Opinión

Onde comprar gomina en Vigo

Habería que preguntarlles os rapaces do Celta que pasaban por diante do Hotel Universal se souberon quen era aquel arxentino que lles preguntou por unha tenda na que comprar gomina. Foi o primeiro que fixo Carlos Gardel ao saír ás rúas de Vigo nunha mañá de decembro de 1923.
Táboa

Na noite anterior chegara a Europa como cantante da Compañía Argentina de Comedia Ribera de Rosa formando dúo con José Razzano. O papel de Razzano e Gardel era secundario. Pechaban as obras teatrais do matrimonio estrela, formado por Matilde de Ribera e Enrique Rosas. Actuaban nunha sobremesa con dous guitarristas, pero os empresarios viron potencial no tango. En Bos Aires actuaban con esmoquin como mostra de respecto ao público. Para a xira europea encargáranlles blusas e pantalóns con flores bordadas, botas con espolas de prata e cintos con moedas dese metal. O tango, en Europa, era Rodolfo Valentino na película Os catro xinetes do apocalipse, onde baila vestido de gancho para fixar o estereotipo do amante latino.

Daquela en Bos Aires eran pouco ortodoxos coas estéticas, aínda que sempre había algún madrileño para improvisar a súa lei e a súa trampa. Juan Ramón Jiménez foi visitar a Ramón Gómez de la Serna na capital arxentina. Ocupaba un apartamento no número 1.974 de Hipólito Irigoyen dende que houbera de escapar de Madrid para que non lle furasen o cranio cunha bala falanxista. O poeta que lle falaba cun burro "pequeno, peludo, suave" chamou á porta da rúa. Gómez de la Serna asomou pola ventá.
—¡Ah, Juan Ramón Jiménez! ¿Y tú por aquí?
—¡Vengo a verte!
—¡Pues no se te ocurra subir! ¡Qué escribes con minúsculas! —reprochoulle antes de pechar a ventá.

A compañía de Ribera e Rosa baixara dende o barco Antonio Deflino ao peirao de madeira que usaban os trasatlánticos no Vigo dos anos 20. Ao día seguinte Gardel almorza no Universal e sae pasear. Ilusionouse ao sentir a banda municipal quentando as trompetas e os saxofóns na rúa do Príncipe. Interpretaban o tango Cap Polonio, que Adolfo Rosquellas compuxera en 1921 na honra do cruceiro SS Cap Polonio, que cubría a ruta entre Hamburgo e Arxentina. No cinema Royalty poñen a escandalosa Salomé baseada na obra de Oscar Wilde. Uns rapaces ben peiteados, con bigotes burgueses, pasan por diante do Hotel Universal cunha botas de fútbol colgadas nos ombros. Camiñan cara ao campo de Coia, onde adestra dende dous meses atrás o novo equipo local, o Celta. Gardel achégase a eles.
—Pueden decirme ustedes dónde puedo comprar brillantina, por favor?

Uns meses máis tarde, no verán, os mozos xogarían en Coia contra a selección de Uruguai, que chegara ao porto de Vigo de paso cara á Olimpíada de París. Carlos Gardel avergoñaríase de recoñecer o seu vínculo con Uruguai. Afirmaba que nacera "con dos años y medio, en Buenos Aires".

Gardel non duraría naquela xira. Puidéronlle as ansias de coñecer a avoa, de 80 anos, e o tío Jean, que vivían en Toulouse

Aquela mesma noite a compañía de Ribera e Rosa colle varios taxis diante do Universal para ir a estación de tren, dende onde marcharían a provincias para o seu debut en Madrid. Gardel non duraría naquela xira. Puidéronlle as ansias de coñecer a avoa, de 80 anos, e o tío Jean, que vivían en Toulouse.

Uruguaios e arxentinos non son primos irmáns. O último disco de C. Tangana, El madrileño, está cheo de logros. Eu non sinalaría tanto a audacia de mesturar o trap co boleiro ou a guaracha como a de lograr que un arxentino, Andrés Calamaro, acceda a gravar cun uruguaio, Jorge Drexler. O disco trata de varias cousas: o desamor, o medo á "ignominia do éxito" —dicía Paul Valéry— e a idolatría.

