jueves. 28.10.2021 |
El tiempo
jueves. 28.10.2021
El tiempo

Un monarca sen reino nin coroa nin vasalos

O neto de Valle Inclán publica un manuscrito de Una tertulia de antaño como constatación a ideoloxía aleatoria e esteticista do avó

Valle Inclán

VALLE INCLÁN non podía aplaudir. Quedou manco nun episodio tan vulgar e tan de café que houbo de recrealo soprándolle heroísmo ata que colleu altura épica. O escritor arousán lamentaba non poder abrazar os seus fillos coa cerimonia que requiren os ramallos das árbores centenarias.

Eu si lembro as apertas indiscriminadas do meu tío Santiago, que foi o máis semellante a un autor carlista que tratei. Era poderoso e alto coma un escolta de bispo andorrano ou coma un escolta de baloncesto. O pelo de cepillo, o bigote estalinista, o perfume de melancolía colonial. Vivía nunha súa casa de solteirón fortificada con rosarios, potas de lentellas e oruiñais. Cando o visitabamos adoitaba aprisionarnos cos dous brazos. Erguíanos polo aire para xirar sobre si mesmo coma un tíovivo con randeeiras.

Joaquín María del Valle Inclán Alsina, o netísimo do novelista, vén de exhumar un manescrito do seu antergo. Os textos, que danzan arredor de Una tertulia de antaño (1909), rezuman carlismo. Nese libro escribe o avó sobre un xeneral "viejo y repintado", que "cavernoso y profético anuncia la próxima desaparición de las partidas carlistas en la provincia de Vizcaya". Ao cabo, cumpriuse a profecía, pero iso non pareceu inquedar a Valle.

"Yo fui carlista, cierto; pero no es menos cierto que lo fui por razones estéticas. La boina roja me sentaba de maravilla", dicía. Burlón. Cambiaba de ideoloxía acompasadamente coas mudanzas nos ceos da ría de Arousa. Por iso, presentaba os seus devaneos como unha cuestión formal e non de convicións. En Arousa son inclinados ao exhibicionismo. Un día de aí atrás estiven en Vilagarcía asistindo a unha teatralización argallada por dous vellos. Estaban exaltados pola serie Fariña. Un e outro recrearan ducias de veces aquelas fazañas bélicas de noites de lúa morta e planeadoras. Contábanas de novo porque atoparan en min un escoitante inadvertido e curioso.

O problema de Valle Inclán coas apertas paternais de man ausente non era tan de afectos, como de orgullo. Un manco pode aplaudir, pero dará a volta arredor de si no intento. O dramaturgo quería, sospeito, unir o seu aplauso ao aplauso estenso que dedicaba o público ás súas obras teatrais.

O primeiro que fai un galego para triunfar é intentalo fóra porque pensa que triunfar en Galicia é unha categoría ínfima de gloria. O segundo é cambiar de idioma. O terceiro, cambiar de coche.

Valle Inclán marchou, cambiou de idioma e cambiou de vida. Soamente volveu a Galicia para dexenerar nas mesas do Derby e para renegar de Deus, da Patria e do Rei. Tamén de toda canta traza carlista puidese mancharlle a linaxe. Ninguén pareceu comprender que o escritor sitouse "contra esto y aquello" —ao xeito de Unamuno e agora Manuel Rivas— non tanto polo socratismo de cuestionar o asentado como para reclamar que o seguisen celebrando.

Cando o enterraban chuviosamente en Boisaba, un adorador nocturno lanzoulle un rosario de acivache sobre o cadaleito escuro para axudar á alma a fuxir daquel corpo librepensador. Logo, un anarquista saltou á tumba para que o dramaturgo non se contaminase de relixiosidade —aínda que se supón que estaba morto e que o ácrata non debería crer na prolongación da vida—. Saltou sobre a tapa de madeira, quebrándoa e deixando que a chuvia lavase o xesto contrarista de Valle Inclán. O ácrata pensou que o cadáver morría irredento da causa, cando a única causa atribuíble a Valle era a causa de Valle.

Xa contaba o seu nacemento como un parto acontecido entrambasaugas de Vilanova de Arousa e A Pobra do Caramiñal. Algúns ven nesa lenda un propósito de compracer o público desta beira e o daquela. Outros sinalan unha vontade de sementar unha colleita de néboa que lle garantise a vida eterna que sentenzan os biógrafos. Algúns outros deducimos unha vocación de ser un Moisés atopado na deriva do Nilo, o redentor de todo un pobo.

