domingo. 20.06.2021 |
El tiempo
domingo. 20.06.2021
El tiempo

Fotografías que non se amosan no cuarto de baño

Hai dous tipos de persoeiros: os que teñen expostas na sala fotos nas que aparecen dando a man a outros persoeiros de "maior rango, dignidade e goberno" -que dicía un meu tío carlista- e os que as gardan en álbumes de vellez que nunca ensinan.
Alfredo Conde
Alfredo Conde

ALFREDO CONDE ten todos os premios literarios, todas as traducións e varias nominacións ao Nobel. Eu valoro o seu Nadal. Non vou descubrirlles a súa prata de lei como escritor como non lles descorría unha cortina para amosarlles o Atlántico.

Paralelamente a esa vida prácida e laureada levou outra de político, que é un xeito de saír da casa cada mañá para pasear por un campo de minas. O seu piñeirismo levouno a traballar como parlamentario xunto ao PSOE –el subliña que como independente– entre 1981 e 1993; a ser conselleiro de Cultura entre 1987 e 1990, e a ser acoteilado por Alfonso Guerra. Despois preferiu ter "influencia a ter poder", como recomendaba Víctor Hugo, e quedou na sombra aconsellando a Manuel Fraga.

Coñecín a Alfredo hai 25 anos. Xa se explicaba daquela; pero con todo o caos e a lixeireza que ten unha conversa. Nunca o fixera dun xeito tan longo, ordenado e maxistral como en En canto a Fraga (Ézaro). O libro é ben bonito e azul. Botei en falta a edición do texto, reiterado por veces, e un nomenclator que guíe ao lector.

A obra é unha crónica da súa relación co vilalbés que presidiu a Xunta. Son unhas lembranzas áxiles que permiten coñecer a intrahistoria dun país que parecía que ía despegar nos 90. Fraga buscou financiamento para a pista e construiuna, pero chegara demasiado maior como para lograr o tráfico aeroportuario preciso.

Durante unha ducia de anos Conde participa do pálpito público e despois acepta asesorar a Fraga, tamén por petición de Piñeiro

Maquiavelo escribe que «poucos ven o que somos, pero todos ven o que aparentamos». En canto a Fraga é unha monólogo necesario dun home alentado pola teoría do cabalo de Troia que defendía Ramón Piñeiro. O lobista lancarés sabía que as situacións e os países soamente se cambian entrando nas estruturas de poder para facerse con elas. Durante unha ducia de anos Conde participa do pálpito público e despois acepta asesorar a Fraga, tamén por petición de Piñeiro. Este percibe como sincera a intención do exministro franquista de achegar a comunidade autónoma á fronteira lonxana da nación.


Manuel Fraga tivo esa audacia. Tamén a de achegarse a Fidel Castro cunha delegación galega con Alfredo Conde como viaxeiro en 1991. Fidel reproducira en Cuba a lareira da casa do pai en Láncara. Importara peza a peza: a gramalleira, o pote, as tarteira e as cazolas orixinais. Os correspondentes pensaban que buscaba en Galicia unha saída en forma de asilo para dar paso á democracia, pero o seu interese non era político, senón emocional. Unicamente pretendía viaxar ao chamizo de onde saíra o pai, un desexo que lle fora denegado por Laxe.

O retrato que se fai no libro da habilidade que escondía o ditador cubano é apabullante. Fidel tarda pouco en decatarse de que non convencerá a Fraga se lanza un ataque frontal, polo que opta por unha manobra envolvente. Comeza polos que poden persuadilo. O líder caribeño pide a Alfredo Conde que o entreviste para mellorar a súa imaxe en Galicia. O escritor resístese. Xa que logo convídao a pasar uns días nunha casa de Varadero. Unha vez aillado e contento vaino bombardeando con visitas de escritores e intelectuais ata que a consegue.

O escritor logra que Pérez Varela, daquela conselleiro de Cultura, suba á habitación do presidente para intentar facerllo ver. Os berros atravesan as portas e as paredes

De todos os xeitos, o propio Alfredo repara en que Fidel Castro está "aducindo a Fraga".
-Pra que adución fose total só faltaba outro abrazo do oso aplicado na presenza da prensa internacional. Fraga sabía manter as distancias. Fraga tamén era un home emotivo, mais naqueles días nos que comezaba a ter a lágrima fácil.

