Entre nós
O racismo é unha realidade presente de xeito continuo entre nós. Entendo que isto é unha afirmación polémica e que algúns lectores volverán a páxina axiña, ofendidos polo presunto insulto. Serán os de "Eu? Racista eu? Pero se teño un amigo que...". Outros quedarán, quizais, porque son eses que saíron da cova e xa admiten sen complexo o seu racismo, quizais sen comprender de todo o que iso significa. Porque o que está a pasar cos latinos nos Estados Unidos despois da elección de Donald Trump non pode pasar aquí, verdade que non? Isto é Europa, aquí non existen eses problemas. Claro que, ao mellor, esas persoas están de acordo, por exemplo, en que a autoridade entre no meu instituto, deteña e despois deporte a algúns dos meus alumnos e alumnas —cambien o meu centro de traballo polo seu e comprobarán o impacto persoal do asunto—.
Publicar un libro sobre Racismos —pois ese é o título da obra que traemos a estas páxinas esta semana, cun significativo plural— é un sinal de afouteza nestes intres. O ensaio escribiuno Francisco Bethencourt, historiador portugués de longa traxectoria académica no mundo anglosaxón —polo que o orixinal está en lingua inglesa— e publícao Arpa, un selo editorial que nos últimos anos se caracterizou por traer algunhas das melloras obras de non ficción do panorama internacional ao español, nomeadamente as de Vaclav Smil.
Aínda que podería remontarse moito no tempo —o racismo na cultura europea nace coa mesma historia, pensemos por acaso nas visións que Tucídides deu dos persas ou nas que César amosou dos pobos da Galia—, Bethencourt escolle comezar pola Idade Media e chega ata o século XX. Tanto pola xa mencionada procedencia do autor como por seres un caso de estudo evidente, o protagonismo de España e Portugal durante a metade do libro é previsíbel. Primeiro ráchase en boa medida coa idea da convivencia de razas e relixións en España e despois analízase a configuración racial que resultou da chegada dos pobos peninsulares a América, con especial mención aos fenómenos de mestizaxe. En todos os escenarios amosa Bethencourt un grande rigor científico, tanto na análise e selección das fontes directas como na interpretación das mesmas, sempre afastada do chauvinismo e o paternalismo que ata hai ben pouco marcaron o discurso historiográfico europeo sobre a cuestión.
Máis ou menos no ecuador da obra o argumento diríxese cara dúas cuestións diferentes: en primeiro lugar, o abolicionismo, asunto que tivo un excelente tratamento hai pouco no mercado español por parte de Fradera, de quen falamos nestas mesmas páxinas; en segundo lugar, as teorías da raza a partir de Darwin. Velaquí a un tempo o asunto máis familiar para o lector galego e aquel que hai que lembrar con máis insistencia.
A enorme bibliografía existente sobre a segregación racial nos Estados Unidos e, sobre todo, sobre o exterminio dos xudeus por parte da Alemaña nazi fai que estas teorías non sexan alleas para o lector cultivado, dende logo. Porén, dada a situación social en todo o mundo e a evolución que marcan as enquisas, quizais sexa especialmente interesante lembrar que os xenocidios nunca comezaron directamente cos asasinatos —como deixa ben claro o autor— senón con ideas que levaban de seu a deshumanización daqueles que ocupaban un territorio antes de que chegasen os brancos ou daqueloutros que, simplemente, eran diferentes. Coma sempre, non podemos máis que recomendar a lectura, neste caso dunha obra mestra sobre os racismos, como antídoto, polo menos parcial, contra a discriminación e, neste caso, a pura maldade que entra día a día nas nosas casas a través da televisión ou os dispositivos móbiles.