Opinión

Non todos os poetas usan sombreiro

Uns anos atrás Paco Martín botaba o inverno baixo un sombreiro. Un día explicoume que era para darme a primeira frase da necrolóxica, que nunca sae á primeira. «Podes escribir: Sempre vivirá en nós a imaxe dos seus paseos pola Praza Maior de Lugo co seu sombreiro». Algunha vez pode fallarlle a saúde, pero nunca perderá o humor negro.
Xerardo Quintiá. XESÚS PONTE
photo_camera Xerardo Quintiá. XESÚS PONTE

O VENRES quedei para falar con Xerardo Quintiá (Friol, 1970), segundo empezaba a tarde. El presentaba o seu novo poemario Obra inacabada de Dosinda Christensen (Alvarellos). O Celta estaba pechado por vacacións, así que nos acolleu Los Soportales, co seu aire neoclásico de iluminación tímida. Resúltame agradable, pero prefiro as cafeterías que cheiran a coñac, tertulia gastada e café expreso.
Chego tres minutos tarde. Pásame recurrentemente porque non renovei o cálculo do que tardo en camiñar dende a miña casa á Praza Maior. Antes eran oito minutos, pero agora son once. As miñas pernas parecen incapaces de entendelo.

Xerardo agarda por min no medio e medio do salón. Leva un sombreiro que alza a súa figura. A conversa non flúe como antes. Os dous empezamos a deixar escapar os tons máis agudos na conversa, a ladear a cabeza pola banda do oído que mellor capta os sons. Gústame falar con Xerardo, aínda que me obrigue a concentrarme. Pásame como con Pilar García Negro. Son cariñosos no saúdo, pero cando empeza a entrevista escoitan o que preguntas e queren ser precisos. Valoro da maioría da xente que non atende ao que dis, que soamente trata de colocarche o seu chiste ou a súa inquedanza. Iso permíteme poñer o modo avión e deixar activado o código social para que os tópicos respondan por min.

O poeta de Friol aínda non se rendeu. Ten unha media de premio por poemario. A marca é difícil de mellorar porque en Galicia racaneamos os galardóns honoríficos. A sociedade atende aos anxos caídos de Luar, aos heroes da París de Noia e aos cociñeiros brillantes que se queixan de que os miserables aprendices lles preguntan pola nómina. Pero Xerardo aínda cre. Todavía non o desanimaron os editores que promocionan as súas propias novelas; as ventas que son fabas contadas, e o desamor amplo e reiterado co que a sociedade considera aos seus xoglares. As princesas xa non descolgan as melenas dende o alto da torre para que os poetas escalen ata a súa dozura. Peitean as melenas nas pistas de perreo.

Admiro de Xerardo a súa capacidade para sobrepoñerse a este manto de cinzas volcánicas que cubre aos escritores galegos. Dedicou un poemario á súa avoa Dosinda e está dedicando unha novela á súa avoa Anuncia. Díme que as dúas determinaron quen é, díme que paga o portazgo emocional con páxinas agradecidas.

Non llelas vou contar a vostedes porque non están casados comigo. A ela vaille na hipoteca matrimonial facerme de chorería

O martes estaba describindo á miña muller que me dera conta de que carecía das aptitudes que eu pensara que tiña para triunfar na literatura. Non llelas vou contar a vostedes porque non están casados comigo. A ela vaille na hipoteca matrimonial facerme de chorería.
—Vouche dicir unha cousa positiva —adiantou.

Cando me di «unha cousa positiva» ocúpase de anuncialo porque é unha árbore que se mantén tesa na ladeira do volcán.

—Nunca botas a culpa dos teus fracasos aos demáis: nin aos editores, nin aos lectores, nin ás envexas, nin á mala sorte. Tamén é certo que non te preguntas polo que estás facendo mal nin polo xeito de melloralo.

A última frase sobraba porque me tería sentido satisfeito pensando en que son bastante hábil para chorar sen incomodar a ninguén coas miñas lágrimas.

Tamén é certo que prefería non resignarme; que preferiría ser como Xerardo Quintiá ou como Juan Tallón. Quintiá vai encadeando cheque con cheque, galardón con galardón. Un exemplo aínda mellor é Tallón. Eu vin fracasar a Juan dende moi novo. Hai dúas décadas, el andaría pola vintena. Defendín unha novela súa nun concurso. O resto do xurado rexeitou a miña proposta. Votou por un texto florido na lingua e baleiro na trama, que era o tipo de texto que gañaba premios daquela.

