viernes. 22.10.2021 |
El tiempo
viernes. 22.10.2021
El tiempo

As dúas cabezas fenicias de Picasso

Comecei a ler Os rostros do frío, onde Xulio Pardo de Neyra fala de retrato e fotografía galegos nos séculos XIX e XX. O ensaio vai cargado de erudición e complexidade. Decidín metelo no conxelador da biblioteca ata verán. Daquela disporei de tanto tempo que mesmo poderei perdelo coa precisión dun reloxo calvinista
Xulio Pardo de Neyra.
Xulio Pardo de Neyra.

INTERÉSAME coñecer o sutil abismo que separa o xeito no que nos representan e o xeito no que nos gustaría ser representados. A separación no debuxo e na pintura é grande. A medida que se perfecciona a arte fotográfica os rostros van collendo calor e imitándonos mellor.

Toda a vida pensei que o cadro co que Picasso deserta do realismo e o debuxo ordenado, As donas de Avignon, lle nacera nunha pulsión africana de ser basto e arroutado coma Hemingway, pero sen moverse do adoquinado París. O Centro Botín de Santander desminte esa África nunha mostra. Clarifica a influencia ibera nesa peza inaugural da arte moderna.

Picasso gardaba nun armario dúas cabezas fenicias, dous retratos en pedra con ollos grandes e tristes que reproduciría en As donas de Avignon. Se as gardaba no armario non era por pudor nin fetichismo, era por medo á Policía.

Polo París de Picasso, Apollinaire e Jean Genet andaba con zapatos silenciosos Baldomero Pestana, galego de Castroverde. As súas cámaras eran unha Hasselblad, para a rúa, e unha Linhof, para o estudo. Pestana facía fotografías dos seus amigos, que eran escritores e poetas suramericanos. Nuns anos tiña un álbum do Boom Exiliado: Gabo, Vargas Llosa, Neruda, Sarduy,... A colección de imaxes que reuniu estaba incompleta. Faltáballe Borges, o escritor británico en español. O fotógrafo buscaba "a alma" dos retratados. Ese espírito non podía colocarse nun estudo fotográfico á luz reveladora duns focos. Debía emanar da casualidade coma unha epifanía.

Xulio Pardo de Neyra conta a fotografía como unha negociación coa morte.

A lámina de Borges non é doada de obtener se vives en París e non che voan os billetes dende os petos. Cadroulle atopalo en Lima, pola rúa. Viña de cargar a Hasselblad cunha película nova. O vello deus Pluto das letras deixara Bos Aires por uns días para unhas conferencias en Perú. O autor arxentino non se decatou da súa presenza. Baldomero Pestana podería fotografalo sen que o sentise.

—Borges veía manchas. Ojalá que sus ojos mirasen, pero no se puede decir ni siquiera eso. Estaban muertos. A un hombre hay que sacarle la vida interior; si no, no hay retrato.

Xulio Pardo de Neyra conta a fotografía como unha negociación coa morte. A moeda nese debate son as unidades de tempo. Fala en Os rostros do frío (Edicións Fervenza) sobre o peso dos séculos. Recolle que a casa grande de Otero Pedrayo en Trasalba é descrita como unha «leda casa petrucial con moito luxo de pendellos, alboios e tullas, pero sen torres nin escudos» por Baliñas Fernández.

Pablo Picasso era amigo de Jean Cocteau, aínda que non agardou a que o galo cantase tres veces para renegar del cando o roubo da Gioconda. Botoulle a culpa ao ser interrogado na xendarmería do Quai des Orfévres, onde traballaría o inspector Maigret para investigar nas novelas de George Simenon. A través de Cocteau, Picasso coñecera a Pieret, un rapaz belga bisexual, ladrón, chantaxista, criminal convito,... era secretario, amante e recadeiro de Cocteau dende 1904.

A graza de Pieret era a súa eficacia para atender as encargas.

—Vou para o Louvre, Pablo; queres que che traia algo?

Unha vez Picasso encargoulle unhas cabezas fenicias. Estaba abandonando o realismo e a perspectiva clásica a través da pintura primitiva e quería ter un modelo a man.

A diferenza de Apollinaire e Picasso, Pieret non aparece reseñado nas fichas policiais,

Cando a Gioconda desaparece do Louvre en 1911 os primeiros detidos son os seus señoritos de Pieret, Picasso e Cocteau. Picasso tiña tanto medo de ser deportado a España que afirmou non ter visto nunca o seu íntimo Cocteau.

