El tiempo
viernes. 02.12.2022
El tiempo

A canteira

Os defensores da democracia seguimos escandalizados, a pesares do tempo transcorrido, co triunfo do fascismo en Italia. De feito, dende o punto de vista do crítico literario, non é difícil prognosticar unha nova onda de libros para afondar no acontecemento concreto e o fenómeno subxacente.

Namentres chegan ou non estes libros –quizais xa alá pola primavera, cos partidos e as súas terminais mediáticas e editoriais en campaña municipal e precampaña nacional– convén deterse nas obras que xa están nas librarías e describen os horrores provocados polos avós ideolóxicos –ás veces non só ideolóxicos, por certo– dos fascistas de arestora. É o caso de Esclavos del Tercer Reich, unha historia dos españois no campo de concentración de Mauthausen escrita por Gutmaro Gómez Bravo e Diego Martínez López e publicada por Cátedra. Temos que destacar nesta parella a Gutmaro Gómez, profesor da Complutense, quen xa publicou hai pouco un moi valioso traballo sobre o papel dos socialistas durante a ditadura e que semella destinado a recoller o facho de autores como Ángel Viñas ou Julián Casanova como historiador de referencia en asuntos de memoria democrática.

Aínda que xa se ten contado en moitas ocasións o drama dos derrotados españois na Guerra Civil –por exemplo, nos Campos de Max Aub, unha obra mestra–, todas son poucas. Aqueles soldados que deixaron atrás unha guerra e un goberno fascista para ir caer medio ano despois noutra guerra, provocada por un individuo aínda peor ca quen os expulsara das súas casas e asasinara ás súas familias e amigos.

Durante moito tempo, como demostran Gómez e Martínez, quíxose vender unha inocente historia sobre os prisioneiros españois dos nazis: a de que eran prisioneiros comúns cuxa orixe ou compromiso non tiñan nada que ver co seu encerro nos terríbeis campos, en particular no complexo de Mauthausen, en Austria, formado por este campo principal e algúns satélites –o máis coñecido deles, o de Gusen–.

Os que sobrevivían a semellante barbaridade tiñan que aturar tamén a fame e as enfermidades, en particular a disentería e o tif

Con abondosas listas e fotografías, ademais dos imprescindíbeis testemuños, que por desgraza en España só chegaron a ter relevancia nos 90, pasado xa tempo dende a morte de Franco, Gómez e Martínez demostran a falsidade disto. Dende o principio os nazis identificaron aos loitadores españois co antifascismo, colocáronlles o seu correspondente trianguliño co S de Spanien impreso en negro e déronlles un tratamento especial.

No seu caso non foi a ducha con Zyklon B senón o ingreso nun campo excepcional, tal e como documentan os autores. Mauthausen e Gusen atopábanse preto dunha canteira e os españois tiñan que contribuír nela ao esforzo de guerra dos inimigos. Cando estaban exhaustos, os soldados tiñan un xeito sinxelo de liquidalos: empurralos pola aba do monte dende a empinada escaleira pola que subían e baixaban pedras de máis de vinte quilos. Os que sobrevivían a semellante barbaridade tiñan que aturar tamén a fame e as enfermidades, en particular a disentería e o tifo.

O feito de que moita da información que contén este libro estivese dispoñíbel en nove arquivos e fose inédita aínda debería facernos reflexionar como sociedade. Unha memoria incompleta supón unha falla de anticorpos para loitar contra os discursos actuais da intolerancia. A pesares de que este asunto non se comente no libro, flota sobre el de xeito inevitábel. Grazas a Gómez e Martínez, algúns republicanos españois deixan de ser un número máis da sinistra historia nazi e pasan a ser un modelo de dignidade e loita nuns tempos nos que a historia os levou ao lugar máis brutal posíbel.

A canteira
Comentarios