A diferenza agora é que se pide a mesma novela con estilo de filólogo, pero debe estar protagonizada por unha muller loitadora e de contadas letras. Hai tempo que coñezo as claves, por iso hai tempo que non me sento a escribir un libro. Para que? Non vou escribir unha impostura para que ma publiquen. Un debe falar do que coñece mellor: un mesmo. Eu non coñezo aristocracia da pobreza nin mans manchadas de callos. Foi unha sorte, pero carezo dunha épica que contar.

Aquela novela a concurso de Tallón trataba o suicidio dun funcionario ourensán. Funcionario e ourensán son sinónimos, seino. Eu comentei en público, non lembro onde, que me gustara a novela. Juan dirixiuse a min, entre correctísimo e suplicante, para que lle ampliase a miña opinión. Deume preguiza explicar a miña lectura a un tipo que nin coñecía nin publicara cando eu xa gañara un premio. Fun inxusto e soberbio con Juan.

Non llelas vou contar a vostedes porque non están casados comigo. A ela vaille na hipoteca matrimonial facerme de chorería

Talllón veu o mércores recoller o Premio Puro Cora que lle concedera El Progreso. Fixo a cabeza descuberta un discurso bonito e divertido no que viña explicar que o cotián é o fracaso. O triunfo é un vendedor de cupóns da Once inspirado. El conseguiu publicar en Anagrama. Con Herralde xubilado e todo continúa sendo a mellor editorial en español. Rewind leva varias edicións. Gustoume, pero nunca volverei o fulgor de Fin de poema (Sotelo Blanco, 2012). Leo cada novidade que publica, admiro a súa tenacidade, valoro a mellora técnica, admiro a orixinalidade do seu estilo; pero non deixo de mirar o meu xardín das delicias. Fin de poema está xunto a un reserva Bordeaux que me regalou o meu pai e ao carnet do Athletic de Bilbao que quitou o meu avó Patxi en 1932.

Fin de poema ten alma. Iso é un milagre.Seica que presentara o orixinal, en galego, a varios concursos. Neses anos os xurados buscaban boas obras, pero non literarias, senón de salvación idiomática. Actualmente seguimos sen apreciar a literatura, dedicámonos á salvación social. En Galicia confundimos a literatura e a bondade.

Así que Juan acabou canso de intentar ser un escritor no seu idioma, e marchou a Madrid. Metaforicamente, digo; porque a sede central de Anagrama está en Barcelona. Acertou porque fóra da pequena Galicia aprecian o seu traballo. Mantén o permiso de residencia en Ourense; pero, literariamente, xa non vive aquí.

O mércores, o día de entrega do Puro Cora, chamoume Antón Reixa para que lle fose á actuación de Rompente en Lugo. Falleille. Con todo o que lle debo como inspirador foime imposible asistir. Reixa ten a mellor cabeza emisora de raios X deste reino cativo. Xa non pon sombreiro. Agora usa viseira e bastón para manter camiñando o seu talento. Dáme pena, pero Reixa xa non é Reixa, agora é unha sombra que se deixa levar polo vento xacobeo.

Hai outras desaparicións que a ciencia non puido explicar, como as toneladas de ferro dunha obra de varias toneladas de Richard Serra que se esfumaron en 1992

O xoves entrevistei a Pilar García Negro porque viña a Lugo Galiza e feminismo en Pardo Bazán (Alvarellos). A tese da ensaísta é que a condesa de Meirás contemplaba os galegos coma se miraban os pigmeos nos museos coloniais do século XIX e que o seu feminismo tocaba teito coa Igrexa e a monarquía. García Negro sostén que Pardo Bazán quixo irse a Madrid, no sentido no que nos indicou Manuel Jabois nun libro de artigos, e logrouno.

A nosa cociñeira máis aristocrática desapereceu en Galicia e apareceu en Madrid. Hai outras desaparicións que a ciencia non puido explicar, como as toneladas de ferro dunha obra de varias toneladas de Richard Serra que se esfumaron en 1992. O artista elabora unhas pranchas que pensaban coma as táboas da Lei que Deus entregou a Moisés. Hai moitos anos que me falara da intención de escribir sobre esa milagre do crime. Tomabamos un café en Ourense.

—Ese proxecto ten problemas de documentación. Tes que documentarte para lograr a credibilidade dunha trama tan incrible.

A novela sae publicada a principio de ano en Anagrama.Juan Tallón nunca escoita os meus consellos para que se renda e entregue as armas da derrota.

Comentarios