El tiempo
viernes. 12.08.2022
El tiempo

Cultura e clase obreira 60-20

A SOCIOLOXÍA da cultura é un asunto complexo. Sempre o foi e éo máis na posmodernidade líquida, nuns intres nos que categorías de pensamento coma clase, verdade, liberdade ou centralidade están en permanente cuestionamento, cando non se perverten abertamente.

Quen isto escribe pertence, como saberán os lectores máis veteranos, ao que se chamaría a clase media-baixa: media no económico, co apoio do estado de benestar desenvolvido en España nos 80 e os 90, e baixa no cultural... aínda que cun elemento de capital importancia: a conciencia por parte dos meus devanceiros de que o estudo era importante para prosperar tanto no monetario coma nos terreos do pensamento. Dito doutro xeito, nin os meus pais nin os meus avós se conformaron endexamais con permanecer nun estado de ignorancia.

Revivín a miña experiencia e reflexionei sobre ela ao ler Los usos del alfabetismo de Richard Hoggart, todo un clásico inglés sobre as relacións entre clase obreira, cultura e sociedade de masas. Traducido por Capitán Swing, eu fixera unha lectura parcial en inglés tempo atrás coa seguridade de que xa non se chegaría a traducir. Felicítome pola equivocación.

Hoggart, en realidade, non era un sociólogo, senón un filólogo; polo que a súa obra resulta especialmente acaída para os críticos literarios e culturais da nosa época. Pai dos Estudos Culturais no norte de Inglaterra e testemuña no famoso xuízo pola censura de O amante de Lady Chatterley de D.H. Lawrence polas súas escenas eróticas, na primeira parte do libro conta como foi quen de chegar ao máis alto da academia dende unha modesta orixe obreira en Leeds, na zona das minas de carbón que impulsaron a industria inglesa durante décadas.

Grazas a esta modesta orixe a primeira parte, a máis famosa, latexa de vida. Temos o raro exemplo do intelectual saído do máis fondo do proletariado, que a xulga con dureza e sen paternalismo, pero con comprensión. O escalpelo de Hoggart penetra todas as capas da vida social inglesa da posguerra: das vivendas aos cartos, das vacacións á cervexa, da lectura ás apostas nos cabalos ou a asistencia aos partidos de fútbol.

Mais dende a perspectiva intelectual destes tempos quizais sexa máis interesante e polémica a segunda parte. E é que nela Hoggart asume unha distinción que arestora non é tendencia nos Estudos Culturais: a que separa a baixa e a alta cultura. E cos produtos da baixa cultura non ten piedade algunha: as novelas cuxos argumentos, personaxes e estilos se repiten unha e outra vez (como ocorre agora en non poucas ocasións coa novela negra ou a LIX), as cancións populares de rimas mediocres e temas absurdos. O diagnóstico é contundente: o poder precisa un arte de entretemento, «divertido», para manter á clase obreira nun estado de control do que ao mellor a sacaría unha mellor educación e a cultura dos grandes libros.

Coñecemos como cultura dos grandes libros un movemento que agromou nos 30 e os 40 no mundo anglosaxón que trataba de aumentar a circulación dos grandes clásicos, moito máis alá do mundo das exclusivas universidades da Costa Leste dos Estados Unidos, Oxford e Cambridge. Tivo os seus éxitos e os seus fracasos; mais o certo é que, sen chegar aos extremos, Hoggart bebe de fontes similares e chega a conclusións parecidas: a cultura está nos clásicos, a liberdade está tamén neses clásicos... e ninguén precisa liberarse máis que aquel que sofre a opresión económica, social e cultural dos poderosos. En resumo, nos 60 e nos 20, o uso da cultura é acadar a sempre difícil liberdade intelectual.

Cultura e clase obreira 60-20
Comentarios