O clásico recuperado

Un xudeo ortodoxo camiña por Xerusalén. AEP
Un xudeo ortodoxo camiña por Xerusalén. AEP

QUE PASABA no mundo en 1887? Así, de memoria, supoño que nin eu nin vostedes o sabemos. Non é un deses anos que pasaron á Historia da humanidade. En España promulgouse unha Lei de Asociacións e comezou a nacer o Modernismo arquitectónico da man da Art Nouveau. Polo mundo adiante Zamenhof inventou o esperanto e Hertz descubriu as ondas electromagnéticas, por exemplo. E, no medio de todo isto, un escritor mexicano, Gómez del Palacio, publicou a que ata estes días era a última tradución poética e completa ao español da Xerusalén liberada de Torquato Tasso.

A Gerusalemme era, na nosa opinión, o derradeiro clásico esquecido na tradución española e a editorial Acantilado e José María Micó enchen este oco imprescindíbel. Os tradutores non reciben en moitas ocasións a atención que merecen, así que déixenme determe na figura de Micó por uns intres: editor anos hai do Guzmán de Alfarache, filólogo e mestre de filólogos, nos últimos anos dedicouse con especial esforzo a traer á lingua española os grandes clásicos italianos —obras dunhas dimensións descomunais e cuns retos lingüísticos de dificultade asombrosa—. Gañou o Premio Nacional coa súa tradución do Orlando furioso en 2005, mereceuno coa súa ‘Comedia’ e debería recuncar dentro duns meses coa Gerusalemme.

Por que se esqueceu tan magna obra en España? Un verdadeiro misterio. Dende logo, non foi por descoñecemento. Torquato Tasso, o seu autor, goza de sona ininterrompida dende o século XVI e no XIX e comezos do XX recibiu especial atención polas súas circunstancias, dramáticas ata o punto de que Goethe o que converteu nun dos seus mellores personaxes. Fillo de Bernardo Tasso, amigo de Garcilaso e magnífico poeta el mesmo, gozou da protección da familia D’Este ata que en 1575 comezou a manifestar signos dunha grave enfermidade mental: obsesión relixiosa, autoinculpación perante a Inquisición, violentas crises de carraxe, encerros e fugas e, finalmente, reclusión ata unha mellora que só chegou despois de moitos anos.

Tampouco, dende logo, ocorreu porque a súa obra mestra, esta Xerusalén liberada que agora temos entre mans, fose obra mediocre. Poeticamente, ocupa as máis altas cotas da lírica italiana —algo que souberon ver xa autores da época coma Montaigne ou Milton—; narrativamente, amosa unha cohesión da que carece mesmo a Comedia dantesca, cun fío que resulta sinxelo de seguir mesmo para o lector que non está familiarizado coa épica da Idade Moderna; tematicamente, aborda dende unha perspectiva nada heterodoxa os episodios da Primeira Cruzada e os intentos cristiáns de conquistar –—e manter, en van— Xerusalén, cidade ocupada polas tropas árabes de relixión musulmá. E xa sabemos que en España isto das cruzadas tivo a súa sona tempo atrás.

No fondo, dá o mesmo. Por que se esqueceu a Tasso? Por que se esqueceu a Xerusalén liberada? O importante é que volvemos a tela canda nós. Está con nós con eses personaxes illados, que foxen da comicidade de Ariosto ou do absurdo fantástico da Canción de Roldán, conducidos por un destino funesto que os leva á morte e á derrota. Está con nós con esas paisaxes do ermo, sempre suxestivas, que lembran a guerreiros e doncelas perdidos que son fráxiles e poderosos. Está con nós, en fin, co estilo petrarquista, influído tamén polos clásicos e por Dante, cun ton elevado pero non inchado no que a trama narrativa só se interrompe cando flúe unha poesía de grande forza que toca os xéneros da traxedia, a oda ou a elexía. Está con nós, en fin, para quedar durante outros cen anos con aquel que ouse mergullarse nela.

Comentarios