Experimentos

Solvej Ball
Solvej Ball
ESTAMOS a entrar no segundo cuarto do século XXI o que en canto a literatura nos sitúa, polo menos en España, en situación comprometida: onde estamos se nos comparamos co estoupido dos primeiros 25 anos do século XX?

Moito me temo que non demasiado ben: a literatura comercial devorou boa parte da creatividade das autoras e autores. Porén, aínda hai flotadores aos que se agarrar no medio da tempestade, literatura que se afasta dos temas e técnicas máis utilizados para explorar novos horizontes.

É o caso de El volumen del tiempo I da autora dinamarquesa Solvej Balle, que trae agora ás librarías españolas Anagrama, selo clásico e cada día máis importante para que os lectores en español poidamos gozar das novidades en idiomas estranxeiros e, por veces, totalmente alleos aos nosos. Balle non é unha autora de longa traxectoria e levaba tempo lonxe da novela, pero con este libro comeza o que disque vai ser unha longa xeira de novelas —baixo o título Sobre o cálculo do volume, que non sabemos por que se transformou por un máis obvio en castelán, con cinco obras publicadas en Dinamarca e dúas xa traducidas ao inglés—.

A proposta temática de Balle será familiar aos cinéfilos, pois en esencia desenvolve e amplifica o motivo da famosa Atrapado no tempo, aquela película na que o personaxe interpretado por Bill Murray esperta cada mañá no mesmo día, no seu caso o Día da Marmota, cando se anuncia en Estados Unidos canto tempo máis queda de inverno. Tara Selter é unha libreira especializada en volumes ilustrados do século XVIII. Un 17 de novembro viaxa a Burdeos mercar uns libros e de regreso detense en París, onde vai pasar os dous seguintes días. O 18 vai de librarías, merca un sestercio romano e quéimase cunha estufa. E ao día seguinte... érguese no 18. E ao seguinte, e ao outro...

Cunha estrutura de parágrafos curtos, unha narración dende dentro do relato e unha estrutura que lembra aos diarios, El volumen del tiempo I é unha lectura que presenta varias capas. Na máis superficial é salientábel o desacougo que provoca no lector contemplar esa historia que non semella ter fin e comprobar que outras persoas ou os obxectos semellan estar atrapados no mesmo bucle temporal sen poder fuxir del.

Mais o que converte a obra, nestes intres, en tendencia na literatura universal —con críticas magníficas en Alemaña ou Estados Unidos— é a segunda capa de lectura, na que o elemento da ciencia ficción deixa paso a unha reflexión sobre quen somos como persoas e como nos relacionamos co decorrer do tempo e a existencia. A maior parte das persoas non pasamos a vida a reflexionar sobre as categorías do tempo e espazo, aínda que vivamos nesas dimensións, pois non somos discípulos de Kant. 

Porén, da man de Balle e a súa literatura si podemos pensar nelas e tamén nunha derivada das mesmas: a soidade. Porque nas pouco menos de duascentas páxinas desta novela —unha lectura dixestiva para cando haxa pouco tempo ou moito traballo, por certo— hai oco tamén para isto. Ao cabo, e coma sempre tratamos de transmitir os profesores de Literatura, está ben que existan novelas para se entreter, pero non debemos esquecer que, dende o principio dos tempos, a narración serve para nos explicar a nós mesmos e todo aquilo que nos rodea, un aspecto que, cada vez máis, tende a desaparecer para deixar paso a unha visión exclusivamente hedonista do fenómeno literario.

Comentarios