Un polbo con cachelos en Melide
Na parada acompañábanos Julia, que ten 18 anos, a mesma idade que Antón. Pedimos polbo á feira, o prato que inventaron os maragatos cando levaban o polbo a Castela e traían aceite e pementón ao noso país. Mesturaron o que tiñan nos carromatos cando percorrían o Camiño Real, como cando Bob Dylan canta "coma un bala perdida" en Highway 61. e mestura estilos.
Na véspera fora ao cinema ver A complete unknown, a película sobre os inicios do cantante desde que chega a Nova York para erixirse, no breve prazo dun ano, en ídolo do folk político ata que manda todo ao carallo. Deixa o folk e a reivindicación estreando a canción Like a rolling stone cunha banda de rock na que mestura ese estilo co country, o blues e o propio folk. "Xudas!" foi o máis suave que lle berraron os puristas, que daquela eran lexión, ao maragato de Minnesota.
A maiores de polbo pedimos carne ao caldeiro, outro prato de limpa inspiración maragata e transeúnte. O Garnacha é un bar amplo de mesas e bancos corridos no que camareiros dominicanos serven cociña puramente galega a peregrinos alemáns. Como estaba a miña muller tamén pareceume un bo momento e un lugar moi axeitado para confesarlle, despois de 31 anos xuntos, que estou deixando de ser socrático para empezar a ser platónico. A ela pareceulle tan interesante que me remarcou que a carta de sobremesas incluía queixo fresco con mamelo porque sabe que me gusta e porque era un xeito de que parase de darlle a prosma coas miñas leiras filosfóficas.
Ando lendo La República (Penguin), o libro no que Platón nos conduce cara ao discurso de Sócrates que el quere que trascenda. Nunca saberemos o que dixo a Mosca de Atenas en realidade, como nos pasa con Xesus de Nazaret, de quen nos chegou o que San Paulo quere que dixese. A influencia de Platón en Paulo de Tarso é evidente porque a cultura helénica está marcada polas ideas que diferenzan corpo de alma, o intelecto –e non o material– como coñecemento da verdade, o rexeitamento aos praceres dos sentidos para elevar a espirituralidade e a separación entre o mundo real e o ideal, que é superior.
Sendo eu ateo e materialista non comparto esas concepcións de Platón, pero si concordo con el en que somos incapaces de ver a realidade tal e como é, que a percibimos segundo mesturamos na nosa cabeza as indicacións que nos mandan os sentidos ao cerebro.
Estiven falando deste asunto con Antón e con Julia, ambos estudantes de materias científicas, mentres comiamos polbo á feira no Garnacha. O meu fillo é un socrático puro, que cuestiona todo; polo que me resulta traballoso debatir con el. Eu poñía o exemplo do polbo, de que un polbo é o que lle ensinaba eu a Antón entre as rochas das praias de Ribadeo e outro é o polbo cociñado á maragata en Melide, son dúas cousas distintas sendo a mesma esencia.
Pero Antón responde con preguntas porque está convencido de que a verdade está nas respostas. Usa a maiéutica, o método de Sócrates para interrogar aos atenienses que ía topando pola rúa. Falo co meu fillo e me descubro todo o tempo respondendo a preguntas coas que el intenta establecer unha base de verdade que poidamos aceptar os dous."E como sabes que isto que estamos comendo é realmente un polbo?", cuestiona.
Pasando o bote de pementón aos cazadores con roupa de camuflaxe
Ao cabo vinme pasando o bote de pementón a un cazadores con roupa de camuflaxe que tiñamos ao lado e acusando ao meu fillo de ser coma o primeiro Wittgenstein, quen dicía que linguaxe non serve para describir a realidade porque as palabras non pasan de ser un acordo entre falantes. Os cachelos chámanse así porque houbo uns falantes antes ca nós que denominaron con esa palabra as patacas cocidas. Hai unha segunda etapa de Wittgenstein, que fora compañeiro de Hitler na escola, na que recoñece que necesitamos un mínimo acordo sobre a linguaxe para poder ter unha base que nos permita coñecer o real.
Esa desconfianza da linguaxe que ten Wittgenstein nácelle das lecturas de Nietzsche, que afirmaba que as palabras son limitadas para tratar asuntos complexos, como a moral, a espiritualidade ou a estética.
Antón ten escoitado as cancións de Bob Dylan na casa, ao igual que Julia na súa. Aproveitei a chegada do queixo con mamelo á mesa para falarlles da influencia de Nietzsche nas letras de Dylan. Estivera pensando niso mentres vía A complete unknown sentado na butaca dos Cines Yelmo. Nietzsche cuestionaba os valores establecidos. Os valores establecidos que atopa Bob Dylan cando chega a Nova York son cancións contra as guerras asiáticas nas que se metera Estados Unidos, cancións que interpretaban solistas cunha guitarra acústica.
No terceiro Festival de Newport no que participa, Dylan sube con catro músicos ao escenario. Denuncia o líder político no que se vira convertido por parte dos seus seguidores. Canta Like a rolling stone para subliñar que el é un artista, un creador que necesita buscar as súas propias máscaras para ir cambiándoas coa fin de crear, e para facelo en liberdade e con autenticidade.
O polbo do Garnacha tiña un sabor excepcional e os cachelos responderon ás expectativas. Paguei 35 euros por aquel prato grande de madeira cunha satisfacción que había tempo que non experimentaba nunha feira. O Garnacha, ao igual que Bob Dylan, vai cambiando, pero mantén a esencia da boa cociña.