miércoles. 19.02.2020 |
El tiempo
miércoles. 19.02.2020
El tiempo

A vida cotiá

CANDO UN trata con rapaces no día a día un dos asuntos nos que máis ten que insistir, máis como está o panorama, é na igualdade. Na Galiza temos unha ferramenta sinxela para isto e non é outra ca nosa propia historia como pobo

Atopar unha familia do rural sen inmigración é máis ou menos como atopar un unicornio. Agás os descendentes de señoritos, os demais vimos de onde vimos. O meu avó, agora un velliño de 91 anos cunha saúde moi feble, naceu en Castelo de Cais —non, non acepto o normativo nisto—, concello de Cervantes, e nunha aldea dese tipo pódese dicir que só había dous tipos de persoas: as pobres e as moi pobres. O que pasou despois dá para varias novelas de éxito. Non se debe esquecer ese pasado para mellorar o noso presente.

Os detalles daquela Galiza que xa apenas existe son fundamentais e, para afondar neles, temos no mercado un libro excepcional. Trátase de Servir era o pan do demo, editado por Galaxia e escrito por Xavier Castro, catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago. A proposta é tan sinxela como ampla: relatar a historia da vida cotiá do país dacabalo dos séculos XIX e XX.

Moitos son os acertos do profesor Castro, tantos en realidade que podo prometer que non collen nesta páxina. O primeiro, dende logo, é afastarse do académico e achegarse á divulgación. Aínda que xa nas primeiras páxinas atopamos unha lista de fontes de arquivo que nos guían por centos de notas ao pé, estas nunca abafan a lectura. De feito, as notas resultan imprescindíbeis para a comprensión de certas referencias, xa que o autor abre o abano da erudición e utiliza obras relativamente descoñecidas —a novela Estebo—, textos de rexións próximas como Asturias ou páxinas de Unamuno, Galdós e Cela con temática allea a Galiza, pero que si expoñen situacións de interese.

As verbas dos entrevistados dan vida ao relatado e achegan unha grande axilidade

O segundo é o uso da entrevista como fonte fundamental do libro de historia. Dende o punto de vista do investigador é importante, xa que avala ou refuta o dito polos documentos, pero éo moito máis para o lector, xa que as verbas dos entrevistados dan vida ao relatado e achegan unha grande axilidade. No mundo español non é unha metodoloxía que se traballe demasiado, pero os seus grandes froitos no mundo anglosaxón —pénsese en Terkel ou Robert Caro— amosan o que se pode tirar de tal estratexia.

O último acerto e o máis definitivo é o que atinxe á capacidade descritiva e crítica do autor. As realidades contadas son moi duras. Como dicía a canción de Fuxan os Ventos, "xa poden os leiros dar colleitas ben abondosas […] que nunca nos van pagar a nosa fame doutrora (sic)". A fame, a pobreza, o desleixo, a morte prematura, o machismo… todo isto marcaba a vida cotiá en calquera eido: alimentación e vestido, educación e matrimonio, sexo e traballo.

E non foi cousa das poucas décadas que abrangue o estudo. Como ben declara Eric Hobsbawm ao comezo da súa historia do século XIX, a vida dun labrego europeo do 1850 parecíase máis á dun de 1500 cá dun do 1950. Os séculos de pan do demo modelaron o carácter dos habitantes do país e deixaron unha pegada que aínda se pode percibir. Grazas a libros coma este e historiadores como Xavier Castro podemos seguir esa pegada e tirar valiosas leccións do pasado para o noso presente.

A vida cotiá
Comentarios