viernes. 20.05.2022 |
El tiempo
viernes. 20.05.2022
El tiempo

O heroe busca 30 millóns de amigos

O neurólogo mirábame coa paciencia dun santo repoludo co pelo cano. El falaba de reflexos, veas rotas e coxeiras. Eu contáballe sobre Limonov, un libro de Emmanuel Carrère que me quedara por ler no 2013. A culpa foi do médico. Ao acabar a consulta, confesoume que lle lera El adversario.
El ilustrador gallego David Rubín. ÓSCAR CORRAL (AEP)
O ilustrador galego David Rubín. ÓSCAR CORRAL (AEP)

EL ADVERSARIO (Anagrama) recrea o caso dun médico francés que foi ascendendo profesionalmente ata chegar a o máis alto: a Organización Mundial da Saúde. Acaba por asasinar a familia cando se descobre que o seu rigor hipocrático e a súa brillantez social eran de cartoné. Antes de perder a admiración dos seus pais, a súa muller e os seus fillos preferiu matalos.

O tema desa novela é igual ao tema de Limónov (Anagrama): a fraqueza do heroe, o talón nos zapatos pequenos de Aquiles. Eduard Limónov emula os doce traballos de Hércules para converterse en heroe: dende matar ao león de Nemea ata roubar cabezas de gandeiría estensiva de Xerión.

Limonov é un poeta e un macarra nacido na URSS. Dedica á vida a ser un heroe comunista. Tampouco lle poñía reparos a ser un heroe fascista. Buscaba, para entendernos, de ser alguén a secas. Nun dos libros que escribiu reproduce a pregunta dunha amiga: "Non es quen, Eduard, de concebir unha vida sen os éxito e a fama? Que o criterio do éxito sexa, por exemplo, o amor, unha vida familiar tranquila e amorosa?". A resposta é non independentemente do xeito no que se formule a pregunta.

A consecuencia desa obsesión é que foi disidente na Unión Soviética que buscaba desfacerse democraticamente. Tamén traballou como vagabundo e criado dun millonario en Nova York, nunha experiencia que contou no seu canto épico Ao poeta ruso gústanlle os negrazos. Os libros nos que contaba a súa vida extravagante servíronlle para ser o sultán do swing en París e coas ganancias marchou á Guerra dos Balcáns disparar do bando serbio. Participou nun golpe de Estado contra Boris Yeltsin, despois de acusalo de traizoar o espírito de Stalin, e foi condenado a cárcere. No edificio con arames e gardas con metralletas gozou dunha experiencia mística e convenceuse da necesidade de facer oposición a Putin, para o que fundou o Partido Nacional Bolchevique, formado en proporciones idénticas por comunistas, nazis, rapaces idealistas e curas ortodoxos nostálxicos de non se sabe ben qué tipo de Estado ruso.

Por riba de querer fusilar a Gorbachov por pactista e a Yeltsin por liberal, Limonov odia aos intelectuais, con un delectación máis intensa cara aos intelectuais rusos como Nabokov pola súa condición de traidores ao cadrado. Escribre Diario dun fracasado, que define coma un libro "parecido a un diario de Charles Manson ou Lee Harvey Oswald": "Soño cunha insurrección violenta. Nunca serei Nabokov, non correrei nunca detrás das bolboretas polos praderíos suízos, con pernas anglófonas e peludas".

Pode que o debuxante David Rubín (Ourense, 1977) se interesase máis por Eduard Limonov que polo protagonista de El adversario, Jean Claude Romand, se os coñecese; aínda que os heroes que fan o mal non lle interesan. Limónov era arbitrario, desmesurado e cruel; Jean Claude Romand nunca chegou máis aló de ser un covarde. Rubín naceu a fins dos 70, entre a xeración que liamos tebeos de Bruguera (Mortadelo, Rúa del Percerbe 13, Carpanta) e a xeración dos 90, que prefería o manga. A ese estrato temporal responde o seu interese polos superheroes. O seu primeiro cómic foi o Capitán América.

David e máis eu falamos do seu gran interese, a épica, a partir da súa novela gráfica El héroe (Astiberri, 2011), na que narra a ducia de retos que debe superar Hércules.

