El tiempo
domingo. 02.04.2023
El tiempo

Fágase a luz

Javier Nogueira pide que se lea a Walter Benjamin máis aló da anécdota de que se suicidou en Port Bou para fuxir dos nazis

Walter Benjamin.
Walter Benjamin.

UNHA PORTADA cor crema enmarcada cunha primeira franxa entre rosa e vermello, unha segunda morada e unha terceira verde. É de cartón e por iso os exemplares da biblioteca da Facultade de Filoloxía estaban adoito esnaquizados, sen esquinas e cunhas engurras que delataban un uso intenso. Autor e título van en tipo de letra grande e de feito só colle unha palabra por liña: Walter Benjamin, Iluminaciones. Perseguín o libro moitos anos. Pasou de difícil de atopar en bo estado a imposíbel de atopar sen máis. Agora Taurus ten a ben reeditalo na colección Clásicos Radicales, o que acae perfectamente.

A pesares da súa grandeza como crítico, a peripecia final de Walter Benjamin ensombreceu a súa figura para o grande público. Cóntanse por milleiros as reportaxes dedicadas á súa chegada a Port Bou fuxindo da persecución dos nazis por xudeu e marxista. Alí impedíronlle o paso as autoridades españolas por non ter visado de saída de Francia. Levado a una fonda, suicidouse ao crer que o devolverían onde puidese caer nas poutas da Gestapo. Uns días despois a España franquista decidiu eliminar as restricións ao tránsito. Corre polas redes mesmo a factura que a pensión pasou ao xulgado polos gastos do defunto.

Nin unha liña máis paga a pena dedicar a tan triste episodio cando temos as Iluminaciones na man. Os editores eliminaron un par de textos do orixinal e incluíron os diversos prefacios escritos por Jesús Aguirre, a quen se coñeceu maiormente en España como marido da duquesa de Alba, en axeitada metáfora do que somos e o que poderiamos ser. Os textos de Aguirre son excepcionais, pero o recomendábel é lelos cando xa se teña rematado o volume e, aínda máis, asimilado as ideas de Benjamin.

Tres eixes vertebran a colección. O primeiro, a posición do intelectual marxista fronte a arte e a influencia nela das ideas fascistas a mediados dos anos 30. As conversas entre o filósofo e ese xenio que foi Bertolt Brecht botan unha luz clara sobre unha nova representación da realidade na arte, a que quedou condensada no «distanciamento» do teatro brechtiano.

Naceu unha cidade nova e axiña a ocuparon os bohemios e os simbolistas, a moda e o ferro

O segundo, e quizais o máis coñecido, a relación entre a obra de arte e as novas formas de consumo. As ideas de Benjamin no seu ensaio sobre a reproductibilidade técnica matizáronse... pero aínda contan con plena vixencia, máis se atendemos aos fenómenos que teñen a súa orixe nunha basta mercantilización da obra de arte literaria. Por desgraza non deixou o ideólogo berlinés unha máis ampla desa ‘aura’ perdida coa produción en serie que distingue, por exemplo, a pintura da fotografía.

O terceiro é a vida do París decimonónico. Coas murallas derrubadas por Haussmann naceu unha cidade nova e axiña a ocuparon os bohemios e os simbolistas, a moda e o ferro. E Benjamin recolleu todo iso e creou a grande figura daquela época, a do flanêur, o camiñante que recorre sen destino fixo a cidade e se enchoupa da nova vida urbana, aquel que ten como modelo ao poeta maldito por antonomasia, un Baudelaire ao que o crítico dedica as súas mellores páxinas.

Eu, como lector de novela e poesía, non teño claro onde está a aura dos textos. Pode que nin sequera exista e o certo é que arestora a poucos interesa, tan centrados que estamos no entretemento. Pero se existise, de seguro que Walter Benjamin, de non ter rematado os seus días nun escuro hotel catalán, a tería atopado. Porque os seus estudos tínguense de creación orixinal: cando Benjamin fala, escoitamos o ‘Fágase a luz’ da crítica.

Fágase a luz
Comentarios