sábado. 17.04.2021 |
El tiempo
sábado. 17.04.2021
El tiempo

Quitade as vosas mans da clase media

Non podería ser negacionista porque a pandemia ten  unha carga dramática que me bloquea, pero sospeito que a Xunta nos mantivo pechadas as terrazas durante tres semanas para que volvésemos disfrutar deles. Era un luxo sen aprecio. Hai un estrano pracer masoquista en que che quiten e devolven o dereito a tomar un café nunha mesa ao aire libre

Manuel Veiga Taboada
Manuel Veiga Taboada

MANUEL VEIGA dime que é terracista. Tamén é escritor, periodista, sociólogo, historiador, monfortino e desafiólogo. Faise preguntas e contéstaas en ensaios e novelas. Descoñecía que fose terracista. Chameino para que falasemos de As mellores tendas de Madrid (Xerais) e confirmo a tara dos novelistas: anímanse a conversar de calquera asunto —sexan as bicicletas negras de Berlín, sexa o uso de osíxeno polos últimos sherpas que coroaron o Annapurna—, pero non do seu libro. Enténdoos. Botan tantas horas escribindo o libro, refacendo o libro, corrixindo o libro, agardando polo... buf!

Manolo dime que é "terracista", que é un deporte moi popular en Monforte. Consiste en sentar nunha terraza situada no principio da rúa Cardenal ás catro da tarde, permanecer unha hora exacta e cambiar á terraza de enfrente. Debe estarse alí outra hora concreta e ríxida, nin un minuto de máis nin un minuto de menos, e pasarse a outra terraza situada na banda da primeira. Dese xeito percorres en zig zag toda Cardenal. Ao rematar hai que regresar ao punto de orixe e volver empezar. O terraceo de Monforte é unha oca xogada con persoas de tamaño real e corazón bombeante que renden culto pagano ao sol.

Todos os monfortinos terracean porque, para terracear, hai que ser de clase media. Na cidade todo o mundo é de clase media. Lois Pereiro era de clase media, aínda que dismula lendo poetas franceses borrachos de bohemia e absenta. Manuel María tamén era de clase media, aínda que implosionaba poemas criticándoa. "Acuso á clase media/ grandes e pequenos burgueses/ porque eles foron e son os que traicionan / o espírito sinxelo, enxebre e antergo de Galicia".

Agora está desaparecendo a clase media. Quedan os profesores de instituto, donos de ximnasios e xubilados coa hipoteca paga, pero van morrendo os obreiros cualificados e os empregados de banca están sendo empuxados a xestionar citas electrónicas do paro.

Temo que Manuel María non sabía cales eran as mellores tendas de Madrid. Arremetía contra "a clase media de imitar/ as modas que impoñen en Madrid". Manuel María era bastante de acusar, como tanta xente de esquerda. Durante os disturbios para reclamar a liberdade do rapeiro Hasél líanse no Twitter argumentos como que "os dereitos sociais non se conseguiron regalando lambetadas". Non podo afirmalo porque nunca conseguín un dereito social e nunca me manifestei agás contra a Guerra de Irak. O motivo de indignarme foi que mataran dun canonazo apuntado a mala idea a José Couso, que era amigo do meu irmán maior no Ribadeo dos 90. A violencia soamente beneficia a que non a padece. Iso basta para evitala.

Manuel Veiga adora os desafíos. A súa carreira de ensaísta é unha pista americana

Manuel Veiga adora os desafíos. A súa carreira de ensaísta é unha pista americana. En doce meses publicou tres libros, un por cada onda do coronavirus. Preguntouse como se podía falar sobre a idiosincrasia de Galicia a que non cre nela. Escribiu Galicia contada aos non galeguistas, un manual breve e atractivo sobre por que se nos localiza sempre no medio da escaleira e outras enfermidades nacionais. A tese do libro é puramente galega: somos vítimas do destino. Unha vez chorado este sétimo chorar, unha vez que Rosalía chorou por todos —que maldicía Celso Emilio— podíamos empezar cos ensaios sobre como non volver ser varridos ao rincón da Historia unha vez máis, por enésima ocasión.

—Ese libro buscaba explicar Galicia aos galeguistas, Jaure. Pero se lles propoño Galicia contada aos galeguistas non mo len.

