El tiempo
sábado. 13.08.2022
El tiempo

A decadencia

Augusto
Augusto

OS ANOS 80 en España foron moi bos para as clásicas mainstream, grazas en boa medida a que Felipe González puxo de moda as Memorias de Hadriano de Marguerite Yourcenar —non é a mellor novela da mestra belga, ímolo deixar así— e ao éxito de Eu, Claudio, a magnífica serie da BBC co inesquecíbel Derek Jacobi que, como ocorreu en España con Los gozos y las sombras, puxo de moda unha novela escrita moito antes —Robert Graves publicáraa en 1934 e a serie emitiuse no 1976—. Tamén se prolongou a fama de Asterix e Obelix, que tanto nos ensinaron sobre a Galia e os tolos romanos

Isto tivo un efecto secundario —lóxico, ata certo punto—: concentrar a visión que o grande público tiña da historia romana nun moi curto período de tempo —da caída da República ata Nerón e, cun pequeno chimpo, ata comezos do século II— e ignorar case que todo o demais. E, de feito, se o que o público procuraba eran historias escabrosas e cheas de morbo moito mellor tería sido que os escritores se concentrasen no longo período que comezou co pasamento do famoso Marco Aurelio, o emperador filósofo, no ano 180 e a chegada ao poder do seu fillo, Cómodo.

É este lapso de tempo, en esencia, o que cobre a Historia Augusta, un dos libros máis estraños e curiosos da literatura latina, que agora edita, por primeira vez accesíbel a un grande público en español, a editorial Cátedra. Encárgase do volume Javier Velaza, catedrático de Filoloxía Latina na Universidade de Barcelona e, actualmente, decano da Facultade de Filoloxía da mesma universidade. Eminencia coñecida na materia, o doutor Velaza non só mantén os estándares da colección Letras Universales, senón que os mellora.

Grazas á influencia do historiador inglés do século XVIII Edward Gibbon, coa súa famosa Decadencia e caída do Imperio Romano, o cristianismo recibiu unha boa dose de culpas do derrubamento do meirande imperio que viron os tempos, non tanto na extensión coma na cultura e a influencia. O lector da Historia Augusta recibirá unha visión completamente distinta e preguntarase como demo ía sobrevivir, xa non Roma; senón calquera goberno en mans de personaxes tan depravados coma o citado Cómodo ou Heliogábalo, ou sanguinarios coma un Septimio Severo, todos eles sucesores máis ou menos inmediatos de sabios coma Antonino Pío.

Nada sabemos do autor da Historia Augusta, quen ademais decidiu agocharse detrás de distintos pseudónimos

O mesmo que na Vida dos Doce Césares de Suetonio atopamos unha forte dose de díxome-díxome e moitos datos que entran no terreo da ficción ou mesmo da fantasía máis desatada. Non é algo desagradábel tampouco para o lector casual. Sabemos que o famoso Suetonio tivo acceso a esas informacións pola súa condición de secretario de Hadriano. Porén, nada sabemos do autor da Historia Augusta, quen ademais decidiu agocharse detrás de distintos pseudónimos. Nin sequera sabemos se foi autor ou se se xuntaron varias plumas a finais do século IV en homenaxe a Constantino, o emperador do Edicto de Milán.

As clásicas volven andar nestes meses na prensa e non por asunto de moda. Os compañeiros de SOS Clásicas andan a defender a presenza do latín, o grego e a cultura clásica nos programas educativos. En obras como a Historia Augusta —ou os libros de César, Cicerón, Tácito, Livio...— non só podemos saber da cultura romana, senón aprender o que ocorre cando os gobernos caen nas mans de personaxes sen escrúpulos controlados por gardas pretorianos. Non é unha lección para deixar caer en saco roto.

A decadencia
Comentarios