El tiempo
viernes. 27.01.2023
El tiempo

Biografía da distopía

George Orwell. EP
George Orwell. EP

NA DÉCADA dos 50 do século XX o termo Big Brother, presente en 1984, a grande novela de George Orwell, e traducido en galego como Gran Irmán —aínda que unha tradución máis precisa sería Irmán Maior, dado o contexto—, usouse politicamente en Inglaterra para definir á esquerda e á dereita, ao presidente estadounidense Eisenhower e ao lider chinés Mao, ao sultanato de Omán e aos líderes sindicais mineiros. Tan descontextualizado quedou que, pasados os anos, un deputado de a pé nin se ofendeu cando outro o insultou co personaxe orwelliano: pensou que era un termo agarimoso.Ocorre con moitos grandes libros —non con todos, por sorte—: para citalos non hai que telos lido, nin sequera coñecer ao autor.

A moitos políticos de todo signo que teñen a palabra distopía na boca con frecuencia prestaríalles sen dúbida o último libro do xornalista estadounidense Dorian Lynskey, El ministerio de la verdad, que se presenta como unha biografía de 1984, a novela senlleira de George Orwell. Publica a sempre rebelde Capitán Swing.


Lynskey xa pasou hai anos por estas páxinas como bo especialista na cultura popular que é, máis en concreto no terreo da canción protesta e a música pop. Aquí o seu rexistro é moi distinto, semellante ao que utilizou Kevin Birmingham na súa magnífica biografía do Ulises de Joyce. Sae ben librado, cun libro breve e contundente, de narración fluída e cunha documentación ampla e seria pero que non amola ao lector.


A biografía de 1984, e por extensión a de George Orwell, son arestora un acto de xustiza histórica. Pódese afirmar que moi poucos autores e moi poucas obras sufriron unha meirande manipulación do século XX. A novela —o mesmo que Granxa de animais, a parábola sobre as purgas estalinistas— quedou no imaxinario de moitos coma o posíbel resultado final do comunismo que ameazaba con asolagar Europa e Estados Unidos nos anos 50 e, polo tanto, Orwell convertido nun activista de dereitas, modelo daqueles que foron de esquerdas na mocidade e acadaron a sensatez na madurez.

É ata certo punto normal que isto ocorra, en parte por unha razón fisiolóxica: Orwell só sobreviviu á súa magna obra pouco máis de douscentos días, polo que non tivo ocasión de se explicar ou defender nin de publicar outras obras que tivesen creado unha liña de pensamento máis evidente. Lynskey toma aquí o papel de avogado defensor para lembrar tres asuntos fundamentais: en primeiro lugar, por moi enfermo que Orwell estivese, 1984 non é a obra dun pesimista moribundo; en segundo lugar, Orwell nunca deixou de ser socialista e os seus dardos sempre estiveron dirixidos contra o comunismo soviético, que el consideraba unha perversión das súas ideas; por último, 1984 non é nin nunca foi unha profecía senón unha parábola, unha novela que pretendía transmitir unha idea, non prognosticar un futuro.


Pasa Lynskey sen deterse moito por outras cuestións, nomeadamente unha: 1984 non é unha boa novela. Padece o que se pode denominar Síndrome de Tolkien: namora aos adolescentes e é estilisticamente mediocre para os adultos. Porén, como demostra o autor, o seu valor está á altura do moito que a usaron intelectuais e políticos nestas décadas: explica un lado escuro da nosa sociedade e de nós mesmos e define moitos fenómenos actuais na mesma liña na que o fixeron outros escritores menos afortunados como H.G. Wells ou Eugueni Zamiatin.

Biografía da distopía
Comentarios