—Vaille ti contar Galicia a un galeguista! Tírache o libro ao Miño!

—O título pretendía espolealos. Os galeguistas séntense máis cómodo se pensan que non vai dirixido a eles. Pregúntanse: A ver como conta este Galicia aos paganos.

Despois veu A parte queimada (Aira) onde contou Stalin aos non estalinistas para que o lesen os estalinistas. Nese libro explica as causas da violencia de Josef resaltando a súa brutalidade

—O estalinismo é o pecado orixinal da esquerda —sinala—. Cando lles sacan o tema aos esquerdistas eles esconden a cabeza porque non teñen resposta. Pero todo ten causa. Nese libro tratei de explicar o terror revolucionario, que aplicaron os revolucionarios contra si mesmos e de saber por que acontecia. Tamén falo da Revolución Francesa.

Non todos os comunistas son avestruces. O editor e escritor de Navia de Suarna Constantino Bértolo aburriu de meter a cabeza no bandullo. O outro día contoulle a Daniel Salgado en eldiario.es: "Como comunista, uno está obligado a intentar explicar qué fue aquello. No es suficiente con evadirse". Apunta que o punto de arranque será Humanismo y terror, un clásico de Merleau-Ponty subtiulado Ensayo sobre el problema comunista. "Tal vez ese sea el ángulo de entrada en la cuestión adecuado". Promete rematalo nun par de anos.

Entre mentres vostedes poden ir lendo sobre a clase media en As mellores tendas de Madrid. Pregúntolle a Manuel Veiga por que os escritores nunca falan da clase media, por que son manuelesmarías que condean a clase da que proceden e na que seguen confortablemente instalados. Soamente ser, como mínimo, de clase media garante o acceso á cultura.
—A min interésame a clase media porque pertenzo a ela. É unha clase ambigua. É máis fácil escribir sobre a clase baixa por sofre.

Julio Gayoso e a José Luis Méndez vestían coma un dúo para facer versións de Sinatra e Charles Aznavour en xira polos casinos de Europa

Concordo con Manuel en que tratar o proletariado e o campesiñado pobre nas novelas e nos poemarios outorga un prestixio ético ao autor, por moito que denuncie unha realidade que coñece polos informes dos bancos e da Cruz Vermella.

Manuel Veiga avanza un pouco máis.

—No fondo téñolle manía á clase media. É inconsciente. Eu son fillo de mestres, non de obreiros.

Así que a súa novela acaba contando a clase alta porque un dos protagonistas é o director xeral de Caixatlántico. O personaxe recordoume a Julio Gayoso e a José Luis Méndez. Vestían coma un dúo para facer versións de Sinatra e Charles Aznavour en xira polos casinos de Europa, pero nolos contaron como dous alumnos sobresaíntes da Escola de Chicago. Posiblemente fose máis certo no caso de Gayoso que no de Méndez.

As mellores tendas de Madrid foi o desafío de Manuel Veiga para a terceira vaga do covid: "Reteime a escribir unha novela sobre economía, fusións, accionistas e concursos de acreedores. A facelo sen aburrir. Porque son asuntos tan importantes como aburridos. Todo o mundo escribe de asesinatos, eu quería meter bancos nunha novela sen que o lector cansase".

O delegado celestial ocupouse de que toda a prensa atendese a unha pandemia cruel e incesante

O novelista monfortino botou dez anos montando e desmontando o texto orixinal "porque se parecía demasiado ao presente" que se vivía durante a Crise do 2008. Ao cabo, cadroulle o momento de publicar co comezo do xuízo a Bárcenas. Toda a memoria da actualidade volveu os ollos a esa época na que ambientara a obra.

—E que fixeches, Manuel?

—Nestes casos hai que rezar aos santos da vila. Pedir a Deus é excesivo. Receille a San Antonio, que é o patrono do meu barrio, en Monforte, para que me buscase un tema que cambiase as portadas dos xornais.

O delegado celestial ocupouse de que toda a prensa atendese a unha pandemia cruel e incesante. Non ten todas consigo. Manuel vive en Vigo, polo centro.

—Por culpa do covid non podo saír do barrio. Teño ganas de ir de facer unha viaxe, aínda que sexa ao Berbés.

Quitade as vosas mans da clase media
Comentarios