—A mitoloxía fascíname. Poden contarse historias novas con mitos vellos –defende–. Os superheroes actualizan os mitos gregos e romanos. Son iconas que reflicten a bondade, a nobreza e o sacrificio. O bo de Supermán é a criptonita. Se non, non tería interese. Ou a falta de poderes de Batman, que o fai diferente. Gústanme que teña feblezas, que Supermán poida deter a lava dun volcán para que non destrúa unha vila, pero non poida solucionar un cancro.

O debuxante está lendo Los extraños (Impedimenta), a novela de Jon Bilbao sobre ovnis. Interésalle a ciencia ficción "como contedor estanco para contar infinidade de historias que falan sobre o presente e sobre nós. Os contos de Stanislaw Lem falan de robots e están falando de nós. Díme que non lle interesa o realismo, que prefire a metáfora. porque "se pode contar o mesmo con máis capas".

Unha vez, van anos, atopei a David Rubín na estación de autobuses de Vigo. El estaba só, polo que pensei en saudalo. Ten unha expresión opaca e pechada, que me causou reparo para achegalo. A nada que saibas del entendes que ese reflexo non se corresponde coa alma. Todo o contrario, é unha persoa afable e movida por un afán didáctico. Mantén aberta unha retrospectiva da súa obra na Fundación da Coruña movida polo afán de que "haxa xente que non coñece o tema, a vexa e, cando vaia a unha libraría, non pase de longo pola sección de cómic. Quero que se coñeza o traballo que hai tras cada páxina".

David Rubín abriu o seu obradoiro en Las tripas del héroe (Ediciones Ninth, 2014), un libro no que amosa os planos de construción de El héroe: os bosquexos, a escrita a man dos bocadillos, a parte do guión que corresponde a cada viñeta,...

—Un mago non debe ter medo a ensinar os trucos, pode axudar a outros debuxantes ou pode axudar ao lector a quitar máis partido ás lecturas.

Os cadros de Tiziano teñen as marcas dos cravos que chantaba para atarlles fíos que atravesaban os grandes lenzos e lle axudaban a pintar as perspectivas. David Rubín escribiu un fío en Twitter para explicar a estrutura en espiral dunha escena do seu Batman. Aínda lembro o fascinio.

Limónov tampouco estaba dotado de superpoderes e puido ter sido alguén respectado pola súa literatura, pero elexiu a Radovan Karadzic, o dirixente da Serbia máis agresiva. Busco en Google o documental da BBC Serbian epics. O daquela presidente serbio fala con Limonov nun dos altos sobre os que rebentan a moral e borran a vida en Saraievo a base de canonazos. Karadzic recita un poema seu de hai vinte anos no conta a visión desa cidade ardendo en lapas. O escritor ruso mira arrebatadamente ao líder, poeta e psiquiatra, que reduce eticamente a masacre que está cometendo á recuperación dunhas terras que foran arrancadas das mans do seu pobo uns séculos antes. Noutras imaxes vemos a Limónov disparando cunha ametralladora contra as casas e contra as rúas que son cruzadas por persoas que tratan de conseguir algo de comer ou un litro de auga potable. Emmanuel Carrère revisa o vídeo para comprobar que o escritor que prefire os negrazos non mata a ninguén. A min paréceme improbable que non acertase algún tiro; de todos os xeitos, a súa intención é matar.

Eduard Limónov miraba marchar a súa vida sen ser recoñecido. Sentía a espantosa lucidez do fracaso. Non lle pasa como a Jean Claude Romand, que mentiu ata para dicir que era médico porque aspiraba á gloria doméstica, a ser querido polos seus.

Partindo da súa formación en Deseño na Ramón Faílde, de Ourense, David Rubín logrou que os seus cómics fosen descubertos e traducidos nos EE.UU. En certo sentido, a aposta polo ben devolveulle un éxito mundial. Pero non esquece de onde vén, do respado da editora bilbaina Astiberri. Hai dous anos detivo os seus proxectos en Estados Unidos para facer El fuego, unha novela gráfica para Astiberri. Gañaría máis editando en Norteamérica e traducindo para o castelán, pero defende que o mercado editorial español "non pode ser forte con traducións, senón con obras orixinais". Había un programa na televisión francesa que se chamaba 30 millóns de amigos. Os convidados presentan os seus cans e comentan o amor que os une. Unha vez apareceu en pantalla un escritor ruso cun cachorro de beagle no colo. Mentres fala de que non saben vivir xuntos o cadelo escapa. Era prestado.

O heroe busca 30 millóns de amigos
Comentarios