Opinión

Asuntos nacionales

HAI LUSTROS que un tema aparece unha e outra vez no debate político español: pode unha persoa cun compromiso de esquerdas ser nacionalista? Por suposto, esta cuestión só se aplica a aqueles que se atopan nas ringleiras dos nacionalismos galego, vasco e catalán, xa que de todos é sabido que o nacionalismo español non existe a efectos de tal discusión.

Quizais non existise persoa máis preparada no mundo para responder tal cuestión ca Eric Hobsbawm, o moi famoso historiador británico de orixe xudía e centroeuropea e autor de dous libros seminais sobre os séculos XIX e XX, fortemente marcados ámbolos dous por este fenómeno político e intelectual. Non o fixo directamente en ningunha obra, mais si nunha morea de conferencias e artigos que agora a editorial Crítica compila en Sobre o nacionalismo. 

Hobsbawm naceu en Alexandría, medrou en Viena e Berlín durante o crecemento do antisemitismo dos herdeiros de Karl Lueger e do nazismo, mudouse a Londres para evitar as cámaras de gas, converteuse na bandeira da historiografía marxista en Inglaterra, pasou a ser unha estrela da Historia e, por se faltaba algo, como conta nun dos artigos da escolma, tivo unha empregada de fogar galega en Nova York.

 Con todo isto é lóxico que, en termos básicos, a resposta que el dá á pregunta que formulabamos ao comezo sexa "non". O contrario sería unha contradición en esencia: nin un cosmopolita nin un marxista, por diferentes razóns, poden dar demasiado valor a un sentimento nacional exclusivista. Isto podería levar á exclusión do asunto do debate... pero xusto isto é o que Hobsbawm non podía permitir: como historiador considerou con profundidade os movementos nacionalistas e coidouse de non condenalos a pesares de opoñerse a eles.

Onde non dubida Hobsbawm é na crítica de certos tipos de nacionalismo.

A solución atópase nun punto familiar para moitos membros das sociedades nas que hai movementos nacionalistas minoritarios, caso de Galicia: malia que se desconfíe do nacionalismo hai que recoñecer a súa forza e aproveitala para traer unha sociedade mellor e máis igualitaria. Isto, ademais, coincide coa reinterpretación que se fixo do nacionalismo dentro de certas correntes do marxismo a raíz do desenvolvemento conxunto de ámbolos dous movementos nos contextos postcoloniais.

Onde non dubida Hobsbawm é na crítica de certos tipos de nacionalismo. En primeiro lugar, obviamente, o de raíz étnica, que tan catastróficos resultados tivo no século XX; en segundo, no derivado do desenvolvemento da economía capitalista e a sociedade de mercado, que despois de destruír os nexos comunitarios e certas estruturas sociais solidarias -mesmo dentro dunhas economías de subsistencia que para nada garantían o benestar, encheu o baleiro coa nación, un elemento de forte valor simbólico que ademais se arrebolou contra a alternativa máis igualitaria, a dos movementos obreiros de principios do século XX.

Tampouco falla o sitio para a análise lingüística e cultural, ás veces un chisco imprecisa, como ocorre precisamente no caso da Galiza, cando o autor afirma sen moito tino un xeneralizado bilingüismo galego/castelán nas clases baixas emigradas a América durante os anos 50. É un pecado que se pode perdoar sempre que pensemos que a ausencia de traballo de campo ou bibliografía rigorosa en certos asuntos queda compensada pola fondura da análise e o amplísimo lenzo sobre o que pinta o historiador, que vai dende Xapón á franxa celta pasando por Estados Unidos ou Suráfrica, aínda que case que sempre cun ollo no Reino Unido, país ao que se refiren os artigos máis prescindíbeis ou difíciles de comprender para aquel lector a quen non interesen figuras coma Lloyd George ou movementos coma os dos mineiros de Gales ou os traballadores industriais de Escocia.

Comentarios