Tangana —de nome Antón Álvarez, fillo de galegos— desbotou o disco de quince temas de trap e rap que preparara en 2020 para ler o frontispicio de Giusseppe Verdi: "Volvamos ao antigo, será un progreso". Recuperou a súa discoteca de ídolos. Foinos chamando un por un: Toquinho, José Feliciano, Elíades Ochoa, Kiko Veneno... Non vou enumeralos porque os listados son pouco periódísticos e aquí estamos ao que estamos. O resultado, El madrileño, é unha fusión de fusións. Durante unha semana 8 das 10 cancións máis escoitadas nas plataformas eran súas.

Podes ser un gran arxentino músico se compós, pero nunca serás un gran músico arxentino se non rexistras un bo álbum de tango

El Madrileño garda aínda a camiseta do Celta que lle comprara o pai. O club de Vigo anda buscando compositor para o himno do seu centenario. Preguntou en Twitter se os afeccionados queren que o escriba Siniestro Total, Iván Núñez, Carlos Núñez ou Toni Lomba. Pucho, como chaman en casa a C. Tangana, propuxo con humildade:
—¿Puedo intentarlo yo?

Pucho non arriscou co tango. É un xénero arduo. Andrés Calamaro versións de dez clásicos do tango fixo no álbum Tinta roja. Logrou un dos peores traballos da súa carreira. Podes ser un gran arxentino músico se compós Honestidad brutal, pero nunca será un gran músico arxentino se non rexistras un bo álbum da disciplina patria. Calamaro carece da tesitura de voz precisa, pero sobre todo é incapaz de compoñer a postura para cantar tango. Non se pode interpretar coa súa frivolidade pop. Bos Aires será heterodoxa, pero ten obxectos de culto que son sagrados.

A mellor arquitectura francesa de primeiros do século XX está na Avenida de Mayo bonaerense. Os promotores mandaban planos dos solares a arquitectos parisinos e este lles devolvían os planos dos edificios. Lembro percorrer esa avenida co pescozo ríxido de mirar para arriba e a boca aberta coma unha porta ao futuro. Gómez de la Serna escribiu que Bos Aires era «el mejor pisapapeles del mundo, la ciudad más interesante y más cortés de América».

Nacer en Bos Aires non che transmite a malevaxe por ósmose. Antonio Bartrina naceu en Madrid, pero leva case catro décadas vivindo do tango porque sabe cantalo. En plena ofensiva rock e punk da Movida fundou Malevaje. Bartrina dicíame o mércores que tivo claro dende o primeiro momento que o tango "debe cantarse con acento argentino" porque "a nadie se le ocurriría cantar flamenco sin acento andaluz". Salvou o abismo fonético consultando a un dos mellores músicos arxentinos, Osvaldo Larrea.
—Me criticaban por mi forma de cantar. Yo les contestaba: "Si el maestro Larrea dice que está bien es que está bien".

O tango entrou no noso país polo porto de Vigo, con discos de pizarra e cantantes arxentinos, a pesar de que aquel decembro de 1923 non recoñecesen a Carlos Gardel.

Malevaje andou esta semana entre nós cunha actuación en As Pontes. En Galicia gusta o tango, pero máis outros xéneros americanos como a rancheira ou o boleiro. O tango entrou no noso país polo porto de Vigo, con discos de pizarra e cantantes arxentinos, a pesar de que aquel decembro de 1923 non recoñecesen a Carlos Gardel. Gonzalo Torrente Ballester era afeccionado a cantar tango. Descubrírao no Teatro Jofre de Ferrol, onde os seus pais o levaban escoitar ópera e zarzuela.

A Calamaro non se lle pode dicir que Bartrina canta con máis actitude. Os arxentinos teñen abondo coa rivalidade cos uruguaios como para explicarlles que o mellor escritor de tango foi El Viejo Pancho. Carlos Gardel cantou catro letras dese poeta. Gustáballe especialmente Insomnio, que gravou en 1927.  El Viejo Pancho, lembra cun sabor de limón ácedo un amor de mocidade que coñecera no seu Ribadeo natal. "En el fondo escuro/ de mi rancho viejo,/ tirao sobre el catre/ aguaito las horas/ que han de tráerme el sueño". Foi periodista en Tala, deputado en Montevideo; pero atrapou o espírito gaucho ata o punto de ser poeta nacional.
Carlos Gardel explicouno ao xornal El Diario Imparcial en 1930:
—El Viejo Pancho es un monumento. Yo siento mucho sus canciones.

Comentarios