jueves. 21.10.2021 |
El tiempo
jueves. 21.10.2021
El tiempo

Todos os soldados disparan ao aire

Vostedes andan empezando o outono, pero o Arcipreste de Hita e máis eu xa levamos andada media estación. No seu calendario os meses outonais son agosto, setebro e outubro. Gústame esa estación porque trae caza, os cogomelos, as castañas e unha cesta surtida de froitos do bosque, que son pequenos e bonitos na gama de violetas 
Sarille
Xosé Antonio Sarille

PEPE COIRA agradeceume as botellas de Malpertuis. Non llas mandei polo viño, un burdeos de clase media, se- nón por animarme a ver a película belga que inspirou ao adegueiro para poñerlle ese nome. O filme estaba protagonizado por Orson Welles. Pasou por Cannes no ano 72, onde lle fixeron menos caso do que merecía; tal vez pola exquisitez de considerar o cine fantástico como unha adolescencia crepuscular.

Montaigne conformábase cun anaco de pan, pato confitado e unha xarra de Bordeos cada venres. Nin tan mal porque Juan Ruiz, Arcipreste de Hita (1283-1350), receitaba pan e auga para os venres, día da morte do Noso Señor. Eu tampouco sería devoto da dieta triste de casa Hita. O consello para hoxe: "El día del domingo, por tu codicia mortal, conbrás garvanços cochos con azeite e non ál". Comendo un prato tan melancólico non me estraña que escribise as Coplas a la muerte de su padre. Arden no corazón porque foron escritas con palla seca. A principios do outono, segundo o calendario de Juan Ruiz, estiven en Bordeos. Collín un hotel decente nun barrio de casas baixas con contraventás entrepechadas. Atravesei barrios de rapaces xigantes e escuros conducindo coches veloces, bares de vellos marroquinos que rañan a barba breve e cubren a cabeza con puchos verdes, prostitutas derrubadas na vida que se bañan cada día nunha bañeira de cervexa e peregrinos que atravesaban o barrio berrando Ultreia!".

Burdeos está alfombrada nun mármore gastado e sucio. Camiño ata a casa de Montaigne. É tan anodina que parece un monumento á aristocracia desclasada da órbita cristiá. Un edificio caera dous portais máis aló. A rúa, que se cruza en tres pasos, está atascada polo entullo. O monte de pedra e madeira parece un volcán frío. O sorprendente é que levaba un mes atascando a rúa. Esa é toda a consideración da cidade polo seu alcalde entre 1581 e 1585.

Montaigne xubilouse e escribiu os seus famosos ensaios. Xosé Manuel Sarille retirouse do ensino e publicou A nova presenza do BNG (Medulia). Teño que preguntarlle a súa opinión sobre as xarras de Bordeos. O seu texto está escrito con melancolía e didáctica. Non hai mellores historiadores que os analistas políticos. Cita a Eric Hobsbawm :"Escribir sobre a Historia vivín é colleitar, amplificar e corrixir os meus recordos".

No ensaio atopo ideas que comparto. Parecen croquetas tímidas cando Sarille as expón, desenvolve e argumenta. O Bloque ten un "conservadurismo reticente aos cambios". O autor enumera os anos perdidos nos debates pesadísimos sobre prometer a Constitución, participar nas eleccións parlamentarias —"porque se entraba no xogo electoral burgués e se abandonaba o mecanismo representativo da sociedade comunista"— ou sobre "destacar un candidato para a presidencia da Xunta por riba da igualitaria colectividade interna da organización". Son atrancos vencidos, pero que mantiveron o nacionalismo a distancia do poder. Todavía Ana Pontón segue desanoando ese nó.

Con Sarille manteño unha desas relacións que son coma o Miño. Non sabes nin cando nin onde empezou e podes perdela de vista, pero sempre volves atopala igual de ancha e verde. Esta semana visitou o xornal. Deille un abrazo. A pandemia provocoume unha aprensión —a morte dos outros, a miña morte— que me leva a dar mostras de cariño para acalmar o pánico. Tampouco é que me convertese nun festival de bicos porque son distante e seco de natural.

