Opinión

A Terra e nós

Ao mellor é unha impresión equivocada dun servidor, pero a Xeoloxía é no século XXI o parente pobre das ciencias. Fóra do sempre espectacular fenómeno do vulcanismo —precisamente pouco frecuente na Europa Occidental—, nin atopamos moitas novas na prensa nin semella que os estudosos se preocupen demasiado dela.

.
photo_camera .

A BIOLOXÍA, a Física, a Astronomía xeran continuas novas de impacto… a Xeoloxía só é a estrela do baile cando hai desgrazas, sobre todo terremotos. E, a pesares de todo, non podemos entender case que nada do que ocorre arredor de nós sen prestar atención á Terra, ao noso escenario. Por isto resulta útil Orígenes, a última obra de Lewis Dartnell, publicada en Debate e que pescuda en cómo a historia da terra como planeta determina a historia da humanidade, algo aparentemente obvio pero sobre o que non abundan as obras de interese. Dartnell quizais sexa unha das persoas máis axeitadas para escribir algo así, tanto pola amplitude de coñecementos como polo crédito que lle outorga Abrir en caso de apocalipsis, curiosa miscelánea que xa tratamos hai tempo nestas mesmas páxinas.

Lembro que unha das primeiras clases de Historia que me ofreceu o meu profesor de instituto, Santiago Dans, consistiu no famoso texto do reloxo: se medísemos a Historia como un só día, a historia dos seres humanos dende o Neolítico, con todos os seus avances e peculiaridades, apenas comezaría ás 23.59. Isto serve pare relativizar os feitos do homo sapiens e pensar en como todo o ocorrido anteriormente mediatiza a nosa historia.

Dartnell móvese esencialmente en dous niveis de análise: o da Historia e o da actualidade. O punto de partida non pode ser outro ca o Rift, a rexión africana na que se atopan as orixes da humanidade, aínda que a súa exposición neste caso non é innovadora. O mesmo ocorre, por exemplo, cando o autor analiza a importancia dos ventos na Era dos Descubrimentos, algo estudado en profundidade nos últimos anos ao constatarse a posibilidade dun desenvolvemento alternativo da Historia de ter triunfado as expedicións chinesas á costa de Zanzíbar.

No plano da Historia a súa análise é máis fonda e interesante cando se achega a fenómenos relativamente menos estudados. Por exemplo, o nacemento da democracia grega, antecedente relativo da actual, estivo fortemente condicionado polas formacións montañosas características da península helénica e que illaban as distintas polis. Por outra banda, os grandes imperios da Antigüidade viron condicionada a súa expansión por culpa das fronteiras naturais: os ríos e as fragas do norte de Europa para os romanos, o Himalaia, outros pasos montañosos e os desertos para a China dos Han.
No plano da actualidade teñen especial importancia os capítulos dedicados aos metais e á enerxía. Vivimos nun mundo metálico e a escaseza de certos materiais —por exemplo, o case que descoñecido indio, compoñente fundamental das pantallas dos dispositivos móbiles— pode condicionar o desenvolvemento tecnolóxico futuro —aínda que convén non se pasar de malthusiano nestes xuízos—. A presenza destes materiais nun ou noutro país afecta á xeopolítica e ten a súa orixe en eventos xeolóxicos ocorridos hai millóns de anos.

E que dicir do petróleo, aínda o condicionante principal da política internacional arestora, tanto polos países que o producen —a consecuencia do ocorrido tamén hai ducias de millóns de anos— como pola especial configuración xeográfica da zona: levamos décadas agardando a que estoupen os conflitos nos estreitos de Ormuz e Bab El Mandeb, angostos carrís polos que circula unha porcentaxe asombrosa do ouro negro que move a nosa civilización e configurados pola deriva continental tras a rutura de Panxea.

Non sobran ferramentas para entender un mundo cada vez máis complexo. A tendencia á simplificación é cada vez máis perigosa no eido intelectual e se queremos comprender o que sucede e nos afecta precisamos coñecemento e pensamento orixinal, entre outras ideas. Isto aporta Lewis Dartnell nunha obra fonda e amena.