E ti, que vas facer?

Protesta contra la masacre en Gaza. AEP
Protesta contra la masacre en Gaza. AEP

HAI UNS días saltoume nas redes sociais un vídeo partillado polo meu mestre e profesor, Antón Bao, figura chave para entender o desenvolvemento da lingua e a literatura galegas nos Ancares dende os 90. Situase nun futuro distópico e en distintos países, nos que pais, nais e fillos visitan distintos lugares ou ven distintos elementos que conmemoran aos palestinos mortos polo xenocidio que se leva a cabo dende outubro de 2023. Cada pequena peza remata do mesmo xeito: cos pícaros a preguntarlle aos pais que facían eles cando aquilo estaba a ocorrer e por que non o impediron.

A desacougante fin dos vídeos fixo que eu tamén estivese a facer esa pregunta cando caeu nas miñas mans a Brevísima historia do conflito entre Israel e Palestina de Ilan Pappé. Figura na portada a xa famosa sandía coa que os defensores da causa palestina están a evitar con enxeño as represalias polas súas reivindicacións que teñen lugar nalgúns países, publica a editorial Galaxia e traduce Carlos Aymerich, profesor de Dereito, pero máis coñecido na vida pública galega pola súa condición de antigo voceiro parlamentario.

Pappé é arestora, con toda probabilidade, o máis popular historiador deste conflito en Occidente, o que non significa que sexa o mellor, como agora analizaremos. A súa sona débese a unha particular condición: xunto a Norman Finkelstein é unha das escasas voces israelís –ou xudías, xa que Finkelstein naceu xa nos Estados Unidos– que ergueron xa hai décadas a súa voz contra o comportamento do estado de Israel. De feito, a súa obra máis coñecida e polémica, foi a que en 2007 cualificou por vez primeira a nakba, a expulsión dos palestinos das súas terras en 1948, como unha limpeza étnica, termo que a maioría dos historiadores están lonxe de partillar. 

É comprensíbel que, ao se tratar dunha historia brevísima –moi distinta da que presenta, por exemplo, Ian Black, de quen falamos nestas mesmas páxinas hai uns meses–, haxa pouco volume de información no libro de Pappé. Ocorre que o autor inclúe en omisións que poderiamos cualificar, sen moitas dúbidas, de mala praxe historiográfica. A máis notábel é esquecer que en 1948, coa Shoah moi viva na memoria colectiva, as nacións árabes non só non aceptaron a partición —por inxusta que fose, na opinión do autor—, senón que declararon que ían arroxar todos os xudeus ao mar. Quizais non foi a declaración máis afortunada para gañar o apoio de quen xa se sentía en débeda con Israel. E poderían citarse algúns casos máis.

Ocorre que discutir a verdade historiográfica, nestes intres, semella un argumento bizantino. Ao mellor vostedes están moi de acordo con Pappé e eu non, pero o importante deste texto arestora é a súa condición de manifesto: o conflito entre Israel e Palestina derivou nunha desproporcionada resposta de Israel –só brevemente comentada polo autor, como é lóxico– quen, como pouco, está a cometer crimes contra a humanidade na pel dos palestinos –especialmente, os nenos– e, moi probabelmente, está a levar a cabo un xenocidio aínda que non pretenda rematar con toda a poboación árabe da zona. A maiores, está a piques de causar unha guerra a gran escala despois de atacar Irán. E perante isto ata a un crítico literario alguén lle preguntará, dentro duns anos, que estaba a facer e por que non ergueu a súa voz. Ben, non a este crítico literario. Quizais, a vostedes, tampouco.

Comentarios