El tiempo
viernes. 03.02.2023
El tiempo

Manuel Darriba na Lagoa dos Patos

A poesía é unha trampa cargada de pasado. Leo Radiante, o novo poemario de Manuel Darriba. Creo entender, intúo, atisbo. Noto un ruído de obxectos rotos, intencións frustradas, caixas de mudanzas. Ao fondo do val o sol vai asomando a cabeza, amarela coma un pan. O poeta nega suavemente, sen molestar.
Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
Manuel Darriba. ARCHIVO

Somos amigos durante os anos nos que traballamos xuntos. El deixou a empresa e a cidade. Despois, a miña vida empezou a xirar ao meu redor; a súa vida daba voltas con Manolo situado no centro. É un costume errado, pero é condición obrigada en cada persoa. O resultado é que todos vivamos en esferas que ás veces se atopan para saudarse e continuar xirando arredor do seu eixe.

Seguinlle o rastro nas novelas e nos poemarios, pero a súa escrita é opaca. Poucos autores saben que a súa obra está por riba deles, que o importante é texto. Os outros, a clase media, orgullosa e estensa da literatura, non deixamos de exhibirnos no escaparate das frases, non paramos de pringar as obras co noso ácido desóxirribonucleico. Todos somos como os corzos, que pisotean puntos concretos na herba dos bosques para impregnalos co seu olor e marcar o territorio de caza, de sono e de ocio. El camiña polo bosque con coidado, a modo, sen quebrar pólas. Por iso non vou darlles outra noticia de Manuel Darriba fóra da nosa conversa en torno ao lume de Radiante, que publica Chan de Pólvora na edición máis moderna, bonita e inspiradora da década en Galicia.

Achegueime a Manuel por wathsapp, coa prudencia,distancia e respecto que requiren os regresos. O diálogo buscaba acordar un día e unha hora para tender un cable telefónico entre os dous. El non tardou en darlle un fío de cariño:

— Sempre recordo que puiden mecanografar a miña primeira novela porque me prestaches o teu ordenador.

Nin agardaba ese comentario tan xeneroso nin recordaba que lle prestara o meu ordenador; ben, nin sequera podo concretar o ordenador que usaba daquela. A novela era Paf Xarope e o ano era 1997. Paf Xarope é unha carreira de cen metros: breve, veloz, directa; tamén imaxinativa. Estaba contada cunha dialéctica de plano e contraplano entre películas de cine e a realidade. Espero non confundirme, pasaron quince anos desde que a lin. Aínda non a publicara Sotelo Blanco.

O outro día falei co editor, Carlos Lema; un lector de mirada ampla e irisada. Sotelo Blanco entrou en erupción poucos anos máis tarde, como pasa co Vesubio cada certos séculos. A lava arrasou o catálogo. Carlos Lema foi fichado por Víctor Freixanes como director literario de Galaxia. Víctor sabía o que facía. O Vesubio quitou a súa lingua vermella e arrastrou a Lema fóra da editorial hai un par de anos. Montou unha fundación, Euseino; que tivo un éxito notable este ano coa novela Ninguén queda. O autor, Brais Lamela, lémbrame ao Manuel Darriba na seu xénese. Ten o memos nervio e respira con convencemento.

Lamela pasou esta semana por Lugo. A novela trata de si mesmo e, sobre todo, doutros. Imparte clases na Universidade de Brown, en Nova York. Está especializado en literatura quechua, nahua e escrita noutras linguas puras que nos dan a sensación de estar enterradas en sarcófagos dourados de madeira, baixo as pirámides descabezadas dos maias e aztecas. E siguen vivas nas bocas puras.

Brais Lamela analiza literatura do século XVI escrita en México e Perú unha vez que os aventureiros e os relixiosos —tan ambiciones, despiadados e benintencionados como todos os invasores— lles ensinaron o alfabeto romano. Os colonizadores están convencidos de que van salvar os nativos, quitalos da lama repousada no pozo negro das súas vidas miserables e ignorantes, e que van apadriñalos coa flor dourada do progreso. Pero os habitantes dos reinos mezzoamericanos atesouraban unha civilización equiparable á que alentaba Roma na paréntese dos Cinco Emperadores Bos —Nerva, Traxano, Adriano, Antonino Pío e Marco Aurelio—, no instante máis radiante nos milenios da Humanidade.

