Opinión

Imparto un mestrado de onomatopeas

O editor Manuel Bragado cesou como director de Xerais. Foi unha cabeza tractora para a cultura galega. A súa marcha serve para que apreciemos o seu labor de tres décadas. Tamén para que nos laiemos de que perda o poder de dirixir a maior editora do país

Manuel Bragado

A LÚA ESTABA crecente unha noite de aí atrás. Soñei. Soño durante todas as lúas, pero cando veñen lúas crecentes adoito lembrar o cienma onírico. Na miña imaxinación durmida eu era o profesor dun máster. Falaba dende unha tribuna feita coa mesma madeira que o coro catedralicio de Lugo. Tiña enfronte un hemiciclo parlamentario con medio cento de alumnos. Recoñecín a todos. Uns por ser escritores, outros por ser amigos, uns terceiros por cantar letras irritantes, os cuartos por escribir tuits nos que burlaban dos toisonados. Manuel Bragado estaba de par con outro editor, que souben que era Johann Philipp Palm, condeado a morte por un tribunal francés en 1806 "por ser o autor, impresor e distribuidor de escritos inmorais que socavan o respecto ás testas coroadas" no libro antinapoléonico Alemaña na súa finda humillación. O único que se alegrou foi o poeta escocés Thomas Campbell. Nunha velada en Londres non se lle ocorreu provocación máis áceda que brindar por Bonaparte. Cando llelo reprocharon, berrou: "Señores, era inimigo do Reino Unido; pero fusilou un editor!".

Logo de empezar eu a miña clase, Suso de Toro amaneceu nun curruncho para reprocharme que pretendese impartirlles "un mestrado sobre liberdade de expresión sen papel ningún". Suso é profesor toma en serio eses detalles accesorios como que se improvisen discursos.

Empecei a lección repetindo o cloquear das pitas chocas. Unhas dez ou quince veces, ata que se ergueu na primeira fila Manuel Rivas para dicirme que lle encantaba o meu xeito de impartir o mestrado, pero que non lle atopaba o seu sentido. Un suspiro valeume para disimular o que me amolaba que me interrumpira para cuestionar unha obviedade.

Durante a miña formación como onomatopeísta, nos insistían en que ser paciente cos pupilos. Argumentei que o mellor modo de manifestar o pensamento nesta España moralizante e retrocendente, era dicir ou escribir onomatopeas como Cof, cof!, Achís!, ¡Chissst!, Glup! Sniff, sniff! Mesmo citei a novela de Suso de Toro, que é un adaggio de onomatopeas: Tic, tac.

As ensinanzas recíbense en soños, a través dunha sofisticada conexión telepática perfeccionado polos soviéticos


No momento en que remate este artigo vou chamar a Luís Bará para recomendarlle que se matricule no meu mestrado. Supoño que, como é deputado no Hórreo, excusarase coa falta de tempo. Os meus cursos adaptanse con mimetismo ás necesidades dos matriculados. A maiores de ser tan evitablemente presenciais como os da Universidad Rey Juan Carlos, o alumno pode seguilos arroupadiño na cama mentres durme. As ensinanzas recíbense en soños, a través dunha sofisticada conexión telepática perfeccionado polos soviéticos. A Bará seríalle mellor que andar rompendo fotografías. Eu nunca rachei unha foto porque nunca sabes se vas volver con esa moza á que tanto desprezas nun momento concentrado da túa vida. Imaxine o noso parlamentario que acaba casando cunha raíña. O mesmo ten que interpoñerse entre as súas fillas e os fotógrafos na catedral de Santiago como se coidase dunha especie en extinción.

A vida xira como o tambor dunha lavadora. Nunca tería pensado eu que o meu editor deixase de selo. Manuel Bragado levaba 23 anos coidando os meus libros, léndoos con tanto detemento como se eu fose Paul Auster, facendo suxestións como se se dirixise a Vargas Llosa, atendendo as miñas chamadas como se eu fose Saul Bellow, percorrendo centos de quilómetros na desagradable tarefa de persuadir os compradores como se defendese a Houellebecq, dándome o pésame por todos os premios que tiveron a desfachatez de non concederme como se se referise a Cela e consolándome por eses milleiros de lectores que nunca abriran unha das miñas novelas como se eu fose Peter Handke,... Ninguén acompañou máis espléndido a un novelista.