A película Malpertuis fala sobre iso, sobre o reviradas que poden chegar a ser as mostras de amor. Trata dun rico que deixa súa mansión, Malpertuis, aos sobriños. A condición é que vivan na casa ata morrer. Non lles vai ser difícil cumprilo porque está maldita. A película baséase nunha novela do belga Raymond de Kremer. En 1903, con 16 anos, o novelista subiu a un veleiro para atravesar o estreito de Magallanes. Andados os anos dedicouse ao contrabando de armas e de alcohol. Participaba na Rum Row, que suministraba licores espirituosos aos Estados Unidos durante a Lei Seca.

Hai armas no leito do río Nervión, en Bilbao. Nos anos 90 coñecín dúas persoas que tiraran pistolas nunha madrugada nos anos 70. Estabamos nun casarío, reformado por un exmilitante dos Comandos Autónomos Anticapitalistas. Apareceu un etarra renegado, Iñaki Wilson. Ambos os dous superaran a etapa montaraz vinte anos antes. Cambiaran a etapa de saber de balísitica por negocios que lle permitían beber viños caros.

Wilson planificara o asasinato de Carrero Blanco xunto con Argala. Odiaba o cárcere polo menú: "Poñíannos a ensalada quente e a sopa xelada". Un vasco pode soportar o frío e o estreñimento; pero, se come, debe facelo con sensatez. Montaigne nunca renunciou a ningún sabor. Non se inventaran os frigoríficos, pero non se privaba de queixo. Comía o faisán con amorodos no salón afundindo os dedos na graxa. Ao rematar cuchábaos un por un para limpalos. Baixaba ás cociñas, na parte máifresca do pazo, e alí desgutaba os queixos podres da calor estival.

As armas teñen mala intención. Deixan cadáveres nos campos de batalla. O inimigo acaba sendo un igual que vive ao outro lado do río. Chateaubriand conta que cando acabou a batalla de Waterloo os soldados ingleses foron lavar as mans nun regato, onde atoparon os franceses. Despois de ter estado disparándose felicitábanse pola valentía. Evitaban mancar ao rival. Nesa batalla, que representa clausura de Napoleón como heroe, soamente o 1 por cento das feridas foran causadas por baionetas.

Os estudos sobre o exército nazi revelan que non disparaban por furia ideolóxica, senón por amizade. Os xenerais mantiñan os grupos de camaradas, e os retiraban xuntos da fronte para darlles un descanso e que reforzasen os seus vínculos. A maioría non combatía polo respecto do Führer nin por estender os ollos azuis por Europa, senón polos amigos en perigo de morrer. Ao final a Historia que coñecemos chéganos escrita polos vencedores. A palabra ‘arquivo’ vén do grego ‘arjíon’, que significa ‘casa do heroe’:

Luis Tosar explicaba ese perigo de deixarte levar pola lealdade e o cariño cara aos teus nunha entrevista no ABC co gallo do seu papel de Ibon Etxezarreta, o etarra que asasinou de Juan Mari Jáuregui, en Maixabel. O actor de Lugo e o arrepentido da Eta compartiron horas, compraron comida, preparárona, compartírona,... Soamente se levan un mes, son da idade.

—Pensamos que podiamos estar intercambiados se el tivese nacido onde eu nacín —conta o actor—. Ideoloxicamente estabamos situados nun lugar moi parello. Tosar sepárase da violencia:

—O entorno pode moito, pero tamén hai unha intención. Está en ti.

Foi un escándalo. O galego expresa o noso relativismo. É difícil de comprender fóra.

A conquista de Francia custoulle a Adolf Hitler un gasto de 35 millones de metanfetaminas para os seus soldados.

Concebir o mal require un aparvamento ou unha distracción. Maquiavelo empezou a escribir O príncipe nunha noite de inverno de 1513 mentres bebía nunha taberna, pero máis radical é o caso do físico Richard Feynman, que debuxou os bocexos da bomba atómica lanzada sobre o Xapón imperial en 1945 mirando unhas rapazas bailando e espíndose nun club de striptease. Maquiavelo non se arrepentiu pola mañá, aliviada a dor de cabeza que lle causara o viño. Anotou que comezara a "escribir unha broma das miñas".

Iñaki Wilson contounos a caída do seu comando, o Barcelona, nas mans da Policía 1975. Mikel Lejarza, El Lobo, era o toupo que os destapou.

—Non me torturaron. Un policía preguntoume con quen estaba no comando e contestei: Coa puta da túa nai. Deume unha hostia. É normal.

Todos os soldados disparan ao aire