O escritor logra que Pérez Varela, daquela conselleiro de Cultura, suba á habitación do presidente para intentar facerllo ver. Os berros atravesan as portas e as paredes. "Fraga era un vaidoso de manual". Nunca poría fotografías con persoeiros no cuarto de baño. O presidente da Xunta consúltalle que debe facer para trascender. Conde logo percibe que lle está insinuando que aspira a imitar a François Miterrand, deixar unha memoria sólida e grandiosa:

–Vostede o que quere é deixar unha Pirámide do Louvre.

Fraga non llo desminte. Conde logo debulla a magnitude do desastre. Compostela xa ten un polo de atracción de atracción caudaloso e de sona mundial. Nada en Santiago funciona se ten unha altura maior que as torres da catedral. A Berenguela é o teito das ambicións.

Se chegamos ter o libro de Alfredo Conde antes poderíamos termos aforrado a Cidade da Cultura. Ese parque temático, precioso e inxustificable, é o xeito no que o exconselleiro de Cultura Jesús Pérez Varela describiu como vía a Fraga: megalómano, volátil, decidido. Pérez Varela sabía que o seu presidente acabara adorando o seu país de peto, o seu Estado de xoguete.

Conde recomenda ao daquela presidente facer «cousas», pero Fraga prefire facer unha cousa única e grande, consciente de que moitas execucións cativas quedan perdidas na primeira reviravolta da Historia. O orzamento que tivera el en Cultura fora de 5.000 millóns de pesetas. Fraga calcula 18.000 millóns e catro anos de construción. Alfredo Conde advírtelle xa daquela que vai custar cinco veces máis e que non vai curtar a cinta coas lámpadas no seu sitio e as billas mandando ríos de leite e mel.

O escritor traballou minuciosamente para demostrar que Guerra nunca enunciara a frase. Se non a dixo podería tela dito

Á política vaise con Maquiavelo ben lido. Alfredo Conde escribiu este libro de memoria e de corrido. Iso faino menos obxectivo, pero máis emocional. É un libro dun home so explicando a Fraga para explicarse a si mesmo, pero sobre todo para explicar o seu pasado agora que lle é unha materia máis abundante que o futuro.

O autor ten interese concreto en desvelar a información que el foi reunindo sobre o famoso titular aparatoso de El País: «Alfonso Guerra se pregunta qué hace un intelectual de izquierdas de maletero de Fraga». O texto vai ilustrado dunha fotografía de Manuel Fraga camiñando en Cuba e Alfredo Conde detrás, cargando coas súas propias maletas. O escritor traballou minuciosamente para demostrar que Guerra nunca enunciara a frase. Se non a dixo podería tela dito. Tanto ten unha frase cando falan os feitos. Abonda con asistir ao espectáculo de mel e fel que o político andaluz está representando contra os actuais dirixentes do seu partido. Poderíamos usar un amplo vocabulario para definilo de excluír a palabra respecto.

Alfredo Conde indica que hai moitos Fragas, tamén hai moitos Alfredo Conde, un por cada capítulo: o Alfredo Conde que modernizou a cultura galega, o Alfredo Conde que calou durante trinta anos, o Alfredo Conde que recoñece a xenerosidade do amigos, que os defende contra toda noticia publicada; o Alfredo Conde que busca ser resarcido na memoria dos outros, o Alfredo Conde que foi xeneroso co país, o Alfredo Conde dominado polo resentimento.

Foi capaz de diseccionar a Fraga, pero non de decatarse de que o poder é unha voadura controlada que sempre acaba por facer saltar os políticos polos aires, de que Fraga lle estaba explicando esa lección sen palabras, de que el estaba repetindo os acertos e os erros do seu biografado. Alfredo Conde non analizara os temas fundamentais da súa vida --o orgullo, a ambición, o idealismo e a soidade-- ata que sentou pensar En canto a Fraga. Valeulle para preguntarse por que trascendeu como traidor, por que ninguén escoitou ao heroe. A conclusión explícaa el mesmo, cando a última decepción política o deita coma unha febre demoledora e se encerra na casa de Pena Aguda.
--Levo trinta anos vivindo fóra de Compostela, a quince quilómetros, pechado na miña casa sen me relacionar moito coa xente.

Nesa casa, un precioso edificio de pedra, madeira e luz, hai un cuarto de baño cheo de fotografías. Alfredo sabe domesticar a vaidade coa fusta da ironía.

Fotografías que non se amosan no cuarto de baño
Comentarios