Ese labor non é doado. O editor suízo Max Firsch (1911-1991) apuntaba no seu diario unha  impresión da Feira do Libro de Frankfurt: "A diferenza entre un escritor e un cabalo estriba  en que este ignora a linguaxe dos tratantes de gando". Bragado entendíase con centos de ignorantes dese idioma. Ás veces soño que atraveso nun foguete sideral a axenda cuántica que aínda leva na cabeza.

Constatan como causa do deceso a "febre dos libros", que Bragado adoita diagnosticarse


O xoves quedei espantado coa noticia de que deixaba de dirixir Edicións Xerais. Insistiu en que marchaba "a petición propia". Non mo creo. Coidaba os autores como os animais ameazados que somos. Nos meus soños era o editor deses todos poucos que escribimos en galego. Continuaba no seu labor ata a fin dos días, ata que o Sol embiste a Terra nunha carreira aloucada. No meu soño, dicía, Manuel Bragado é atopado na súa caverna luminosa e embarrotada da rúa viguesa Doutor Marañón, 12, mentres argalla o contrato máis vantaxoso para min. Os forenses proceden da colonia Farenheit 451, amablemente instalada nun planeta da galaxia Andrómeda. Constatan como causa do deceso a "febre dos libros", que adoita diagnosticarse.

Ignoro os motivos verdadeiros e el caloumos con pudor, como se tivese unha culpa que facerse perdoar. Supoño que en Madrid non entusiasma os balance de contas. O contexto non está para sinalarlles os atrancos das linguas cativas, que son coma especies catalogadas en perigo de desaparición.

A consecuencia da súa saída de Xerais e da baixa de Víctor Freixanes de Galaxia hai un ano é unha mudanza radical na edición galegas. Dous editores históricos deixan o seu posto. En Galaxia, Francisco Castro leva un tempo evitando o abismo e en Xerais esa tarefa redentora van asignarlla, probablemente, ao subdirector, Fran Alonso.

Tanto Bragado como Freixanes aplicaron a máxima de todo bo editor mentres exerceron: mesturar autores novos e vellos, autores comerciais e de fuste; publicar libros sabendo que se venderán para que poder publicar outros que saben que serán entregados indolentemente "á crítica corrosiva dos ratos", como se lamentou Karl Marx cando desesperou no intento de ver A ideoloxía alemá como libro.

Na súa xeración non houbo un editor con esa dimensión e esa influencia na cultura


O cese de Manuel Bragado marca a fin dun perfil de editor galego. Ocupouse de preparar uns 4.000 libros, exerceu de escoitante, de aconsellador e de defensor dun milleiro de escritores nestes 28 anos de profesión. Por riba dese labor importante, entendeu dende a alba de gloria autonómica que o seu destino era a visión ampla da paisaxe cultural adscrita a unha  nación que espertaba do seu sono submiso. A súa xeira estendeuse a aspectos como unha feira da cultura debedora do modelo vasco de Durango, Culturgal, ou como a reflexión devota sobre a realidade deste estreito país.

O abismo non se estende agora para a edición galega. Temos unha nova xeración que publica amorosamente (Rinoceronte, Hugin e Munin, Alvarellos, Urco, Irmás Cartoné, Chan de Pólvora, Apiario), pero aínda non xurdiu nesas filas un axente social como é Bragado. Mesmo na súa xeración non houbo un editor con esa dimensión e esa influencia na cultura. O resto (Freixanes, Sotelo Blanco, Xosé Ballesteros, Francisco Rodríguez, Fernán Vello, Francisco Pillado) cinguíronse ao seu oficio en maior ou menor medida no que respecta á política.

A Bragado nunca deixou de interesarlle a política, pero concebiuna como ferramenta para a construción da cultura como marco para a construción do país. Porén, o seu ánimo é o mesmo que levou a James Joyce a escribirlle ao seu irmán Stanilaus: "Por Deus! Non me fales de política! Non me interesa a política, interésame o estilo!".

Comentarios