O meu tío Santiago acudiu de modo recorrente na súa vida ao carlismo. Usábao como expiación dunha realidade moderna e incerta na que se sentía foráneo. Sabía que, como Valle, era un monarca sen reino nin coroa nin vasalos.

A maiores do intento lexitimista e borbónico, o meu tío tratou de salvar a súa vida de empresario desafecto das finanzas con outra de pallaso e sacerdote. O seu sentido do humor era epidérmico, florecía en ironía a cada palabra. Exteriozábao metendo o índice nas nosas tortas de aniversario para pintar o nariz e as meixelas co merengue branco de inocencia para facer rir aos sobriños. Quixo botarse a cura cando unha noiva beata o desalmou ingresando nun convento, pero pretendeu entregarse á pureza sacerdotal sen renunciar ao laicismo de bares, fútbol e tertulias tradicionalistas.

O meu tío recitaba moitas veces aquilo de "España/ es de piedra y agua/ seca, caída en un barranco rojo". Blas de Otero e máis el foron os únicos vascos que se preocuparon agriamente por España. A todos os outros vascongados parecíalles un lastre de touros, de burocracia de estanque e de sesta futboleira.

"Lo que tiene por contrario a la unidad de España, es el centralismo actual, al que hay necesidad de matar. Hay que dar independencia y capacidad a las regiones para que puedan desenvolver sus energías", declaraba Valle a El Mundo de 1909 como se España lle requerise unha atención maior que unha mancha branca de pomba na capa.

O meu tío botaba horas e horas bailando ao redor da idea do "barranco rojo". Cando eran os seus 19 anos marchou de voluntario á fronte aragonesa. Volveu cunha bala de ametralladora como inquilina na perna dereita. A ferida descompesáballe os andares. Cando ía á praia de Llas, erguía recatadamente o bañador para enseñarnos as consecuencias de ofrecerse a Deus, á Patria e aos Foros; de arremeter contra aquela furia marxista que lle disparara dende a outra beira ideolóxica do Ebro. Na coxa víaselle un zurcido apresurado feito por cirurxián falanxista beato de sanación e borracho de espanto.

O meu tío nunca desistiu de rescatar os sobriños dunha posibilidade de esquerdismo que acabou por impoñerse. Unha vez intentou levarme en peregrinación borbónica e lexitimista a Montejurra. No seu desexo, eu subía a paso sólido e confesional —pretas as filas con outros camaradas púberes— polo monte navarro. No bico, unha estrela. Na cabeza, a txapela vermella que me regalara. O meu pai negouse polo seu temor á política. Non se equivocou. Os pistoleiros do carlismo acreditado deixaron un cadáver reformista desangrándose sobre a ladeira do cumio navarro.

Valle Inclán finou segundo amanecía 1936. Supoño que, de vivir o holocausto hispano, se tería posto do bando do medo,  onda a inmensa minoría civilizante.

Manuel Gago publica a novela Exército de fume (Xerais). Evita presentar os guerrilleiros como pacientes endémicos da Historia. Convérteos en sancionadores dos falanxistas e dos nazis; mesmo dos carlistas. Gago asume o discurso co que nos persuadiu o cinema americano: a perspectiva de que, quen combate o mal, non pode ser un derrotado. Os ideais dos fuxidos non eran menos cándidos que os de Valle cando discutía sobre a legalidade dun dó. Un bastonazo de Manuel Bueno chantoulle un xemelgo no brazo que llo apodreceu.

Un verán dos 80, eu curioseaba na biblioteca do meu tío. Lin de golpe a triloxía carlista de Valle: Los cruzados de la causa, El resplandor de la hoguera e Gerifaltes de antaño. A el pareceulle un rexurdimento en luz da causa.

Pero días despois volveu precipitarse polo "barranco rojo". Primeiro, o pretendente Carlos Hugo anunciou un pecaminoso divorcio; despois, a súa facción do Partido Carlista entrou en Izquierda Unida. Aquel verán rexeitou pintarse de pallaso coa torta de merengue que lle comprara. Aquel inverno deixouse morrer no Juan Canalejo. "Los carlistas no tienen hoy otro Zumalacárregui", morreu citando ao seu escritor favorito. Falou en terceira persoa, como se a súa alma xa estivese gozando de Deus, España e a Lei Vella. Para sempre.

Un monarca sen reino nin coroa nin vasalos
Comentarios