sábado. 27.11.2021 |
El tiempo
sábado. 27.11.2021
El tiempo

Algún poema perigoso

UN DÍA no que non tiña un libro que criticar cheguei á libraría e agarrei unha historia de Hispanoamérica de Héctor Pérez Brignoli. Non podía saber que aquel xesto, e a crítica que vostedes leron días despois, ían cambiarme a vida
Heberto Padilla

UNHAS SEMANAS despois tiven que redactar un tema sobre poesía hispanoamericana na oposición de Educación. Brignoli deume a columna vertebral do mesmo: a lírica do século XX nese continente é a suma de discursos alternativos levados a cabo polos outsiders dunhas sociedades en permanente conflito: as mulleres, os mestizos, os indios, os negros, os comunistas...

Un dos episodios máis tristemente coñecidos desta historia de discursos disidentes é o de Heberto Padilla, cuxo ‘Fuera del juego y otros poemas’ edita agora Cátedra en España para rematar cun esquecemento inxusto. Padilla —graficamente coñecido por ser o home de lentes que aparece cun purazo na man a carón de Roque Dalton na foto máis famosa deste— foi un poeta cubano, da primeira onda da Revolución. De feito, foi un dos que dirixiu a caza cultural contra Lezama Lima.

Mais axiña o lobo ao que estaba a dar de comer volveuse contra el. Foi cando publicou o libro que centra esta obra, ‘Fuera del juego’. Nel mantiña trazos esenciais da súa poesía como a linguaxe conversacional e as referencias librescas... mais abandonaba o poema longo e a temática combativa para escoller unhas formas máis próximas, en moitas ocasións, ao epigrama e uns temas moito máis persoais, centrados nos perigos que ten para un poeta quedar ‘fóra de xogo’, desafiar un sistema represor e erguer a súa voz.

Mario Vargas Llosa, que promoveron un manifesto pola súa liberación. Outros moitos, entre eles nomeadamente García Márquez, negáronse a asinar e instrumentalizar o caso Padilla para demonizar a Revolución

O resultado foi un terremoto para a vida de Padilla e para o sistema literario de toda a América de fala española. O castrismo obrigouno a se humillar publicamente e renegar das súas opinións. A pesares deste acto, tivo que marchar da illa, a un exilio centrado en Estados Unidos no que nunca se sentiu feliz e que prexudicou a súa saúde e, por suposto, a súa arte. Na súa defensa saíron moitos escritores, encabezados polo daquela comunista —na vía de saída— Mario Vargas Llosa, que promoveron un manifesto pola súa liberación. Outros moitos, entre eles nomeadamente García Márquez, negáronse a asinar e instrumentalizar o caso Padilla para demonizar a Revolución. O campo literario continental quedou partido en dous para sempre —ou, polo menos, ata a caída da URSS e a conversión de Cuba nun estado non aliñado cunha potencia mundial—.

E así Heberto Padilla converteuse nun símbolo case sen querelo. Loxicamente chegou a estar esgotado de ser un "caso" e non un poeta. Era e é unha situación dobremente inxusta porque, aínda que non sexa un lírico prolífico, só ‘Fuera del juego’ xustifica unha fama permanente. Trátase dun poemario no que a lingua coloquial acada altura poética, fortemente influído por outros poetas populares ou comunistas (Ritsos, Drummond de Andrade)...

E con mensaxe, sobre todo con mensaxe. Hai unha voz poética á marxe, consciente dos perigos que vai ter que afrontar o autor empírico. Transmite a dor e a angustia e tamén a necesidade de se revolver contra a inxustiza. Nas súas mensaxes máis breves, máis directas, un non pode evitar lembrar as dores dunha Ajmatova ou un Mandelstam baixo a mesma férula do comunismo, no seu caso soviético. Porque, como di o autor, un nunca pode esquecer que en calquera época ou lugar no que o poeta faga ou sufra a Historia, sempre estará á espreita un poema perigoso. Un poema que pode custar unha vida, engadimos nós.

Algún poema perigoso
Comentarios