A diferenza de Apollinaire e Picasso, Pieret non aparece reseñado nas fichas policiais, pero éntralle tal tremor vital que se arrepinte de andar polo Louvre ás ceibas. Manda unha carta ao Paris Journal para confesar a desfeita que perpetrara na galería de antigüidades fenicias do centro museístico. Conta que roubara unha estatua que representa un busto de muller.

—Vendinlla a un amigo. Deume poucos cartos. Penso que 50 francos. Perdínnos esa mesma noite nunha sala de billar. Que carallo?, díxenme. A arte fenicia enteira está alí ao meu dispor. Ao día seguinte volvín ao Louvre e levei unha cabeza dun home con grandes orellas. E tres días máis tarde un fragmento de xeso cuberto de xeroglíficos.

O amigo citado por Pieret era Picasso. O artista negocia coa súa impostura. Otero Pedrayo, tamén. Como recolle Pardo de Neyra, acolleuse á divisa de "non todos temos avós".

Baliñas Fernández argumenta que o intelectual ourensán afirma que, "se ben todos temos antepasado, as familias con tradición e bens conservan memoria moita máis viva do seu pasado, mesmo porque teñen cousas valiosas que conservar: bens, título, historias,..".

A súa nai adoptiva imaxinouno sacerdote, pero a el excitábao facer desaparecer os lápises dos outros escolares e sisar moedas na tenda da tía

Jean Genet contou con esa oportunidade cando o recuperaron da inclusa. Os seus boletíns de notas estaban aburridos de cargar sobresaíntes. Misaba nun altar de miniatura. Cantaba no coro. A súa nai adoptiva imaxinouno sacerdote, pero a el excitábao facer desaparecer os lápises dos outros escolares e sisar moedas na tenda da tía. Os nenos rouban cando non se senten queridos. Entenden que a sociedade está en débeda de amor con eles e fanse con pequenos obxectos, coma material escolar ou moedas.

Sendo mozo continúa lacerado pola falta de cariño. Empeza a roubar nos cepillos das igrexas e abrigos nos restaurantes. Acaba vendendo pasaportes falsos e traficando con armas.

Tras publicarse a confesión de Pieret, Picasso e Apollinaire cítanse unha noite para tirar as esculturas roubadas ao Sena. Pretenden que se afundan entre o fango do leito fluvial e sacro.

Despois de dous anos á luz da desconfianza, Picasso e Apollinaire marchan coa honra branca. Descúbrese que un extraballador do Louvre, Vicenzo Peruggia, descolgara a Gioconda, envolvéraa nunha saba como se fose o retrato de Dorian Gray e saíra pola Pasaxe Richelieu adiante sen que ninguén se interesase polo que levaba baixo o abrigo.

Apollinaire asoma a cabeza busca de claridade na lectura do xornal. Ponse a tiro dos alemáns.

A raíz do trauma, Picasso mantén a súa vida normal, pero Apollinaire se apunta como voluntario no exército francés. Un serán está nunha trincheira lendo o periódico do primeiro ministro, George Clemenceau. O xornal chamárase O Home Libre e pasara a chamarse O Home Encandeado cando o político comprobara que os seus compañeiros socialistas non apoiaban o seu belicismo.

É tarde. A luz do día dubida. Apollinaire asoma a cabeza busca de claridade na lectura do xornal. Ponse a tiro dos alemáns. Unha bala podería chantárselle na cabeza tan velozmente que nin o despeitearía, pero case o mata a metralla dun obús. Segue lendo a ira de Clemenceau contra Xermania.

Fai un pacto coa morte, pero ela marca os tempos. Logo empeza sufrir mareos, unha vertixe borracha que o deita cando recolle a cunca de aluminio co rancho da cea. Deben practicarlle unha trepanación.

Vive a prórroga con aparato grande e negro coma un teléfono de marcar os números con r o d a , u n antecedente do chip que tanto teme Miguel Bosé.

Jean Genet estaba posuído por un odio cara ao mundo marcial.

Opinaba que os exércitos representaban as sociedades que defenden. Prostituíase con soldados polo mero pracer vengativo de roubarlles os uniformes. Queimábaos no patio traseiro. No Diario dun ladrón confesa que "a través do roubo fun cara á luz".

As dúas cabezas fenicias de Picasso
Comentarios