El tiempo
viernes. 02.12.2022
El tiempo

Paul Preciado incendia a catedral de Notre Dame

Carla Antonelli deuse de baixa da socialdemocracia institucionalizada por unha disputa de ritmos. Enténdoa. Leva toda a vida implicada para que se recoñeza a quen non se recoñece no seu corpo. Notou a lei trans acariñándolle a punta dos dedos, por fin; pero o seu partido atrasouna para a fin da cola normativa outra vez.
Paul Preciado. EP
Paul Preciado. EP

Hai unha muller coa que me cruzo en Lugo. Eu volvo a cabeza para observala, ela ordena o peitado como distraída. Vouna tratar en feminino porque teño a sensación de que o prefire. Non estou certo desa inclinación porque nai dísa sen carmín, días nos que nin pinta os ollos, outros nos que non necesariamente leva o pelo liberado ao vento do sur nunha melena. Mesmo algunhas veces nas que parece levar présa. Esas veces restrinxe o oscilamento feminino no andar para camiñar recta, masculinamente.

A miña deducción é que,cando é consciente do corpo, detense a feminizalo. Por outra banda, valoro que esa percepción pode ser limitada. Pode que a paseante sexa unha lectora de Platón, pode que entenda o corpo coma un vehículo para a alma. Escribo alma, pero lean identidade.

Todo é binario en Platón. Describe a alma nos diálogos de Fedro como unha auriga tirada por dous cabalos: un que define como "bo e fermoso" e outro que "resultará difícil e rebelde no seu manexo". O filósofo de Atenas non ten esta idea por reflexión pura. Colle o concepto do orfismo, aínda que rexeita que o corpo sexa unha tumba. Necesítao para explicar que poidamos comer un queixo ou facernos fotos co móbil para a aplicación Be Real. O poeta Apollinaire daríalle outro sentido ao orfismo. Usa o termo para denominar á variante do cubismo na que a color e a luz imitan o movemento da música. Era un estilo de pintura no que non había corpo.

Apollinaire fora acusado de roubar A Gioconda, xunto con Picasso, no Louvre, en 1913. Xa roubaran  unhas estauíñas íberas. O malagueño aproveitounas para As señoritas de Avignon. Pensaron en tiralas ao Sena por respecto solemne á teoría de Marinetti de que era necesario queimar os museos para iniciar unha nova era na arte. As figuras non acabaron no Sena porque Apollinaire preferiu vendelas. Para a súa sorpresa, o mellor museo do mundo na altura non reforzou a seguridade a pesar da sustracción; así que desapareceu A Mona Lisa. O xornal Le Petit Parisien publicou que a Policía sospeitaba da Banda Picasso. Os dous amigos foron detidos. Na comisaría Picasso esqueceu que coñecía a Apollinaire. A amizade cesou desagradablemente.

Nuns días sóubose que a súa pista era falsa, pero Apollinaire comprobou que había moitos máis visitantes que ían ver o oco que deixara o cadro que o cadro mesmo, pouco recoñecido nese momento. Entendeu a importancia da presencia e da ausencia, da corporeidade e da súa falta.

Reflexionar é actuar e, polo tanto, informar. Estes días falan, bailan  e cantan arredor de tres fogueiras: Realidade marica, realidade lésbica e a realidade trans

Estudei nun colexio ribadenses dunhas monxas que me ensinaron o platonismo na súa versión cristi. Un trinteaneiro maltratado colgado nunha cruz é súa divisa. Podía velo cada mañá, ao entrar á clase; cun verniz claro nas pernas, un pano branco atado á cadeira, unha barba en sombra e a cabeza ladeada na derrota. Resultaba tétrico. Podería darlle a razón a Platón no sentido de que o corpo é "o cárcere da alma", da que escaparía na morte.

As organizadoras do Festival Desfoga, que se celebra estes días en Cambados, escribíronme. Están dedicándoo a reflexionar sobre identidade e sexualidade. Reflexionar é actuar e, polo tanto, informar. Estes días falan, bailan  e cantan arredor de tres fogueiras: Realidade marica, realidade lésbica e a realidade trans.

O asunto interésame porque nunca tiven unha información estruturada sobre estas materias. Para un rapaz dos anos 60, criado masculina e catolicamente, os homosexuais era rapaces cargados dun certo exotismo, unha leve rareza e, en certo modo, unha pesadísima culpabilidade. As lesbianas nin existían. Souben da súa existencia no tránsito do colexio de monxas ao instituto público. Non recordo ninguén da miña pandilla que confesase tal interese. A masculinidade acentuada e reinante impoñía penas que ían dende a burla ata o golpe seco.

