lunes. 24.01.2022 |
El tiempo
lunes. 24.01.2022
El tiempo

Galicia, baixo unha catástrofe recorrente

Galicia padece unha catástrofe recorrente. É unha característica peculiar porque o propio país está feito de peculiaridades. A desgraza do Prestige é tan singular nosa como habitual. Vivimos a trinta millas náuticas dunha ruta que transitan barcos que se tambalean coma zombies noqueados por un peso pesado.
Miguel de Lira. LUZ SORIA
Miguel de Lira. LUZ SORIA

A MAIORES DE aturar o caos propio, tamén nos caen enriba infernos universais, como o covid. A compañía teatral Chévere contou en Curva España o desastre de que o sur de Galicia non fose artellado a xeito. Na última montaxe, N.E.V.E.R M.O.R.E, traza un arco dende a sombra do petroleiro Prestige ata a pandemia sinistra. Ese arco iris empeza en novembro do 2002 e non se lle ve a fin no outro extremo. O arco que cruza a bóveda espida do noso ceo é negro, a color que non é color; o negro do corvo de Edgar Allan Poe. "¡Volve á tempestade á ribeira da Noite Plutónica/ Non deixes pluma negra algunha, prenda da mentira!".

Aquel novembro aínda non ben empezara o terceiro milenio, pero o desleixo conservaba a esencia: Casón, Urquiola, Andros Patria, Pollycommander,... Prestige. A cadea de comunicación política tritura as catástrofes con eficacia. O responsable básico transmite o problema ao superior unha cifra cunha rebaixa; o superior faille ver ao seu mando que tampouco hai que poñerse nerviosos e este transmite ao máximo responsable que «pode seguir cazando, don Manuel; vai ser pouco máis que o baleirado dunha sentina en alta mar». Mandaron afastar o cadáver de petróleo lonxe da costa, pero a Mar devolve todo.

A palabra ten o poder de camuflar a realidade. Flaubert botou catro anos e medio escribindo, borrando e corrixindo para atopar "a palabra xusta" en Madame Bovary, a mellor novela de todos os tempos —Quijote incluído—.

Maupassant tiña 29 anos cando se atreveu a dar a ler a Gustave Flaubert o seu conto Bóla de sebo. Houbo de superar o pánico. O relato fala de tres matrimonios ricos que escapan da marea negra prusiana que invade Francia. Bóla de Sebo é unha prostituta que os acompaña na dilixencia na que fuxen de París cara ao porto escuro de Le Havre. Son detidos nun control prusiano. O oficial ao mando non consente que a dilixencia continúe se a solteira non o acompaña esa noite. Ela négase. As parellas entenden que é «natural» que ela acceda dado o seu oficio. Na mañá seguinte reanudan a marcha. Todos levan comida para a viaxe, agás Bóla de Sebo, que non puidera preparala porque estaba exercendo de salvoconduto. Ninguén comparte con ela. Resulta "natural" non ofrecer comida a unha fulana. Maupasassant, debutante, comparece morto de medo ante Flaubert. O luthier do idioma francés peitea o bigote e sentenza: "O seu conto Bóla de Sebo, rapaz, é case perfecto. Sóbranlle dúas palabras". Silencio. O aire vólvese denso, Maupassant vese sobrepasado e marcha sen saber cales eran.

Talleyrand dicía que a linguaxe serve para camuflar o pensamento. Tomo un café no Celta con Saturnino Valladares. O poeta lucense vive hai oito anos en Manaos, na Amazonía


A cadea de mando non deu abastada a mancha da marea negra, pero soubo manipular a linguaxe. Dun cargo ao superior a traxedia perdía extensión. Talleyrand dicía que a linguaxe serve para camuflar o pensamento. Tomo un café no Celta con Saturnino Valladares. O poeta lucense vive hai oito anos en Manaos, na Amazonía, xunto con 2,2 millóns de brasileiros. Imparte clases de Literatura Española na universidade. Regálame o novo poemario, Luciérnagas al mediodía (Valer Editora). Os seus versos están unxidos cos aceites da sensualidade propios da Escola Claudia, que inspira Claudio Rodríguez Fer. Nuns poemas hai erotismo; noutros, presaxios que parecen de Poe: "Un pájaro solo/ sus alas abiertas como un relámpago/ que absorbe la luz y bebe la lluvia".

Saturnino cóntame que o poder dos negacionistas do coronavirus en Brasil é inmenso porque reposa sobre o lombo do evanxelismo e a cabeza de Bolsonaro. "A xente morre asfixiada nos hospitais porque non hai osíxeno. Un amigo meu estaba ingresado con covid. En canto puido respirar, aínda enfermo, mandárono fóra. Puxéronmo na porta do hospital e leveino para a súa casa no meu coche. Alí quedou coa muller".