Brais Lamela conta a historia dun rapaz chairego, profesor universitario en Nova York, que viaxa ao outro extremo da civilización, á localidade montañesa de Negueira de Muñiz. Vai na busca dunha muller expulsada dos asentamentos colonos da Terra Chá, que encarreirara o camiño de volta aos Ancares seguindo as migas de pan que fora deixando caer Polgariño.

O escritor conta sucesos que estarrecen sobre as persoas que foron arrancadas de raíz en Negueira para anegar o seu val cun encoro e obrigadas a habitar unha granxa chairega. Como se unha casa fose un fogar. Contan de quen se tirou ao pozo do desespero para amputarse o sufrimento, contan de quen espertaba no medio da noite, erguíase da cama e iniciaba a voltar ao bosque sagrado nas montañas.

O hábito dos corzos que lles contei ao principio da páxina procede do libro El hombre corzo (Capitán Swing), as memorias do francés Geoffrey Delorme. "Hai sete anos que vivo no bosque de Louviers, en Normandía, e unicamente me comunico con animais". O volume comeza coa volta a unha cidade, un septenio despois de habitar nomadamente o bosque. Cruza cunha muller que linda un can cunha correa. Desconfía.

—Ao igual que o cadelo, convertinme nunha criatura moi territorial. A todo aquel que entra no meu territorio considéroo un perigo potencial. Teño a impresión de que viola a miña intimidade. O meu perímetro consta dun radio de cinco quilómetros. Logo de divisar alguén, sígoo, espíoo, averiguo todo o que dou sobre el. Se volve con frecuencia, fago o que podo por botalo.

Acompáñenme agora fóra do bosque. Lembro mellor os libros que lin que os ordenadores que usei. Como ben calculan a proporción é  desmesurada a favor dos libros. Pero atendo máis á linguaxe alfabética que á binaria. Paf Xarope, dicía, está ambientada no pub sarriao de Toño de López. En Sarria hai moitas persoas que se apelidan López e moitas delas son artistas. Houbo un Matías López, un marqués chocolateiro, unha figura deliciosa: curador de doces con título nobiliario. Gústáme a fotografía de Toño de López. Volveu ao seu lugar, Pacios, no Incio, cunha cámara de pracas hai oito anos.

—Fixen retratos de trinta veciños. Ía buscalos ao seu traballo.

Manuel Darriba interrompeo o seu traballo para que falasemos. Retrateino cunha cámara de papel de prata porque é material que envolve o seu libro: unha cuberta radiante sobre unhas tapas amarelas. Nunca fago preguntas nas entrevistas, deixo que o personaxe vague libremente polos seus intereses e polas imaxes que quere proxectar no seu cinema. Trato de apartarme do camiño para non estorbar.

Radiante é un libro que escribín antes da pandemia. Fala da luz e da ausencia de luz. Asociamos a palabra radiante coa felicidade; pero non sempre é iso. Radiante é o que irradia luz. Fálase de apocalipse, de escuridade, na miña obra; pero hai moita esperanza. Mesmo hai comicidade, non neste poemario, pero si na novela anterior. Neste libro aparece a esperanza, sempre hai un futuro.

Nun verso afirma que "pode quizais volver nun presente/ que sería un futuro falseado".

—Con ese presente falseado refírome á repetición das cousas, dos recordos que volven no presente, do pasado que regresa deturpado polo recordo.

O poemario mantén ese pulso constante nas creacións de Manuel Darriba, esa febre na que todo arde e que atopa a súa cura na natureza, entre os corzos, no seu bosque normando de Louviniers.

—Falo a natureza de forma admirativa. Gústame estar na natureza, cada vez máis; pero ao tempo é un escenario de incerteza. Hai un poema neste libro,  Brazo de mar, que é a ría do Masma,a ría de Foz. É moi importante para min desde que era adolescente. 
O poeta sarriao ten o seu lugar, a Lagoa dos Patos, no que pode ser feliz con estar. Sinálolle os trozos de biografia que atopo en Radiante.

—Neste poemario hai unha retirada do suxeito biográfico. Non teño nada contra a biografía na poesía, pero non é o único tema. Podes falar do mundo como unha crónica. Radiante fala do modo de pensar o mundo, sobre sentimentos e sensacións.

Manuel Darriba na Lagoa dos Patos
Comentarios