lunes. 24.01.2022 |
El tiempo
lunes. 24.01.2022
El tiempo

O agasallo definitivo

Stefan Zweig. EP
Stefan Zweig. EP

NOS ÚLTIMOS anos lévase discutido moito sobre a duración dos dereitos de propiedade dos escritores. Estamos a falar de 65 anos, algo que supoño será satisfactorio para os netos e bisnetos dos autores pero que resulta bastante frustrante para moitos lectores, sobre todo cando os depositarios do legado se amosan neglixentes con el —como ocorreu durante moito tempo con Valle Inclán, que só nos últimos tempos comeza a ter as edicións críticas e anotadas que merecía—.

Agora non hai volta atrás e Acantilado decidiu "despedirse" dun dos seus autores fetiche cun dos seus xa clásicos paquetes de Nadal, neste caso un que recolle as biografías escritas por Zweig, que ata estes intres se editaban por separado, nalgúns casos cun notábel éxito de vendas.

Poderiamos acusar a Acantilado de certo oportunismo... e sería equivocado. Está claro que zugan as derradeiras pingas deses dereitos, pero non é menos certo que a popularidade de Stefan Zweig en España está estreitamente relacionada co esforzo e agarimo que a editorial dedicou durante décadas ás súas obras. De feito, é probábel que comece a haber máis edicións no mercado, pero non está nada claro que iso mellore a reputación do autor.

Zweig é un caso particular. Para os coñecedores das marabillas da Viena anterior á Grande Guerra, nunca se atopou entre os mellores escritores: con Schnitzler, Hofmannsthal, Musil, Kraus ou ata Freud —poderiamos ampliar a lista e moito— o listón estaba moi alto. Porén, o seu papel como intelectual gañou unha enorme relevancia co paso do tempo, alimentado pola tráxica peripecia que o levou a un precipitado suicidio en Brasil, cando creu que era imposíbel que os aliados derrotasen a barbarie nazi.

As Biografías érguense na miña opinión como as mellores obras de Zweig, mesmo por riba da súa narrativa curta

A carón de O mundo de onte e algunhas outras pezas históricas, as Biografías érguense na miña opinión como as mellores obras de Zweig, mesmo por riba da súa narrativa curta. Son unha grande mostra da súa versatilidade: o relato de viaxes na dedicada a Fernando Magallanes; a crítica literaria na de Balzac; a profundidade da análise política e psicolóxica na de Fouché; a innegábel influencia do dramático, en particular de Schiller e Büchner, no libro dedicado a María Estuardo.

Son estas algunhas das mellores mostras do ensaio literario en calquera lingua europea. O lector non se atopa con obras académicas, cheas de notas ou referencias eruditas. Existe unha investigación, sen lugar a dúbidas, xa que Zweig era un autor de grande rigor, pero queda agochada detrás da capacidade do narrador para presentar tanto ao personaxe como a quen o rodea, coas súas circunstancias, dúbidas e motivacións. Todo nun estilo fluído que non renuncia á vocación artística e no que podemos escoitar os ecos das conversas naqueles míticos cafés vieneses.

Xa que estamos en datas especiais, podemos considerar este coma un agasallo definitivo, non só polo talento literario senón por unha edición coidada, marca de Acantilado, cos seus cadernos crema e o seu punto de lectura vermello, un privilexio case que poderiamos dicir aristocrático do que Stefan Zweig, a conciencia dun tempo que xa pasou, probabelmente desfrutará en menor medida unha vez que a cantidade substitúa á calidade nas súas edicións.

O agasallo definitivo
Comentarios