As escenas de Blake

William Blake. EP
William Blake. EP

ANO 1999. Un adolescente merca cos seus escasos aforros o último cedé dun dos seus grupos favoritos. Nunha das pistas, El camino del exceso, Enrique Bunbury, cantante de Héroes del Silencio, no medio dos seus aturuxos e engolamentos, espeta un "Si estás dispuesto a afrontar / la escena no es de William Blake". E o adolescente lembra ter lido nalgún lugar o nome dese poeta, pero non é quen de atopar, na época preinternet, nin un só libro na montaña que lle explique que demo é unha escena de William Blake.

Andando o tempo o adolescente fíxose crítico e leu a Keats, Byron ou Coleridge como principais románticos ingleses, pero tardou en se enfrontar a un Blake estraño, transcendente, lonxe das delicadezas do saudade ou o reiseñor de Keats, do Don Juan de Byron ou do vello mariñeiro ou o Kubla Khan de Coleridge... Todos temos as nosas débedas. A miña co máis influínte lírico deses tempos na lingua inglesa saldouse nas últimas semanas con Ver un mundo en un grano de arena, edición da poesía escollida de William Blake editada en bilingüe e traducida polo especialista e poeta Jordi Doce na colección Atentado Celeste, de Visor. Nesta colección, que conta ata o momento con só sete volumes, estanse a tirar do prelo volumes moi valiosos.

William Blake leva a ser un marxinal dende o mesmo século XVIII, tal como destaca o estudo previo que levou a cabo o mesmo Jordi Doce. Fillo dun comerciante, oficio vilán naqueles tempos previos ao estoupido da Revolución Industrial, en 1772 tomou o oficio de gravador, que sería determinante para a súa lírica, pois en libros coma ‘Cantos de inocencia e experiencia’ decorou os versos con impresións —algunhas delas recollidas no volume, mais sen ofrecer máis que un pálido reflexo do que debeu ser o orixinal—.

Supoñemos que as escenas de William Blake ás que se refería Bunbury na devandita canción son as dos locus amoenus que marcan os seus primeiros libros, cheas de paz e simbolismos relacionados co cristianismo, mais cun toque sempre desacougante, no que o lector está sempre a agardar que se rache coa inocencia.

Agora ben, coñecendo o cantante zaragozano e o seu grupo, é posíbel que esas escenas sexan as da poesía visionaria, a que acadou máis sona dentro da produción do noso autor. Os seus libros proféticos, entre os que se inclúe aquí completo O matrimonio do Ceo e do Inferno —e mostras soltas e senlleiras doutros libros— beben dunha combinación de influencias que vai dende a Cábala ata místicos da época como Emmanuel Swedenborg e amosan un mundo esotérico cunha mitoloxía propia na que o lector debe mergullarse se desexa gozar dunha experiencia lírica diferente.

A diferenza atópase con Blake en que esa mitoloxía non é un cascallo baleiro. Pai ou avó da Poesía do Coñecemento, desenvolvida no século XX español por autores como José Ángel Valente, Blake usa a súa lírica como un desafío á moral corrente e unha denuncia do negativo das ideas mecanicistas que estaban a agromar grazas á investigación científica e aos progresos do industrialismo naqueles tempos. A súa chamada á imaxinación e ás enerxías básicas que compoñen o espírito humano, expresada nun verso de tendencia curta e sentenciosa, como pode apreciarse nos orixinais situados nas páxinas pares, exalta os nosos mellores valores e lémbranos aos que somos materialistas que existe en nós un lado agochado que endexamais debemos esquecer.

Comentarios