El tiempo
viernes. 03.02.2023
El tiempo

Satchmo toca jazz no palacio granate

A fin de semana pasada fun a Italia por un asunto familiar. O asunto familiar ten 20 anos e está cursando o Erasmus en Bologna. Todo o que quere saber un pai sobre a súa filla é a frecuencia semanal coa que fai a cama.
Sally Rooney
Sally Rooney. EP

Dende que deixei de ser estudante procuro non adentrarme en pisos de universitarios. Hai sorpresas sobre orde da casa e persoas que a frecuentan que prefiro non saber. Collera un voo directo dende Santiago. Gústame coller avións na Lavacolla porque me encanta ese topónimo tan hixiénico, que fai referencia ao manancial de auga pálida na que os peregrinos lavaban as súas partes máis brandas e cubertas antes de entrar na Cidade Santa.

Cada vez que subo a un taxi en Italia recordo que os sinais de tráfico e os semáforos son orientativos, que os cochesmom paran necesariamente diante dunha luz vermella. Un Fiat branco xurde dunha rúa en dirección prohibida ao tempo que o meu taxista salta un semáforo, recitando un salmo breve a San Maradona para que non nos pase nada. O outro condutor e el deron un freazo simultáneo que me levanta violentamente o estómago. Baixan as ventaíñas, xuntan as xemas do dedos e se chaman cretino! imbecille! scemo! e stupido!, antes de desexarse un agradable vaffanculo!. Tardo en volver a respirar con cadencia. Pregunto ao taxista:

—Vostedes se enfadan moito cando conducen. Como fan para non chegar a pegarse?
—Bah! É teatro! Non se preocupe.

Quedo coa miña filla. Ela insista en que suba ver o seu piso. Vive enriba dun Lidl, mesmo diría que dentro dun Lidl, polo que baixa en zapatillas cando lle falta un vívere. Cando escribo zapatillas refírome ás de andar por casa, que non son un grotesco corredor que non sabe usar a lingua. Cando escribo zapatillas lembro o que explicaba Baroja sobre o estilo: «Que más da si bajaba en zapatillas, de zapatillas o con zapatillas; lo importante es que bajaba y llevaba unas zapatillas puestas».

Descubro a habitación da cativa coa cama feitiña, a roupa recollida, unhas fotos coas amigas e un par de novelas de Sally Rooney na mesa de noite. Ten bo gusto se nos enfocamos na literatura. Moisés Barcia publicou Xente normal en Rinoceronte. A ver se se animan con Conversaciones entre amigos, que temos en español en Mondadori. Supoño que a miña filla non le por ter nacido por ter nacido nunha biblioteca con cociña, baños e dormitorios; senón porque deu cunha escritora irlandesa que fala sobre o amor e a amizade entre persoas de 20 anos a principios do século XXI.
No fondo, Sally Rooney continúa a conversa que matiñan os meus avós a principios do século XX e os destes, por volta de 1850. A autora reflexiona:

—A novela na tradición anglosaxoa, francesa e rusa dramatiza preguntas sobre o amor e o matrimonio. Así naceu un xénero especialmente ben construído para soster este tipo de dramas. Hoxe estas tramas non son as que predominan e non sei moi ben por que.

Confesa que a experiencia máis poderosa que tivo como lectora foi sentirse arrastrada polo amor das vellas novelas:

—Non é unha resposta parva, acrítica ou superficial á lectura, senón que é unha parte moi importante dos libros de Jane Austen, Henry James ou George Eliot. Como lector case experimentas o amor por proximidade, namóraste canda eses personaxes e queres que acaben xuntos. É un desexo fascinante, porque queres algo; pero non para ti, senón para unhas persoas que non existen.

Sara comprou entradas para que fósemos a un concerto de homenaxe a Louis Armstrong que forma parte do Festival de Jazz. De camiño ao palacio onde se celebra camiñamos entre outros palacios renacentistas de tonalidades que se van dende o granate ao ocre. Todos teñen unha praca co nome da familia que o construíu (Medici, Enzo, Accursioi). Parecen ter sido abandonados en medio dunha batalla entre xenoveses e venecianos. Tenden cortinas vermellonas e amplas para tapar as pedras esquilmadas e as ventás quebradas. A xente normal de Boloña vive en palacios, os nobres marcharon a pisos nas aforas porque se avergoñan de ser insolventes para pagar as facturas de luz nas súas herdades. Quen pode permitirse quentar un cuarto de estar no que o teito está a cinco metros de altura por moitas cabezas de cervo e cornos da abundancia que o adornen?