Pero o problema do presidente brasileiro non é tanto a pandemia como a oposición que atopa nas universidades. Difundiu o bulo de que as facultades son plantacións de marihuana da que os profesores quitan para vender e consumir. "O problema é que moita xente cre niso", lamenta o poeta. A linguaxe é poderosa.

Pablo Casado denuncia que os docentes cataláns "tienen instrucciones para no dejar ir al baño a ninos porque hablan en castellano". Todos coñecemos as consecuencias de impedir que un cativo vaia ao servizo, pero Casado empezou a ayusear. Falta tanto para as eleccións que non entendo as cambras que lle dan. O seu novo discurso é válido para unha crise, pero en dous anos todo vai virar. Descoñocemos cara a onde.

Isabel Díaz Ayuso ten a virtude da valentía e a candidez da ignorancia, que se converten en defectos cando se mesturan. Nada peor a un ignorante que se pavonea.

O presidente do Partido Popular continúa buscando o seu perfil político, despois de tantos anos no oficio. Carece de armario teórico, mesmo dunha librería de Ikea. Como consecuencia eleva a voz, maltrata os micrófonos, usa expresións vulgares no Parlamento e difunde que os alumnos cataláns que falan español cargan bocadillos de mortadela e pedras nas mochilas. Sempre haberá crédulos.

Dende o nunca máis dos Irmandiños os galegos non nos revolviamos con tanta furia e razón.

Non ten excusa. Eu aprobei sete asignaturas máis de Dereito que Pablo Casado, pero tampouco acabei a carreira. Iso non me impediu ler a Talleyrand ou a Poe, nin asistir a espectáculos de Chévere. O problema de Casado é que se vale da lingua para impostar un carisma sen fundamento. Pode acabar en caricatura. Edgar Allan Poe non se daba librado dun corvo que proxectaba a morte de Leonora, a amada. Berráballe: "E a miña alma,/ do fondo desa sombra que flota sobre o chan,/ non poderá liberarse. ¡Nunca máis!". Hai unha traducción ao galego de O Corvo editada por Urco.

Dende o nunca máis dos Irmandiños os galegos non nos revolviamos con tanta furia e razón. Miguel de Lira, membro da trindade de Chévere xunto a Xesús Ron e Patricia de Lorenzo, pechárase con otros cidadáns durante unha semana en 2002 na casa de cultura de Laxe. Protestaban pola treboada de chapapote e pola decisión de «bailar o barco» polos catro puntos cardinais. Ao longo deses días marcaban as horas polo reloxo das mareas: "Cando había marea baixa íamos limpar a praia; cando había marea alta limpabamos a mentira, a burla negra".

Miguel de Lira é Miguel tamén cando pasea por Lira. Vai camiñando pola costa canda os cans. Falamos por teléfono. Ás veces pídeme que levante o ton de voz. "Non escoito ben as preguntas polo bruar do mar". Non sente as preguntas porque non as formulo. A entrevista consiste en escoitar para deixar que o entrevistado arme o discurso, consiste en deixarse levar pola súa corrente atento a non perder o rumbo dos temas a tratar. "Falas moi baixo sempre ou soamente cando entrevistas?", pregunta. Falo baixo cando entrevisto. Quero que o entrevistado se senta cómodo.

O actor conta que os facultativos do hospital de Cee se viron sen protección física fronte ao coronavirus nun primeiro momento da pandemia. Algún lembrou das chaquetas e das calzas de plástico que se improvisaran durante a marea de petróleo de dúas décadas atrás. Un virus ten máis capacidade de penetración que o petróleo e anega os pulmóns humanos con máis eficacia. De Lira buscou na súa habitación dos 'por se acaso'.

O meu pai fixo unha casa cun garaxe duns sesenta metros cadrados. Empezou a enchelo de mobles, lavadoras vellas, máquinas de curtar o céspede e outras trangalladaso obsoletas. "Por se acaso", dicía. Acabou por alugar un garaxe nunha casa cercana por non deixar o coche á intemperie. O intérprete de Chévere non deu co seu equipo contra o chapapote, pero atopou unha caixa negra de plástico. Abriuna e descubriu a orixe da obra N.E.V.E.R.M.O.R.E. Faltoume preguntarlle se a gardará "por se acaso" volvía activarse o noso ciclo de catástrofes.

Galicia, baixo unha catástrofe recorrente
Comentarios