués Javier Sánchez de Dios, quen llelo transmitiu a Mariano Rubio e Luis Ángel Rojo. Un mediodía Sánchez de Dios foi convidado a xantar nun comedor do Banco de España. Na sala catro goyas facían garda nas paredes. O sumiller servía dunha botella de merlot con aromas das viñas altivas de Burdeos e algunhas manchas de pó. O periodista contou o soño de Carlos Oroza. Rojo e Rubio quedaron impresionados. Confesaron que o viño reservado a aqueles convites se gardaba nunha cámara na que estivera o ouro baleirado polos republicanos cando a Guerra Civil. Era coñocida como O Paraíso Perdido. A turbación de Carlos Oroza acabou sendo realidade. Estrelou un Mercedes blindado contra a porta do Café Gijón. O poeta baixou do coche un tanto confuso, achegouse ao vendedor de tabaco. Pediu un chester: "Se lo pago mañana".

Rousseau pensaba que a sociedade era un aire que corrompía as almas puras do Paraíso cando sopraba a través das aortas.

Eu diría que todos os columnistas, e case calquera persoa, acariñamos a ocupación que Josep Pla atribuía a Julio Camba: "El ideal de Camba era jugar al bridge por la noche, irse a la cama a las seis de la mañana, levantarse a las seis de la tarde y volver a jugar, ir a comer a cualquier sitio y volver a jugar. Y, de tarde en tarde, hacer un artículo". O xenro cubano de Marx, Paul Lafargue, desenvolveu a teoría no seu ensaio O dereito á preguiza, onde denuncia  os "cánticos nauseabundos na honra do deus Progreso, o fillo primoxénito do Traballo". Dá angustia pensar nunha nación presidida por Lafargue. O home devorando o home.

A pesar de que ás veces atopes libros como Dignos de ser humanos (Anagrama). Nese volume o historiador holandés Rutger Bregman intenta apuntalar a idea de Rousseau de que a bondade corre polo sangue dos inocentes. Rousseau pensaba que a sociedade era un aire que corrompía as almas puras do Paraíso cando sopraba a través das aortas. O propio Jean Jacques (1712-1778) padeceu o sangue negro dunhas autoridades que o acusaron de subversión, mandaron queimar os seus libros e dispuxeron que fose arrestado. No século anterior, entre 1588 e 1679, vivira en Inglaterra Thomas Hobbes, que expoñía a maldade orixinal do ser humano no seu libro Leviatán.

Foi acusado de herexía, perseguido e xulgado, pero nunca deixou de pensar que a vida era un asunto "sucio, salvaxe e breve". Lendo a Bregman lembrei aqueles días calorosos da adolescencia nos que quedei impactado por O señor das moscas. Xa saben, a historia dun grupo de escolares británicos que naufraga nunha illa perdida. Empezan sendo nenos e acaban sendo salvaxes

−Incumpriches as regras −dílle Ralph, indignado.

−Bah!, resopra Jack−. A min que me importan as túas regras!

−As regras son o único que temos.

O demo que entra pola boca, tras o pan
Comentarios