De camiño á actuación paramos no palacio do Archiginnasio, que foi sede da Univeridade de Boloña, a máis antiga de Europa, pois se fundou en 1088.  O edificio foi construído por Carlo Borromeo, que me resulta simpático porque ser cardenal non resultou estorbo para que amase a caza sen mesura; o xadrez, con sosego, e a música, con emoción. Tocaba o laúde e máis o violoncelo. Gustaba das veladas literarias, para as que refundou a Academia das Noites Vaticanas en 1560, recuperando o pulso que mantivera  Paulo III ata 1549. Borromeo gustaba da pompa e a fastuosidade, inclinacións que non obstaculizaron que fose enxalzado como santo pola Igrexa Apostólica e Romana. Os malpensados liban no veleno de que o papa Pío IV era seu tío, pero eu nunca me fiei dos bocapodres.

Boloña é unha distopía para que os que temos máis de vinte anos e xa non formamos parte da 'xente normal' de Sally Rooney. Boloña é unha cidade na que residen milleiros de universitarios de toda Europa. Habitan palacios de teitos que nunca tocarán coas xemas dos dedos, con dormitorios que xelan a alma e onde a cama se fai cando os van visitalos os seus pais. Paralemente, hai uns centos de adultos na cidade. Son os pizzeros, os taxistas e os donos de inmobiliarias que venden as casonas onde intrigaban os Medici.

De camiño ao concerto paramos na praza Verdi. É un cantón con luminosos murais anarquistas, que me reconcilian co meu corazón adolescente e me reconfortan ao pensar que estaba no certo: con 14 anos un debe crer nunha sociedade que nunca funcionaría. Sara cóntame que a cidade está preñada de libertarios que soportan a bendita febre dos idealismos. Polas noites compran pizza a tres euros e birras, a dous, e falan sobre Sally Rooney, Antonino Gramsci e Rafaella Carrà, nacida unhas rúas ao norleste. Eu sabía que o cantante Lucio Dalla procedía tamén da cidade, pero non acordei ata que a miña filla me levou xantar spaghetti al ragú —"dicir spaghetti alla bolognesa é de pailáns", aclarou— á Casa della Podestà, onde adoitaba ir el como garanten unhas fotografías na parede da taberna.

O concerto de lembranza a Louis Amrstrong resultou ser a presentación do libro Un lampo a due dita (Un lampexo a dous dedo), unha recompilación de lembranzas, cartas e anotacións musicais do músico de jazz. A miña filla pregunta se quero marchar polo atranco do idioma:

—A ver, Sara, que falo tres linguas románicas... —presumo.

Botei unha hora e media mirando mover a boca e xesticulando velozmente a Emiliano Pintori, que conta cousas de Armstrong, apodado Satchmo. Emiliano é locuaz e sarcástico. Seino porque o medio cento de asistentes entre os que me sentara rían a gargalladas. A miña filla, tamén. Eu tratei de acompasarme con eles para disimular a vergoña de non entender esa lingua que se mastiga coma un chicle.  Para distraerme, busquei Satchmo. My life in New Orleans, o libro no que se basea Un lampo a due dita. Atopei en Iberlibro a 2.052 euros, antes de sumarlle os gastos de envío desde os Estados Unidos.

Ao remate, Sara sorrí. Dime:

—Aprendín moitas cousas sobre Louis Armstrong. Non sabía que era tan pobre, nin que se criara nunha caravana, nin que foi acollido por unha familia xudea emigrada de Lituania que lle daba de comer, lle regalou a primeira trompeta con 9 anos e lle aprendeu a falar idish.

—Son cousas sabidas, filla; pero está ben que se divulguen porque para moita xente era "o negro feliz" —tiven a desvergoña de dicir.

Satchmo toca jazz no palacio granate
Comentarios