Houbo unha clase de Bioloxía, aos 13 anos, na que nos levaron ao laboratorio para que sor Rosario nos amosase un manequín desmontable que se correspondía cunha muller. A Juanjo entroulle unha risa incontrolada, bufonesca, e foi remitido excecutivamente ao despacho da directora. Agora sei que aquelas relixiosas superaran a concepción do clítore coma un pene atrofiado, que imperou na medicina académica ata o século XVII. Dei por suposto que desmentían a convición de San Xerome de que os rasgos das mulleres eran "a debilidade mental e a falta de fortaleza", mesmo discrepaban do consello de San Xoán Crisóstomo de que os homes escapasen das femias "para non contaxiarse dos seus vicios".

Desconfío de que un fume brancuxento vaia saír do meu corpo cando morra para seguir vivindo nese ámbito ideal e perfecto que chaman Ceo

Mantiñan a actualidade de Ambrosio, bispo de Milán e doutor da Igrexa do século IV. Formulou paraas monxas o concepto de abstinencia corporal como  sublimación do corpo. "A abella descoñece as unións sexuais, fabrica mel. Canto desexo, irmá miña, que imites á pequena abella, que se alimenta de flores".

Sigo tratando de comprender ese desencontro entre a identidade dunha persoa e o seu molde. Falo en termos de identidade por noni falar de alma. Desconfío de que un fume brancuxento vaia saír do meu corpo cando morra para seguir vivindo nese ámbito ideal e perfecto que chaman Ceo. Afortunadamente, todo rematará cando deixe de ver imaxes. Daquela non terei que poñer a taza do almorzo e o Cola Cao á miña muller.

Leo unha entrevista co filósofo trans Paul Preciado (Burgos, 1970):
—Iba a un colegio de monjas, pero nunca tuve problema por ser distinta. Cuando me decían qué quería ser de mayor, respondía: Hombre. Me veía como hombre porque ellos tenían acceso a las cosas que quería hacer: astronauta o médico. Nunca lo viví como vergonzoso ni traumático; era algo a lo que creía tener derecho. De cría, hasta tenía una hucha para hacerme un cambio de sexo.

O principio do tránsito deuno no instituto, onde "unha maestra con un hijo autista, reclutó a niños con problemas y creó una clase. Autistas, superdotados, raros. Ocho marcianos feos y atroces. Terribles, pero mimados". Paul chamábase Beatriz. Como tal asinou léralle Pornotopía (Anagrama) en 2010. Trataba sobre o xeito en que Hugh Hefner creou e distribuiu a revista Playboy. A proposta eran mulleres espidas fotografiadas por Russ Meyer ou Bunny Yeager canda entrevistas a Andy Warhol, James Baldwin ou Frank Lloyd Wright. A idea do editor era "unir a sofisticación do New York Times co sal e a pementa da arte pin up". Ilusión tiña moita; confianza, pouca. O primeiro exemplar non levaba data nin número. Temeu que non habería máis. Mandábao dende casa en sobres que preparaba el. Vendeu 54.000 exemplares. O secreto foi a portada: Norma Jean. Acabaría triunfando co alcume de Marilyn Monroe. O éxito foi de tal magnitude que Hefner puido permitirse contratar a Picasso, para que ilustrase un relato de Ray Bradbury, ou a Andy Warhol para que lle pintase o logo ao seu xeito.

O pensador  abre o seu novo ensaio publicando un informe médico emitido cando vivía en Francia no que se lle diagnostica, gravemente, "disforia de género"

Volvo sobre a cirurxía coa que Platón separa alma e corpo para continuar con Paul Preciado. O pensador  abre o seu novo ensaio publicando un informe médico emitido cando vivía en Francia no que se lle diagnostica, gravemente, "disforia de género". Convertindo ese termo nun punto de vista para analizar, Paul Preciado publica Dysforia mundi (Anagrama). Partindo de si mesmo como integrante do "lumpen sexopolítico da Historia" sinala o 15 de abril de 2019, o día no que ardeu a catedral de Notre Dame, coma "a chegada dunha nova era". Compáraa coa transición do Imperio Romano ao cristianismo.
—La catedral podría llamarse teocracia, capitalismo, patriarcado, reproducción nacional, orden económico mundial... y ahora todo arde.

Non vou acompañar a Preciado nesa viaxe tan querente  da marxe, pero interésame que ma conte.

Paul Preciado incendia a catedral de Notre Dame
Comentarios